Bases do Certame de Narrativa Curta do Concello de Curtis Ó rescate da memoria

“Na convocatoria deste ano, preténdese homenaxear ás persoas achegadas a nós que nos rodearon ou rodean, facendo visibles certos episodios das súas vidas que de seguro enriquecerán o noso presente. Trátase dun exercicio de historia oral a través da recuperación de acontecementos importantes ou aparentemente nimios, coa intención de convertelos en relato, para investigar e poñer por escrito esas anécdotas que circulan polos ambientes familiares desde hai anos. A historia non só se constrúe de grandes relatos, senón de pezas mínimas do día a día. Historias de familia que esconden grandes verdades, alegrías e tristezas doutras épocas. Así, este ano o certame de narrativa curta do concello de Curtis céntrase en nomes propios de avoas e avós, de veciñas e veciños, de nais e pais. Porque se ben é certo que todo o mundo ten algo que contar, que menos que escoitalo atentamente… e compartilo a través dun relato!.

BASES DO CERTAME DE NARRATIVA CURTA DO CONCELLO DE CURTIS
Ó RESCATE DA MEMORIA

1. Convócase o XIII Premio de Narración Curta do Concello de Curtis Ó RESCATE DA MEMORIA.
2. Os traballos presentados deberán estar escritos en lingua galega.
3. Os textos deberán ser orixinais, inéditos, e non premiados en ningún outro certame.
4. Deberán enviarse escritos en formato WORD e cunha extensión comprendida entre os 3000 e os 5000 carácteres (espazos incluídos).
5. Enviaranse á seguinte dirección de correo electrónico: relatoscurtis@gmail.com
Achegarase no arquivo de WORD unha última folla que conteña unha copia do DNI, enderezo, teléfono de contacto, e a categoría á que pertence.
6. A data límite de entrega é o 20 de abril de 2018.
7. Establécense dúas categorías:
A-Dos 12 ós 18 anos
B-Dos 19 anos en diante
e dous premios en metálico para cada categoría:
Categoría A: 1º premio de 200 euros
2º premio de 100 euros
Categoría B: 1º premio de 350 euros
2º premio de 150 euros
8. Os traballos que non cumpran as presentes bases quedarán fóra de concurso.
9. O xurado, que estará composto por membros de recoñecido prestixio dentro do mundo da cultura, resérvase o dereito de outorgar un premio compartido en calquera das categorías se así o considera.
10. Os traballos premiados pasan a ser propiedade do Concello de Curtis, que se reserva o dereito de publicación a través dos medios que considere oportunos e sen afán de lucro.
11. Convidarase ós/ás premiados/as ó acto de entrega que terá lugar no mes de xuño, e no que se agarda a súa asistencia ou a dunha persoa autorizada.
12. A presentación das obras supón a aceptación destas bases.
Para calquera dúbida, escribir ó correo electrónico do certame: relatoscurtis@gmail.com ou chamar ó 651046603.”

I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz

O I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz está organizado pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan o I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz.
Esta é unha actividade complementaria das Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Cando ler non serve para nada, coa finalidade de promover a literatura infantil e xuvenil en lingua galega e homenaxear, ao tempo, unha das súas figuras máis representativas.

OBXECTIVO
O noso obxectivo é potenciar a novos escritores e escritoras en lingua galega para que desperten ou manteñan vivo o vicio de ler en nenos/as e mozos/as. Queremos fuxir da literatura infantil e xuvenil utilitaria e reivindicar o dereito a ler como fonte de gozo desde idades temperás.

PARTICIPACIÓN
Poderán participar no concurso todas as persoas interesadas en escribir para público infantil e xuvenil en lingua galega. Os textos deberán ser inéditos.

PRAZO DE PRESENTACIÓN
A data límite para a recepción de textos será o 24 de febreiro de 2018.

ENVÍO DE ORIXINAIS
As obras que se presenten terán un máximo de cinco páxinas mecanografadas a espazo e medio. Non obstante, o xurado podería reconsiderar este criterio se a temática ou o necesario desenvolvemento do argumento así o requirise. Os/as participantes enviarán o texto en formato pdf por correo electrónico ao seguinte enderezo candolernonserve@gmail.com co asunto “I Concurso Agustín Fernández Paz”. Para alén dos relatos, os participantes incluirán tamén outro documento en que figuren os seus datos persoais: nome, apelidos e teléfono de contacto.

XURADO E FALLO DO PREMIO
Unha comisión composta por especialistas no campo da literatura infantil e xuvenil seleccionará un dos textos aténdose á calidade literaria, á orixinalidade e á creatividade.
Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, a teor do criterio dos membros da comisión, o premio poderá declararse deserto. Este reunirase na segunda quincena do mes de marzo e dará a coñecer a obra premiada o día 2 de abril a través da web da Facultade de Ciencias da Educación (http://www.educacion.udc.es) e da web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (http://www.aelg.gal).

PREMIOS
A persoa autora da obra premiada recibirá un vale da libraría Moito Conto por valor de 150 €. Así mesmo, o relato gañador será exhibido nun espazo público da Facultade de Ciencias da Educación. Se a comisión considera de calidade outras obras non gañadoras, estas poderán recibir un accésit e participar tamén da dita exposición.

ACTO DE ENTREGA
O galardón entregarase nun acto organizado pola Facultade de Ciencias da Educación o 23 de abril. As persoas recoñecidas, ben co premio, ben con accésits terán que acudir en persoa.

Marilar Aleixandre gaña o XI Premio Raíña Lupa coa novela A filla do Minotauro

Desde a Deputación da Coruña:
“A novela A filla do Minotauro da escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XI Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña. A escritora é a primeira muller que gaña o certame de literatura infantil e xuvenil.
Un xurado composto por Héctor Cajaravillegañador da edición anterior–, Charo Pita, Antonio Reigosa, Pilar Sampedro e María Solar, coa vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta do xurado e a xefa de sección da área, Manuela Muñiz, como secretaria decidiron, por unanimidade, premiar a novela de Marilar Alexandre como gañadora do XI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.
A obra, titulada A filla do Minotauro e presentada co lema Siracusa, relata unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. O xurado destaca “a mestura de tempos históricos” da novela e a súa “relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural”. A través da aventura que protagoniza a obra pódense facer, segundo o xurado, “moitos niveis de lectura”. Ademais, destacan a “calidade literaria da obra” nunha convocatoria cun “alto nivel das obras publicadas”.
O xurado decide seleccionar como finalista a obra Como bágoas de dragón da escritora Andrea Maceiras e recomenda a súa publicación. A novela xira arredor do acoso escolar. Nesta edición presentáronse ao concurso un total de 48 obras, case o dobre do pasado ano que foron 27 as que concorrían ao galardón. A gañadora recibirá 6.500 € do premio máis a publicación da obra. (…)”

A escritora Ledicia Costas, Premio Lazarillo 2017

Desde Xerais:
“A escritora Ledicia Costas resultou gañadora do Premio Lazarillo de Creación Literaria 2017 que concede a OEPLI, Organización Española para el Libro Infantil e Xuvenil cunha novela titulada Plumas e unicornios, que publicará Xerais. O premio, elixido entre un total de 68 obras, foille concedido ex aequo canda a obra No te muevas musaraña, de Rafael Salmerón. O xurado estivo integrado por Xosé Antonio Perozo, copresidente da OEPLI, e por Nuria Ranz, Montse Pena, Arantxa Bea e Idoia Etxegoien, en representación das catro seccións territoriais da OEPLI; actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaria Técnica da OEPLI.
A novela de Ledicia Costas está ambientada no Londres victoriano e ten unha marcada estética steampunk. Un dos seus personaxes principais é Ágata, unha humana mecánica, e o seu robot Tic-Tac, que emprenden unha viaxe para salvarlle a vida ao máxico León, o seu grande amigo, sen saber que tras eles vai Jack o Destripador. Trátase dunha novela coral, onde o amor convive con sentimentos tan desgarradores como o odio ou a vinganza. Segundo o xurado, o texto crea un universo de fantasía orixinal poboada de poderosos personaxes. Unha representación da loita do ben o o mal nunha obra literaria extremadamente coidada. (…)”

María Reimóndez gaña o I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade

Desde Sermos Galiza:
“A escritora María Reimóndez é a gañadora do I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, polo Concello de Vilalba e por Edicións Xerais.
Fóra do normal é o título da obra gañadora. O xurado destaca nela o tratamento da temática trans, dos personaxes e da banda deseñada como camiño de comprensión do mundo, así como o valor de contar con heroes á hora da superación do conflito.
O xurado estaba composto por Marica Campo, Manuel Bragado e Xabier Puente DoCampo.”

Bases do II Certame de Narración Breve Mestre Manuel Gacio

1.- Poderá participar calquera mozo/a matriculado en educación Primaria ou ESO, segundo as seguintes categorías:
A: Alumnos/as de Primaria
B: Alumnos/as de Secundaria
2.- En ambas categorías a extensión máxima será de 5.000 caracteres, espazos incluídos.
3.- Os textos versarán sobre o Pico sacro e deberán estar escritos en lingua galega, orixinais e non premiados noutros concursos.
4.- Deben ser presentados por quintuplicado, en folio tamaño A4, entreliñado simple e tamaño de letra 12, paxinados e sen asinar. Entregaranse orixinal e catro copias nun sobre no que figure título e lema da obra, no seu interior outro sobre con título e lema pechado e se enviarán nome do autor, fotocopia DNI, enderezo e número de teléfono.
5.- Os traballos deben ser enviados a:
Centro de interpretación Pico Sacro
Rúa Pedro Ballesteros nº 25
Cachosenande
15881 Lestedo
Boqueixón -A Coruña-
6.- Haberá dous premios por categoría, aínda que o xuri pode declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos textos.
Os premios serán:
Categoría A: Un fin de semana nun balneario de Galicia para o autor e dous familiares, para o primeiro premio.
O segundo premio un cheque por valor de 75 euros para libraría Lino de Lestedo.
Categoría B. Os mesmos que premios que na categoría A
7.- A data límite de entrega remata o 30 de novembro de 2017
8.- A composición do xuri darase a coñecer na páxina da asociación mestre Manuel Gacio.
9.- A asociación Mestre Manuel Gacio reservase o dereito de divulgación ou publicación dos textos premiados. Neste senso os autores renuncian a calquera compensación económica.
10.- Os traballos non premiados poden ser solicitados polos seus autores no prazo dun mes despois de publicarse o fallo do xuri. Aqueles non reclamados en prazo serán destruídos.
11.- O xuri e a asociación están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante algún imprevisto non recollido nas presentes bases.”