Fallado o XIV Premio de Narración Curta Concello de Curtis

“O xurado do certame do XIV Premio Narración Curta Concello de Curtis fallou xa os premios destacando o alto nivel dos relatos presentados, así como o récord no número de participantes, 115 de toda Galicia.
A proposta temática deste ano foi un reto literario no que se convidou á xente a escribir un relato no que tiñan que aparecer vacas, un tren e… zombis!
O Concello de Curtis convoca este galardón desde hai catorce anos co fin de promocionar as letras galegas.
Os premiados:
CATEGORÍA A (xente nova)
1º premio de 200 euros para Nee Barros Fernández, de Marín, polo seu relato RE(IN)SURRECCIÓN.
2º premio de 100 euros para Alba Guzmán Falcón, de Ourense, polos seu relato RESURRECCIÓN.
CATEGORÍA B (xente adulta)
1º premio de 350 euros para Antonio Piñeiro, de Ribeira, polo seu relato ONDE NOS LEVEN.
2º premio de 150 euros para Emma Pedreira e Eli Ríos, da Coruña, polo seu relato ZETAVACAS.
O xurado estivo formado polo escritor Antonio Manuel Fraga e pola gañadora da edición anterior, Elena Pérez Vázquez, xunto coa coordinadora do certame, Lucía Aldao, con voz e sen voto.
Os galardóns entregaranse o 7 de xuño.”

Os Premios Xerais 2019 fallaranse o sábado 7 de xuño. Nesta edición compiten un total de 92 obras

“Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres 31 de maio. Os premios serán fallados o sábado 7 de xuño.
O xurado da XXXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuará como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 20 obras, está formado por: Javier Balea (divulgador científico, creador de “Moléculas en galego”), María Cerdeira González (estudante de Ciencias da Educación), David Díaz Díaz (profesor de Lingua galega e literatura, coautor de “Bolboretas no bandullo”), Tensi Gesteira Estévez (responsable do blog “Lecturafilia”), Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura)  e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actuará como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 28 obras, está formado por: Sabela Fernández Trelles (profesora e asesora en Educación Infantil e Primaria), Sira González Rodríguez (bibliotecaria), María Jesús Iglesias García (profesora de Educación Infantil e Primaria), Ángel Iglesias Mariño (profesor e membro de Espazo Lectura), Andrés Meixide Gayoso (deseñador gráfico e ilustrador) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire que actuará como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 31 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar en xuño.
Como o pasado ano a festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.”

Coñécense as obras gañadoras do II Premio de Poesía Estratosférica

Beatriz Maceda Abeleira gaña o II Premio María Victoria Moreno

Desde o Concello de Pontevedra:
“A última hora tarde do 10 de abril tivo lugar a deliberación do xurado do II Premio María Victoria Moreno, composto por Eli Ríos en representación da familia de María Victoria Moreno, Antonio Sambade Caamaño, alumno do IES Torrente Ballester, Anxos Rial en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, gañador da edición anterior, Andrea Jamardo Seijo en representación de Urco Editora e David Cortizo Conde, de Urco Editora, que actuou como secretario.
A obra gañadora, presentada baixo o título de Ardora foi seleccionada por maioría entre as 17 pezas nas que a narrativa e a fantasía foron os xéneros predominantes, non habendo ningunha representación –como si houbo o ano pasado– de poesía ou teatro.
Unha vez aberta a pica, a autora resultou ser Beatriz Maceda, escritora galega que conta entre a súa bibliografía con títulos como Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán ou Man. O alemán de Camelle. Recibirá unha dotación económica de 4.000€ por parte do Concello de Pontevedra e a súa obra será publicada por Urco Editora.
O xurado destacou da mesma o seu “compromiso co ecoloxismo e coas novas formas de convivencia, a construción duns personaxes secundarios de gran relevancia, o emprego responsábel das novas tecnoloxías e sobre todo salienta a empatía co seu público potencial: o lectorado que está nos primeiros anos da adolescencia”.”

Acta do xurado do I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil Muíño do Vento