O escritor Ramón Vilar gaña o XX Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela

DesdeRamón Vilar Landeira La Voz de Galicia:
“O xornalista e escritor Ramón Vilar Landeira, natural de Cerceda, ven de acadar o premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela na súa vixésima edición.
O galardón, concedido pola Fundación de exposicións e congresos da Estrada, recoñece unha serie de tres artigos –A vez que me bicaron nunha cabina electoral, As volutas de fume dos habanos e Aquel lume que lles ardía nos ollos– publicados na sección Fóra de cobertura de La Voz de Galicia, na edición de Carballo. O xurado valorou «a frescura, a fluidez e o estilo narrativo que mantén a atención do lector ó longo dos artigos»
Ramón Vilar foi xornalista e columnista en varios xornais e director da revista Vieiros na súa derradeira etapa. Como escritor, obtivo o premio de poesía Rosalía de Castro de Cornellà e o premio Valle-Inclán de relato curto no 2006 coa obra Arrítmicos eran os corazóns. O ano pasado publicou na editorial Xerais a novela Os televisores estrábicos.
A entrega do premio -dotado con 1.000 euros- será o día 25 ás 19:00 horas no recinto da Feira do Moble, nun acto presentado polo presidente da Real Academia de Ciencias de Galicia, Miguel Ángel Ríos.

Ponte nas Ondas e Xurxo Souto gañan o Premio Ondas á mellor cobertura informativa

DesdeXurxo Souto Sermos Galiza:
“Ponte nas ondas e Xurxo Souto reciben o único Premio Ondas a un programa ou proxecto nunha lingua distinta do español. O programa radiofónico no que participan centros escolares e emisoras de Galiza e Portugal e o escritor Xurxo Souto impuxéronse nos galardóns aos que concorreron 300 candidaturas de máis de 20 países de todo o mundo. A Cadena Ser concede os Premios Ondas que conmemoran nesta edición o seu 61 aniversario.”

O Premio de Xornalismo Reimóndez Portela recae en José Manuel Bertolo e Luis M. Ferro

Desde El Correo Gallego:
“O xurado do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela emitíu o seu fallo, tras celebrar a reunión na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Nesta ocasión, os gañadores, elexidos por maioría, foron José Manuel Bértolo e Luis M. Ferro, por unha serie de catro artigos (Casa de Vilancosta. Berres, Casa e Capela dos Reimóndez Figueroa en Castrotión, Nas orixes de Rosalía de Castro e Novas aportacións á Torre de Guimarei), publicada en dous xornais.
O xurado, presidido pola xerente da fundación estradense, Mercedes Cuíña, estivo composto por Juan Manuel Constenla Carbón, Juan Andrés Fernández Castro, Victoria Reimóndez Sanmartín, María del Carmen Vieites Conde, e José Manuel Bouzas, que fixo as veces de secretario.”

O Premio Fernández del Riego de Xornalismo premia un artigo de Manuel Bragado

Desde Sermos Galiza:
“O editor Manuel Bragado é o novo gañador do Premio Fernández del Riego de Xornalismo polo seu artigo Illa Soidade, publicado no xornal diario Faro de Vigo do que é colaborador. No artigo, Manuel Bragado repara, como todos os días e todas as noites, nun vello que vive na rúa, no centro de Vigo e reflexiona, cunha coidada lingua e unha tensión que convida á lectura, sobre os “sen teito” ao tempo que, desde a imaxe do home da rúa Urzáiz faise preguntas sobre o seu pasado, as razóns que conducirían a súa vida e mesmo sobre o seu futuro, nun artigo de corte social e forma literaria que toma o título da novela da escritora An Alfaya, Illa Soidade. (…)
O premio Fernández del Riego está convocado pola Fundación Novacaixagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés e está dotado con 6.000 euros.”

José Casas gaña o X Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo

Desde Sermos Galiza:
“O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores decidiu premiar a José Casás García por Os exemplos, un texto que, segundo o xurado, conecta coas xeracións máis novas e constrúe un elo entre exemplos normalizadores de onte como a Xeración Nós e os de hoxe como a Xeración Xabarín.
O premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo nos medios de comunicación colaboradores, entre os que se atopa Sermos Galiza. O artigo darase a coñecer o próximo domingo día 18 de maio. A entrega do premio desenvolverase no marco da Festa da Lingua que terá lugar a sexta feira 16 no Pazo da Cultura de Carballo na que actuarán Os Tres Trebóns e García Mc, ás 21.00 h, con entrada libre e gratuíta.
O xurado estivo composto por Belén Puñal, Mariña Pérez Rei, Cristina Abelleira e Nel Vidal.”

Manuel Darriba gaña o X Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego

Entregouse en Pontevedra o X Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, outorgado pola Fundación Novacaixagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Nacido coa vocación de recoñecer e impulsar o uso do noso idioma nos medios de comunicación, este ano recaeu nun artigo de Manuel Darriba.

Xosé Luna Sanmartín gaña o XVIII premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela

Desde Cultura Galega:
“O profesor Xosé Luna Sanmartín (A Estrada, 1965) é o último gañador do premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela, por cinco artigos de opinión (A paixón polos libros, Feira da Construción, Finalidade suprema da lectura, Fútbol e Literatura e Librerías Paraíso) que publicou no xornal dixital noticieirogalego.com. A entrega do galardón, dotado con 1.000 euros, terá lugar o vindeiro 20 de setembro, no marco da XXVII Feira do Moble de Galicia. O xurado destacou “a frescura e a actualidade dos mesmos, destacando a coherencia temática e o recurso eficaz ao humor e ás anécdotas ben traídas”.”

Mariña Pérez Rei, Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo

Desde Sermos Galiza:
“O xurado do premio valorou, entre outras cousas, que O sotaque de Aurelia, de Mariña Pérez Rei ten capacidade de incidencia en públicos amplos e variados ademais da calidade da súa escrita e o abordar un tema de actualidade como foi o despoxo de Aurelia Rei.
Narradora e poeta, Mariña Pérez Rei gañou con anterioridade premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Lueiro Rei ou o Avilés de Taramancos. Entre as súas obras atópanse os poemarios Fanerógama, Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante ou Paquidermo, mentres en narrativa escribiu Canícula, Costa Necrópole ou Contrapicados.
O premio será entregado o mércores día 15 de maio nun acto púbico no Pazo da Cultura de Carballo que contará coa actuación de Carlos Blanco. Presentáronse 46 textos que foron escollidos por un xurado composto por Belén Puñal, Carlos Callón, Xurxo Chapela e Nel Vidal.

Héitor Picallo gaña o XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez

O xurado do XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela outorgou, por unanimidade, o galardón a Héitor Picallo por catro artigos publicados no Diario de Arousa. No fallo valórase ante todo o grande dominio do xénero xornalístico do premiado, así como a linguaxe cultra, rica e variada que “amosa o autor, transmitindo ao lector a importancia do uso do galego, en perfecta convivencia con calquera outra lingua”. A defensa do idioma, engade o xurado, “está feita dende o máis fondo respeto, sensibilidade e tolerancia”. Vía El Correo Gallego.