Xosé Neira Vilas recibe a Medalla Alejo Carpentier

‘O Consello de Estado da República de Cuba outorgoulle ao escritor e membro da Real Academia Galega (RAG) Xosé Neira Vilas (Gres, 1928) a medalla Alejo Carpentier, que recoñece os “relevantes méritos alcanzados” polo autor e o seu “labor no enriquecemento da cultura” nacional cubana e galega. Así o expresou onte o cónsul de Cuba, Alejandro Fuentes, quen entregou a insignia ao escritor galego nun acto celebrado na facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, ao que tamén asistiron o reitor da institución, Juan Casares Long, e a directora da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier, Ana Chouciño. Neste escenario, emocionado, Neira Vilas dedicou este recoñecemento á súa muller, Anisia Miranda –falecida hai ano e medio–, e destacou os “lazos” que unen Galicia e o país que cualificou como a súa “patria paralela” e que fan posible a “existencia” dunha “simbiose cultural” presente en todas as disciplinas de saber. Deste modo, coincidindo coa celebración do 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, a Universidade de Santiago (USC), a través de cátedra de cultura cubana Alejo Carpentier, tamén se sumou ao recoñecemento a “unha das plumas máis relevantes” da literatura galega que “pasou grande parte da súa vida na illa americana”, como expresou a directora do departamento, Ana Chouciño.’ Vía Xornal.

Convocados os Premios da Cultura Galega

“O Diario Oficial de Galicia publicou o 21 de xuño a orde da Consellería de Cultura e Turismo pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para 2011, co obxecto de apoiar o labor creativo na Comunidade e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade. A Consellería de Cultura e Turismo premiará o traballo creativo da nosa comunidade e a súa expansión no exterior a través de sete modalidades: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual. O prazo de presentación de candidaturas amplíase este ano a dous meses, contados a partir do mércores 22 de xuño.

Premio Cultura Galega das Letras.
Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vencellada á escrita galega, que se consideren con méritos especiais no que atinxe a recursos literarios, investigación de linguaxes propias, innovación no plano expresivo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer o sistema literario galego e a súa imaxe pública interna ou externa.

Concédese un único premio en cada unha das modalidades descritas e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.
O xurado para o ano 2011 estará formado por un máximo de 12 membros. O presidente será o conselleiro de Cultura e Turismo e serán vogais o presidente do Consello da Cultura Galega ou persoa designada por el, os tres reitores das universidades galegas ou persoas designadas por eles, o presidente da Real Academia Galega ou persoa designada por el, a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario ou persoa designada por ela, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos e catro profesionais de recoñecido prestixio, designados pola Consellería de Cultura e Turismo. A decisión do xurado resolvendo o outorgamento dos premios farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Cultura e Turismo.

Xulia Alonso gaña o Premio San Clemente en lingua galega, por Futuro imperfecto

“O primeiro libro de Xulia Alonso Díaz, Futuro imperfecto, resultou gañador da XVII edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente en lingua galega. Os outros finalistas foran Denso recendo a salgado, de Manuel Portas, e Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes. En castelán a novela gañadora foi Riña de gatos, de Eduardo Mendoza, e en lingua estranxeira Brooklin, de Colm Tóibin. Organizado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, o Premio está dotado con 9.000 euros e recoñece a mellor novela do ano en cada modalidade, elixida por alumnos de Bacharelato deste e doutos catro institutos galegos. A edición deste ano contou ademais cun instituto portugués e outro de Madrid.” Vía Galaxia.

Sanxenxo: gala de entrega de premios do VII Certame Literario IES Sanxenxo, con María Lado, Lucía Aldao e Xosé Neira Vilas

O venres 10 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo terá lugar a gala de entrega de premios do VII Certame Literario IES Sanxenxo, dentro da que haberá un recital poético-musical con María Lado e Lucía Aldao. Como escritor convidado estará Xosé Neira Vilas. Crónica posterior en Galaxia.

Entrega do Pedrón de Honra a Andrés Pociña e Aurora López

Na entrega do Premio Pedrón de Honra a Aurora López e Andrés Pociña:
“(…) Por outra parte, Andrés Pociña destacou da súa muller, a premiada Aurora López, os traballos de recuperación de escritoras medievais e clásicas “maltratadas polos estudos académicos” e tamén doutras actuais e puxo de relevo os seus traballos na Universidade de Granada a favor da igualdade. Aurora López, pola súa banda, reivindicou a lingua galega e a Rosalía, que a mantiveron vencellada a Galicia 35 anos despois de chegar a Granada e criticou ó Goberno galego por todo o empeño que está poñendo en “salvar ó castelán” porque di que está en perigo.
De Andrés Pociña e Aurora López a Fundación destacou obras como Rosalía de Castro, Documentación biográfica e bibliográfica crítica (1937-1990), unha edición crítica de Cantares Gallegos, Rosalía de Castro. Estudos sobre a vida e a obra ou Conversas con Maruxa Villanueva.
Tamén considera importantes as súas achegas e publicacións en distintos diarios e revistas que inciden nos debates públicos sobre a identidade galega e a súa incidencia importante no mundo cultural europeo. López é profesora titular de Filoloxía latina e Pociña, catedrático da mesma materia na Universidade de Granada.” Vía Galicia Hoxe.