Feira do Libro de Bos Aires, capital Compostela

DesdeFeira Libro Bos Aires Compostela Sermos Galiza:
“Outro dos acontecementos literarios do ano é a Feira do Libro de Bos Aires, que terá como cidade convidada a Santiago de Compostela. A representación galega inclúe 25 escritores do país.
Manuel Rivas, Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán-Vello, Miguel Anxo Murado, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Xaquín del Valle-Inclán, Diego Ameixeiras, Cesáreo Sánchez, Chus Pato, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, María Meijide, Xavier Alcalá, Luís G. Tosar, Elena Gallego, Clara Gayo, Antón Lopo, Benigno Campos, Ángel Carracedo e Jorge Mira participarán nas actividades programadas na capital arxentina para promover a nosa cultura neste espazo de intercambio entre os diferentes actores da industria editorial internacional.
A Feira Internacional do Libro (FIL) de Buenos Aires 2016, que se celebrará na cidade arxentina do 21 de abril ao 9 de maio, tamén acollerá a participación de editoriais e outros axentes da cadea de valor do libro, así como institucións como a propia Xunta de Galicia, o Consello da Cultura ou o Concello de Santiago, converténdose no grande escaparate da produción literaria galega actual. Durante tres semanas, Galicia será protagonista da axenda bonaerense con exposicións, charlas, espectáculos escénicos e proxeccións audiovisuais.”

Os Premios Bos e Xenerosos da Fundación Eduardo Pondal recoñecen a traxectoria de Margarita Ledo e Siro López

DesdeMargarita Ledo aSiro López Real Academia Galega:
“”Unha nación pequena e subalterna pode contribuír a transformar a realidade”. A académica Margarita Ledo compartiu esta idea na entrega dos Premios Bos e Xenerosos da Fundación Eduardo Pondal, que este ano recoñeceron a súa traxectoria xunto ás do científico Ángel Carracedo, a cantante Guadi Galego e o debuxante Siro López. Ledo Andión empregou como fío condutor no seu discurso a frase do Himno “os tempos son chegados”, que segue a servir hoxe para reivindicarmos que “a igualdade deixe o limbo das declaracións e pase a ser parte desta terra na que pomos os pés”, salientou.
No seu discurso, que pode lerse aquí, Margarita Ledo lembrou o artista hip-hop Jean-Michel Basquiat, quen malia morrer con só 27 anos converteuse nunha das referencias na arte contemporánea. A arquiveira-bibliotecaria da RAG e catedrática de Comunicación Audiovisual contou como percorrendo o día anterior a mostra da súa obra no Museo Guggenheim pensou “que unha nación pequena e subalterna tamén pode contribuír a transformar a humanidade”. A mostra ten como nó organizador a consigna Now is the time do discurso “I have a dream” de Martin Luther King, que a premiada comparou con “os tempos son chegados” de Eduardo Pondal.
“Cando, a día de hoxe, volvemos dicir ‘os tempos son chegados’, dámoslle continuidade a unha xinea que tomou posición, que interveu no medio e medio da praza, que soergueu símbolos, que anticipou un xeito de pensar o futuro como emancipación comunal. Now is the time (…), tamén para nós esa frase do Himno significa que cómpre acadar poder político para deter a nova emigración, que é preciso mudar para as mans do común eses recursos imprescindíbeis para que a igualdade deixe o limbo das declaracións e pase a ser parte desta terra na que pomos os pés”, engadiu a académica.
Na homenaxe, celebrada na sede da Fundación Eduardo Pondal, na aldea do Couto de Ponteceso, participaron numerosos amigos e autoridades, entre eles o alcalde do concello e presidente da Fundación, Lois García Carballido, e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, xunto a outros académicos.”

O ILG esixe discriminación positiva para o galego

‘Nun discurso contundente e diáfano, a directora do ILG, Rosario Álvarez, leulle a cartilla ao presidente Núñez Feixóo e ás demais autoridades, tanto da Xunta coma do parlamento, as deputacións e os Concellos. “Sen discriminación positiva e maior peso do galego no ensino, o futuro da lingua é complicado”, afirmou. Álvarez considerou no seu discurso de aceptación da Medalla Galicia para o instituto que dirixe, que o galego está a vivir un momento de gran dificultade e subliñou a orixe do problema. “Perante o desafecto de certos sectores sociais e a deserción de certas autoridades, esa crise agravarase até cegarlle o camiño do porvir”. No mesmo acto, o outro galardoado coa Medalla Galicia, o investigador en Xenética Anxo Carracedo, reclamou maior apoio ao desenvolvemento científico. Tras criticar a falta de recursos para a ciencia en Galiza, recordou a “débeda histórica” do Estado co noso país a ese nivel. “Recibimos menos apoio que outros territorios e pola contra os científicos galegos demostran día a día que saben ofrecer moito máis do que reciben”.’ Vía A Nosa Terra. Tamén en El Progreso e Galicia Confidencial.