Oleiros: presentación de Raíz e soño (Canción de Oleiros) 1976-2008, de Xavier Seoane

O mércores 27 de outubro, ás 19:00 horas, preséntase na Biblioteca Central Rialeda de Oleiros o libro Raíz e soño (Canción de Oleiros) 1976-2008, de Xavier Seoane, publicado pola Editorial Trifolium. No acto participan, co autor, o poeta e presidente da AELG Cesáreo Sánchez, e a directora da Biblioteca Central Rialeda de Oleiros, Luz Corral.

Santiago: presentación da versión do Sempre em Galiza en portugués

O mércores 27 de outubro, a partir das 19:30 h., preséntase na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela a primeira versión en portugués do Sempre em Galiza, publicado en Avante Editora, da AGAL, onde intervirán Fernando Vásquez Corredoira, Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez e Miguel R. Penas.

Lugo: presentación de Cautivério de Fingoi. Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero, de Ramón Reimunde

O mércores 27 de outubro, ás 20:00 h., no Salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), preséntase o libro Cautivério de Fingoi. Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero, de Ramón Reimunde, editado polo servizo de publicacións da Área de Cultura da Deputación.

A Coruña: presentación de Onde houbo lume, de Marica Campo

O martes 26 de outubro, a partir das 20:30 h., na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16-18) da Coruña, preséntase Onde houbo lume de Marica Campo, publicado por Biblos. No acto participan, ademais da propia autora, o editor Tucho Calvo e Pilar García Negro.

Cangas: presentación de Persépole, de Marjane Satrapi

O martes 26 de outubro, ás 20:00 h., no marco do Salón de Banda Deseñada que se celebra na Capela do Hospital de Cangas, preséntase  a tradución ao galego de Persépole, de Marjane Satrapi, título que abre a colección de novela gráfica de Rinoceronte Editora. O proxecto, que supón a entrada na BD do selo ubicado en Cangas, pretende publicar traducións á nosa lingua das principais obras da BD contemporánea internacional, coa intención de tirar seis títulos cada ano, tendo previsto seguir con Palestina e Safe Area Gorazde de Joe Sacco, ademais de Contrato con Deus de Will Eisner. A colección publicarase en formato de 17×24 centímetros e a branco e negro, procurando respectar, dentro deses límites o formato orixinal das obras.

A Coruña: presentación de A ciencia no punto de mira

O venres 22 de outubro, a partir das 20:00 h.,  no Museo da Domus (rúa Santa Teresa, 1) da Coruña preséntase o libro de Jorge Mira A ciencia no punto de mira, publicado por Auga Editora. O acto contará coa presenza do autor, de Xosé Antonio Fraga, director dos Museos Científicos Coruñeses, e de Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias.

Santiago: presentación de Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo

O venres 22 de outubro, ás 19:30 h., no Centro Socio Cultural de Fontiñas de Santiago de Compostela, preséntase o libro Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo, publicado por Laiovento, coa participación de Luís Villares, Anxo Louzao, Héctor Castro, Dalila Dopazo e Francisco Pillado. O acto está convocado pola plataforma Queremos Galego!.

Moaña: presentación de A porta verde do sétimo andar

O venres 22 de outubro ás 21:30 h., na Biblioteca Pública de Quintela (Moaña), preséntase o segundo libro do colectivo A porta verde do sétimo andar, que recolle a obra de Alberte Momán, Miguel Ángel Alonso Diz, Alfonso Láuzara, Rosa Enríquez, Ana Cibeira, Maria Neves Soutelo, Manolo Pipas, Alba Méndez e Ramiro Vidal Alvarinho.