Rianxo: presentación de Sete palabras

O libro de Suso de Toro Sete palabras será presentado este venres 29 de xaneiro ás 20:30 no auditorio de Rianxo. No acto estarán presentes o autor; o secretario de Barbantia, Xosé Ricardo Losada; o académico, investigador e Premio Barbantia da Cultura Galega 2009, Xosé Luís Axeitos; o director de Xerais, Manuel Bragado; e mais o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro.

Teo: presentación dun libro de Humberto Busto

C3 Editores presenta este venres 29 de xaneiro o libro Achegas do alén Miño: Pascoaes, Coimbra e Machado na Galiza de Humberto Busto. No acto intervirán Anxo González Fernández –catedrático de Filosofía da USC e prologuista da obra–, Martiño Noriega –alcalde de Teo–, Antonio Puentes Chao –director editorial de 3C3– e o propio autor. Será a partir das 20:15 na Librería O trasno viaxeiro (Cacheiras, Teo).

A Coruña: Lourenzo Fernández Prieto presenta o seu novo libro

O próximo mércores 20 de xaneiro ás oito do serán preséntase na sala de prensa da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) o libro Facendo Historia con memoria de Lourenzo Fernández Prieto. No acto intervirán Ernesto Sánchez Pombo –xornalista–, Manolo Martínez Barreiro –analista político e autor do limiar–, X. Amancio Liñares Giraut –director editorial de 3C3– e o propio autor.

A Coruña: presentación de Once máis 15

Edicións do Cumio presenta este venres 15 no Fórum Metropolitano da Coruña o espectáculo poético-musical Once máis 15, libro-CD froito da unión entre once poetas galegos de todos os tempos e quince grupos da escena musical actual. Versos que van dende Rosalía e Curros ata Antón Lopo e Daniel Salgado convértense en cancións por virtude dun elenco variado de músicos no que conviven a electrónica, o pop, o rock de diversa inspiración e case todos os estilos imaxinables.

O libro recolle as versións orixinais dos poemas, aquelas que serviron como punto de partida para as composicións dos músicos, así como pequenas biografías dos autores. Por parte dos músicos, a edición aporta imaxes das bandas e textos que os presentan.

No concerto no Fórum, dentro do ciclo Espazo Aberto, presentará o proxecto coas actuacións de Elanor, Xurxo Mares e Miguel Alonso. O concerto será o venres 15 de xaneiro ás 20 h e o prezo das entradas será de 3 euros.

Ferrol: presentación do libro-disco Tic-tac de Pablo Díaz

TicTac_imoscontarconto

O libro-disco Tic Tac do músico coruñés Pablo Díaz e con ilustracións de Marc Taeger será presentado este sábado 2 de xaneiro en Ferrol. O libro está editado por Kalandraka e conta coa colaboración de trinta músicos, entre eles Xabier Díaz, Guadi Galego, Carmen Rey e Ruote, ademais das achegas de Santiago Auserón e Xurxo Souto no prólogo e no epílogo, respectivamente.