Santiago: presentación de En defensa do poleiro

O martes 16 de novembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase En defensa do poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e no que participaron máis de 60 escritores galegos. No acto estarán presentes Xoán Carlos Domínguez Alberte, coordinador do volume, con David Otero, Mariña Pérez Rei, Xan Fraga, Lourdes Maceiras, Xosé Manuel Lobato e Baldo Ramos. Tamén se proxectará o audiovisual: O Iesplicable.

Santiago: presentación do Dicionario Galego de Pedagoxía

O luns 15 de novembro, ás 19:30 h, na sala de xuntas da Facultade de Ciencias da Educación, Campus Vida, de Santiago de Compostela, preséntase o Dicionario galego de Pedagoxía, publicado por Galaxia. No acto participan Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Juan Casares Long, Reitor da USC, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, e os directores do dicionario, Felipe Trillo e José Antonio Caride.

O Temple, Cambre: Vermú literario en torno a Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O sábado 13 de novembro, a partir das 13:30 h., na Librería A Libreira (Rúa Luís Seoane 2, O Temple, Cambre) terá lugar Vermú Literario arredor do do libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado en Xerais. Durante o acto haberá un encontro co autor para celebrar a saída da segunda edición do libro. Máis información aquí.

Santiago: presentación de Sétimo andar, poesía alén

O sábado 13 de novembro, ás 12:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, preséntase o segundo libro do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, no que participan María N. Soutelo, Ramiro Vidal Alvarinho, Alfonso Láuzara, Rosa Enríquez, Alba Méndez, Manolo Pipas, Miguel Ángel Alonso Diz, Alberte Momán e Ana Cibeira.

Vigo: presentación de Algo máis que un café. O Derby de Vigo, de Albino Mallo

O venres 12 de novembro, ás 20:00 h, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n. Vigo), preséntase Algo máis que un café. O Derby de Vigo. 1921-1968, de Albino Mallo, publicado en Galaxia, onde se percorre a historia deste emblemático café da cidade olívica.

A Coruña: conferencia e presentación de Decrescimento, crise, capitalismo, de Carlos Taibo

O mércores 10 de novembro, a partir das 18:00 h., no salón de Graos da Faculdade de Ciencias de Educación da Coruña, preséntase o libro Decrescimento, crise e capitalismo, do profesor e ensaísta Carlos Taibo, publicado por Estaleiro Editora. O acto contará coa presenza do autor, que estará acompañado pola integrante de Estaleiro Editora e tamén profesora Iria Sobrino.

Santiago: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O xoves 11 de novembro preséntase na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (rúa San Francisco, s/n.), a partir das 20:00 h., o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto acompañarán ao autor Xosé María Fraga, Manuel Sánchez Salorio, Dolores Vilavedra e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de Prenderei a lareira, de Vicente Reboleiro

O xoves 11 de novembro, a partir das 20:30 h., na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro de poemas Prenderei a lareira, publicado por Baía Edicións. No acto, acompañando ao autor, participa Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Vilaboa, Culleredo: presentación de Do ventre da cóbrega, de Xavier Seoane

O mércores 10 de novembro, ás 20:00 h, na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra, en Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), no marco do III Outono das Letras organizado polo Concello de Culleredo, preséntase o libro Do ventre da cóbrega, de Xavier Seoane, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, participan Celestino Poza e Miguel Anxo Fernán-Vello.