A Coruña: presentación de A ciencia no punto de mira

O venres 22 de outubro, a partir das 20:00 h.,  no Museo da Domus (rúa Santa Teresa, 1) da Coruña preséntase o libro de Jorge Mira A ciencia no punto de mira, publicado por Auga Editora. O acto contará coa presenza do autor, de Xosé Antonio Fraga, director dos Museos Científicos Coruñeses, e de Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias.

Santiago: presentación de Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo

O venres 22 de outubro, ás 19:30 h., no Centro Socio Cultural de Fontiñas de Santiago de Compostela, preséntase o libro Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo, publicado por Laiovento, coa participación de Luís Villares, Anxo Louzao, Héctor Castro, Dalila Dopazo e Francisco Pillado. O acto está convocado pola plataforma Queremos Galego!.

Moaña: presentación de A porta verde do sétimo andar

O venres 22 de outubro ás 21:30 h., na Biblioteca Pública de Quintela (Moaña), preséntase o segundo libro do colectivo A porta verde do sétimo andar, que recolle a obra de Alberte Momán, Miguel Ángel Alonso Diz, Alfonso Láuzara, Rosa Enríquez, Ana Cibeira, Maria Neves Soutelo, Manolo Pipas, Alba Méndez e Ramiro Vidal Alvarinho.

A Coruña: presentación de En defensa do poleiro

O xoves 21 de outubro ás 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, preséntase En defensa do poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e no que participaron máis de 60 escritores galegos. No acto estarán presentes os representantes da Plataforma, con Xoán Carlos Domínguez Alberte á cabeza,  o presidente e secretaria da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas, así como a totalidade dos autores do entorno coruñés que participan nesta iniciativa: Olga Patiño, Diana Varela, Xulio López Varcárcel, Lino Braxe, Paco Souto e Francisco X. Fernández Naval. Expoñeranse tamén as ilustracións da pintura Mané Boán que ilustran o libro e proxectarase o audiovisual: O Iesplicable.

Santiago: presentación de Pressing Catch, de Paula Carballeira

O martes 19 de outubro, ás 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Pressing Catch, de Paula Carballeira, publicado en Edicións Positivas. No acto participa, coa autora, Paco Macías. O texto teatral xa foi levado á escena baixo a dirección de Quico Cadaval. Chiqui Pereira, Hugo Torres, Anabel Gago e a propia Paula Carballeira interpretaban os catro papeis protagonistas nun espectáculo que se estreou na Sala Nasa o pasado marzo e que se puido ver durante setembro en Vigo.