Bueu: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

O mércores 23 de xullo, ás 21:00 horas, no Museo Massó (Rúa Montero Ríos, s/n) de Bueu, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola editora e a Libraría Miranda, participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

Ribadeo: actos destacados do sábado 19 e domingo 20 na Feira do Libro

O sábado 19 e domingo 20 de xullo finaliza a Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 19
13:00 h. Presentación de Caderno de viaxe. A Mariña, con Luz Pozo e Eduardo Baamonde.
18:30 h. Presentación do álbum ilustrado 3, 2, 1…, de Pepablo Patiño e Dani Padrón, publicado por Edicións Embora.
19:30 h. Presentación do libro disco Brinca vai!, de Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka.
20:00 h. O escritor Henrique Dacosta asinará exemplares do seu libro Entrada ao xardín do saber, na caseta da Libraría Cartabón.

Domingo 20
19:30 h. Presentación do libro Salseiros, do escritor e actor Suso Lista, publicado por Edicións Embora.
20:30 h. Presentación do relato O monxe voador, de Farruco Graña, pertencente á obra colectiva Follas de Carballo, publicada pola A. C. Lumieira.
21:00 h. O Grupo de Teatro da Asociación Cultural Francisco Lanza representará a obra O cego, de Daniel Cortezón.

A Pobra: presentación de Liña azul, de David Pobra

O venres 18 de xullo, ás 21:00 horas, no Auditorio do Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Liña azul, de David Pobra, gañador do IV Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Concello da Pobra, participan, xunto ao autor, Isaac Maceiras, Encarna González Montemuíño e Manuel Bragado.