Cecebre, Cambre: presentación de A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge

O sábado 26 de outubro, ás 19:00 horas, na Fundación Wenceslao Fernández Flórez (Villa Florentina: Cecebre, Cambre), preséntase A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge, publicado en Laiovento.

Boiro: presentación de Acordes náufragos, de Antón Riveiro Coello

O venres 25 de outubro, ás 20:30 horas, na Estación Leñaverde, situada no Centro Social de Boiro (Rúa Manuel María, s.n.), preséntase Acordes náufragos, de Antón Riveiro Coello, publicado en Galaxia. No acto, coorganizado por Barbantia, Editorial Galaxia, La Voz de Galicia, o Espazo Lector Nobel e o Concello de Boiro, presentarase tamén o suplemento cultural número 88 de A Voz de Barbantia. Participan, xunto ao autor, Xesús Laíño, Isabel Santos, Víctor F. Freixanes e Juan José Dieste.

Aquí pode verse unha crónica posterior da presentación.

Ourense: presentación de Faneca Brava, de Manuel Portas

O venres 25 de outubro, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase Faneca Brava, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Manuel Eyré e Fran Alonso.

Vigo: presentación de Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, de Afonso Becerra de Becerreá

O venres 25 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), de Vigo, preséntase o libro Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, onde se xogará sobre a escrita dramática a partir de textos de Roberto Vidal Bolaño, participan, xunto ao autor, Pepe Carreiro.

Pontedeume: presentación de O Castañeiro de Abril, de Antonio Fraga

O venres 25 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, Antonio Fraga presenta O Castañeiro de Abril, publicado en Xerais, obra gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil do 2013. No acto, xunto ao autor, participan o ilustrador da obra, Antonio Seijas, Manuel Bragado e Gabriel Torrente.

Pontevedra: presentación de Días que non foron, de Luís Rei Núñez

O xoves 24 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal) de Pontevedra, preséntase Días que non foron, de Luís Rei Núñez, publicado en Xerais. No acto, coorganizado polo Ateneo de Pontevedra e a editora, participan, xunto ao autor, Ana Acuña, Xaime Toxo e Manuel Bragado.

A singular presentación de María Reimóndez: tres editores para unha autora

Desde Sermos Galiza:
“O acto de presentación dos tres novos títulos de María Reimóndez na libraría Lila de Lilith a última hora do xoves día 17 era inusual por varias razóns. A primeira porque hai máis de unha década que a escritora non ofrecía un novo título de poesía. A segunda porque, en tempos de seca editorial do xénero, non é nada habitual que unha autora publique varios poemarios dun golpe. A terceira, porque a Reimóndez convocaba nun mesmo acto aos seus editores, Fran Alonso de Xerais (que non puido asistir por causa persoal urxente), Francisco Macías de Positivas e Cibrán Rico e Suso Vázquez de Fabulatorio. (…) No acto participou tamén a escritora Susana Sánchez Arins, escritora e compañeira da web de crítica feminista A Sega.
Como adoita facer nos actos de presentación, María Reimóndez entregou ás persoas asistentes unha sorte de avión en papel a cores encartado, con multitude de dobreces nos que se agochaba un texto escrito para a ocasión e titulado As leis da física. “Mais nesa biodiversidade, estes tres textos parten do mesmo fluído. Neles, o espazo e o tempo conviven para conformar o político. Ás veces os espazos son a cidade que abrín e atopei follas en branco e páxinas rachadas. Outras veces intentei poñerlles nome pero ningún me chega. E outras herdo unha cidade que agora debo habitar de novo, erixir unha arquitectura na que as rúas me pertenzan, non só as lembranzas” escribe María nese texto que é, en certa medida, unha particular “autopoética” da autora.
“Unha pensaría que en dez anos a cousa ía mellorar algo, mais esperta co aumento do capitalismo, a anestesia social, o recorte das posibilidades, a televisión idiotizadora, a falta de personalidade colectiva e uns ideais de muller cada vez máis raquíticos onde ter as tetas pequenas provoca traumas psicolóxicos da dimensión dun ataque terrorista e onde un ten basicamente para escoller entre belén esteban maria dolores de cospedal e lady gaga” escribe a autora no texto entregado o xoves ao público que encheu a Lila de Lilith para a singular presentación triple. “Poesía é a carraxe dunha pedra contida na palabra fronte unha carga policial. E con ela tecéndonos non hai lei da física que poda rexernos máis”, remata a autora no seu, este inédito, texto.”

Betanzos: presentación de Os ángulos na brasa e recital poético de Manuel Álvarez Torneiro

O sábado 19 de outubro, ás 19:00 horas, na Libraría Biblos de Betanzos (Rúa Santiago, 4), Manuel Álvarez Torneiro presentará Os ángulos da brasa, publicado en Faktoría K, libro que lle permitiu ser o primeiro poeta galego recoñecido co Premio Nacional de Poesía por un poemario na nosa lingua, do que recitará varios poemas. Se a meteoroloxía o permitise, o acto celebraríase na praza de Santiago, entre a Libraría Biblos, a igrexa de Santiago e a cafetería Lanzós.