Ferrín di que informará “ao seu debido tempo” sobre se repensa a súa dimisión

Desde La Voz de Galicia:
Xosé Luís Méndez Ferrín asistiu este mediodía na sede da Real Academia Galega ao primeiro acto público desde que o pasado luns anunciou a súa dimisión como presidente da centenaria institución.
Ás insistentes preguntas dos xornalistas sobre a súa decisión de abandonar a Academia, Ferrín respondeu unha e outra vez cun rotundo «non hai comentarios». Só se limitou a responder que informará «ao seu debido tempo» sobre a posibilidade de repensar a súa dimisión ante as mostras de apoio de destacados académicos, como Manuel Rivas e Darío Xohán Cabana, e de entidades como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Centro PEN Galicia, que pediron expresamente que continúe no seu cargo ata esgotar o seu mandado en xaneiro do 2014. Ante a pregunta de como estaba dixerindo o conflito na Real Academia Galega sinalou: «Moi enxeñoso. Ben, grazas».
Méndez Ferrín fixo estas declaracións tras presidir, na sede da Real Academia Galega, a presentación do Dicionario de alimentación e restauración, acto no que interviron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Manuel González, tesoureiro da Academia e coordinador desta publicación.”

Ourense: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 1 de marzo, ás 20:15 horas, no Centro Cívico da Ponte (Rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43) de Ourense, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto, onde participan, xunto ao autor, Rosa Martínez e Francisco Rodríguez, haberá tamén unha intervención musical a cargo da Rondalla Alecrín, coorganizadora da presentación, dirixida por  Xoán Vázquez Casas.

Moaña: presentación de Emily on the road, de Ramón Blanco

O venres 1 de marzo, ás 20:30 horas, na Libraría O Pontillón (Avenida Concepción Arenal, 7) de Moaña, preséntase Emily on the road, de Ramón Blanco, publicado en Acha Escrava. No acto, xunto ao autor, participa Vítor Cancelas. Ao remate do acto haberá un recital poético.

Illa de Arousa: lanzamento de Mordida, de Eugénio Outeiro

A sexta feira 1 de marzo, ás 18:00 horas, na Sala de Plenos do Concello da Illa de Arousa, preséntase Mordida, o último poemario de Eugénio Outeiro, publicado por Através Editora. No acto participa, xunto ao autor, José Manuel Vázquez Vázquez.