O martes 11 de decembro, ás 20:00 horas, na Librería Cronopios (Rúa Frei Xoán de Navarrete, 5) de Pontevedra, o escritor Xosé Monteagudo asinará exemplares da súa nova novela, O curioso mundo das persoas normais, publicado en Galaxia.
Arquivo da categoría: Presentacións de libros
A Coruña: presentación e recital de Versus
O luns 10 de decembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal do Forum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo de parte dos outros autores do libro (Antón Borrazás e Miguel Queipo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.
Viveiro e Ribadeo: presentacións da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas
O sábado 8 de decembro, ás 12:30 horas, na Libraría Porta da Vila (Rúa Pastor Díaz, 31) de Viveiro, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda.
O mesmo sábado, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación na Libraría Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, onde participará Carmen Blanco.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.
Concertos de presentación de Bicos de música no seguinte mes
O libro-CD-DVD Bicos de música, de Mamá Cabra, publicado en Galaxia, será presentado con varios concertos durante as seguintes datas:
– Sábado 8 de decembro, ás 19:00 horas, na FNAC (Praza de Lugo), da Coruña.
– Xoves 27 de decembro, ás 18:00 horas, en Cangas.
– Venres 4 de xaneiro, ás 19:00 horas, en Ribeira.
Cangas: Sons de mar, con Susana Arins e Isabel Rei
Camilo Franco: “Na obra de Vidal Bolaño hai un retrato do país”
“Camilo Franco deu a coñecer Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño. Un traballo no que tratou «de contar a vida e obra, pero máis a obra que a vida» do director, dramaturgo e actor pioneiro da escena profesional en Galicia. «Escollín entre as dez obras que me parecían máis importantes na súa traxectoria -sinalou- para colocalas cronoloxicamente e ao mesmo tempo que conto os pormenores, a repercusión, vou dando pequenos apuntes sobre a súa vida». Franco subliñou que se trata dun libro divulgativo, destinado a estudantes de bacharelato ou primeiros cursos de universidade, ademais do público que queira achegarse á figura de Bolaño. Segundo dixo, «se hai alguén que asumiu que había que producirse con criterios profesionais desde o punto de vista do traballo, e buscando un público desde un punto da repercusión, foi Vidal Bolaño».
A primeira das obras retratadas é Bailadela e a última Animaliños. «E desde un punto de vista literario ou artístico -engadiu- creo que hai unha importancia no que Vidal Bolaño escribiu, porque se repasas a obra en conxunto, hai un retrato do país. Se dis qué lle pasou a Vidal Bolaño, o que lle pasou a Vidal Bolaño foi o que lle pasou ao país. Hai unha liña que estableceu do país simbólico que eramos nos 70 en que todo o mundo cría que podía ser, e a cuestión de ir rescatar á cultura popular, ao contraste da realidade de hoxe, un país desesperanzado». (…)”. Desde La Voz de Galicia.
“Autoaxuda” para falar e escribir en galego con xeito
“Como pasar de ser “galegocalante” a exercer de “galegofalante”? Hai “palabras inventadas” na lingua galega? Por que agora é “grazas” e non “gracias”? Que dis cando dis “matar o rato”? Son algunhas das preguntas que é posible responder coa lectura de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, o novo libro de Carlos Callón que vén de saír do prelo de Xerais e que o seu autor presenta como un manual de distendida “autoaxuda” cun obxectivo “cívico”: empregar axeitadamente o idioma propio na vida cotiá. Cun bo feixe de “consellos prácticos” a obra do tamén presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística aborda dúbidas que poden asaltar tanto a quen emprega o galego habitualmente como a quen dá o paso de convertelo na súa lingua habitual. Así, Callón parte da base de que “todos e todas sabemos máis galego do que pensamos” para, por exemplo, tentar desterrar erros como utilizar escoba no canto de “vasoira” ou prexuízos como o lugar común das “palabras inventadas”. Mediante exemplos doados ou mesmo a través de anécdotas, Callón explica, por exemplo, o momento no que descubriu que “avó” e “avoa” son termos que xa empregaban os pais dos seus pais ou que costilleta non existe en castelán, senón que é unha mala tradución da forma galega costeleta. (…)” Desde Praza.
A Coruña: presentación de Prestige. Tal como foi, tal como somos, de Xosé Manuel Pereiro
O martes 4 de decembro, ás 20:00 horas, no Café de Macondo (Rúa San Andrés, 106) da Coruña, preséntase Prestige. Tal como foi, tal como somos, de Xosé Manuel Pereiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Rivas, Xurxo Souto e o editor, Antón Lado.
O Grove: presentación de Eu, pel, de Teresa González Costa
O martes 4 de decembro, ás 20:00 horas, na Galería de Arte Besada (Rúa Concepción Arenal, 1) do Grove, preséntase o libro Eu, pel, de Teresa González Costa, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Carlos Besada, Tito Díaz Pérez e Manuel Bragado.
Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o sábado 1 de decembro
A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2012, continúa no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e con entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2012, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para o seu segundo día:
Sábado, 1 de decembro
– 12:30 h. Xaime Estévez: Son do Fol. Método infantil de iniciación á gaita galega. NO SALÓN.
– 12:30 h. A Hora da Ilustración. Os profesionais da ilustración amosan os seus proxectos. NO GARAXE.
– 13:00 h. Pedro Feijoo: Os fillos do mar, publicado en Xerais. Unha historia de misterio na cidade de Vigo. NO SALÓN.
– 13:30 h. Félix Caballero: Humor en cadriños. Coloquio con Pepe Carreiro, Xosé Lois e Siro, obra publicada por Morgante. NO SALÓN.
– 14:00 h. N-550. Da estrada á rúa. Un proxecto editorial que analiza as cidades contemporáneas. NO SALÓN.
– 16:30 h. Mesa redonda: O nacemento do teatro profesional en Galicia. Organizada por Escena Galega. NO ESTUDIO.
– 17:00 h. Instituto Camões e X Mostra Portuguesa presentan: João Tordo. NO SALÓN.
– 17:30 h. Café con Pedro Feijoo e lectores de Redelibros.
– 17:30 h. Presentación de O carballo, de Calros Silvar. NA TENDA.
– 17:30 h. Benigno Campos: Volve a cociña de Larpeiros. NO SALÓN.
– 18:00 h. María Lorenzo e Manuel Lorenzo Baleirón: Tonas de laranxa, Premio Xerais 2012, publicado nesta editora. No acto participa, xunto aos autores, Anxo Angueira. NO SALÓN.
– 18:30 h. Fantasía en galego: encontro con editores, autores e lectores. NO SALÓN.
– 18:30 h. Tucho Calvo e Xosé Cobas: Paxaro de mar e vento. Ilustrando o nacemento dunha praia.
– 19:00 h. Xurxo Ayán asinará exemplares de Herdeiros pola forza.
– 20:00 h. Conversas de Xosé Manuel Pereiro con Luís Tosar, Farruco Castromán e cos autores de ciencia-ficción e fantasía Xesús Constela, Manuel Lourenzo González e Fernando M. Cimadevila. NO SALÓN.
– 20:00 h. Uxía: Andando a Terra. Poñendo música e voz aos poemas de Manuel María. NO PATIO.