A Coruña: presentación de Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro

O venres Alfredo Ferreiro16 de decembro, ás 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o poemario Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro, publicado en Edicións Positivas. No contexto deste acto terá lugar unha intervención do Grupo Surrealista Galego.

Ferrol: presentación de Prisciliano na cultura galega, de Victorino Pérez Prieto

O venres 16 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia (Praza da Constitución, s/n.) de Ferrol, preséntase o libro Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario, de Victorino Pérez Prieto, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Elia Rico, presidenta da Asociación Cultural Medulio, Xaime Bello e Pilar García Negro.

O Carballiño: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 16 de decembro, ás 20:30 horas, na Cervexaría Eira das Flores, no Carballiño, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística e a colaboración da Libraría Escolma, participa, xunto ao autor, Eladio Cabanelas.

Pontevedra: presentación de Héroes de Galiza e de España e Poemas alumeados, libros de artista sobre poemas de Luís Seoane

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Michelena (Rúa Alameda, 8) de Pontevedra, preséntanse os libros de artista Héroes de Galiza e de España e Poemas alumeados, que recollen poemas de Luís Seoane con debuxos de artistas plásticos contemporáneos, publicado por Figurandorecuerdos Edicións). No acto intervirán Paula Fernández Bañuelos, Domingos Antom Garcia Fernandes e Rosa Espiñeira Pan.

Vigo: presentación de catro títulos da colección Este é o noso mundo

O xoves 15 de decembro, ás 19:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 13) de Vigo, preséntanse os catro primeiros títulos da colección Este é o noso mundo, escritos por Ana Belén González, Amalia Pérez Otero e Meli Sánchez; e ilustrados por Michel Casado, publicados por Nova Galicia Edicións. No acto participarán as autoras, o ilustrador e o editor, Carlos del Pulgar.

Armando Requeixo sinala que a faciana de Díaz Jácome como xornalista truncou a de poeta

Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“O profesor e estudoso da literatura galega Armando Requeixo, mindoniense coma o homenaxeado co galardón, deu a coñecer entre o público o seu libro Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista, que lle valeu o premio literario Ánxel Fole promovido pola fundación Novacaixagalicia e El Progreso dende hai 24 anos. A primeira entidade estivo representada polo seu presidente, Mauro Varela, e a empresa de comunicación lucense polo seu director xeral, José de Cora, quen salientou que falaba en nome da presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro.
Xa dende o título, Requeixo antepón o título de poeta para Díaz Jácome, pois percibe esa xeira súa como a máis descoñecida. «Se houbese unha obra completa se lle percibiría máis como poeta», valorou o gañador, quen anima a reunir nun volume os tres libros que publicou en vida, sumándolle as creacións espalladas en numerosas publicacións e algunhas inéditas. O ensaísta indulta ao lírico no sentido que «traballou como xornalista dende 1939 a 1983, nunha tarefa que o absorbeu; viuse envolto nunha vertixe de falta de tempo para reunir obra poética para dar máis volumes para o prelo». A ese atranco sumou o da «humildade».
A maiores da súa vertente lírica, Armando Requeixo suliñou a preocupación de Díaz Jácome por embelecer os xornais coa prosa e a poesía de escritores coma Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou os Álvarez Blázquez, cuxa presenza nas follas grandes alentou durante toda a vida. (…)”.

Santiago: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Francisco Pillado e Marta de Sinllán. Durante o mesmo, haberá dúas intervencións teatrais coa actriz Luísa Merelas e o actor Roberto Leal.