Pontevedra: presentación de Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona

O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores Novacaixagalicia do Café Moderno de Pontevedra, preséntase a obra Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona, publicada polo Centro Ramón Piñeiro. No acto estarán presentes Anxo Lorenzo, Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Vigo: presentación de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Moreno Díaz

O martes 27 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo, preséntanse unha edición facsimilar de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Montero Díaz, publicados polo Centro Ramón Piñeiro. No acto estarán presentes Anxo Lorenzo, Francisco López e  César Cunqueiro.

A Coruña: presentación do número 190 da revista Grial

O mércores 28 de setembro, ás 20:00 horas, na Fundación Pedro Barrié de la Maza (Cantón Grande, 9) da Coruña, preséntase o número 190 da revista Grial, que ten como título: A investigación en valor. No acto participan Ana J. Varela, Víctor F. Freixanes, Antonio García, Begoña Graña e Javier López Martínez. Reseña posterior en Galaxia.

Lugo: presentación de No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias

Crónica de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
“Un profesor de Dereito compostelán tiña sona de que corrixía trazando unha liña no chan e lanzando os centos de exames ao aire para que o azar decidise entre aprobados e suspensos. Mero, a metade de Mini e Mero, entregou a un azar máis controlado os 2.000 poemas que escribiu nos tres últimos anos. Imprimiunos, repartiuno o paquete en dous e confiou unha metade a Mini e outra a Alfonso Sanmartín para que cada quen escollese un cento. O resultado desa escolma é No papel que mudo escoita, o poemario que presentou onte na galería Sargadelos de Lugo e que foi editado pola Irmandade Manuel María. Mero sinalou que o lugar para a presentación non era aletorio, “pois está na rúa do Progreso, que foi a onde chegamos dende Vilalba e onde botei a infancia”. Ese Lugo de cando era neno e a figura do seu pai son os dous temas maiores do libro. O autor establece o rueiro que trazan os versos coas as rúas Nóreas ou San Pedro. Mesmo bromea destacando que “teño mesmo un poema dedicado ao carteiro que me traía as cartas da muller cando eramos mozos”. A cidade ten presenza importante no texto, aínda que logo recoñece que “sempre me tirou a natureza, polo que, cando podía, escapaba a Garabolos ou á Fervenza, que aínda eran campo”. Tamén fuxía máis aló, ata Duarría ou mesmo a Vilalba. Outro medio de fugarse era a música, que seu pai sempre fomentou, tanto porque era grande afeccionado como “porque dicía que axudaba a liberar as tensións”. No papel que mudo escoita tamén serviu a Mero para rebaixar a tensión porque a creación do libro avanzou paralelamente á enfermidade e pasamento do pai.”

Boiro: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O sábado 24 de setembro, ás 19:30 horas, no Centro Social Aturuxo (Rúa Principal, 118) de Boiro, terá lugar unha conversa sobre letras e cinema, dentro da que se presentará a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia.

Vigo: presentación de Pegadas, de A porta verde do sétimo andar

O sábado 24 de setembro, ás 21:00 horas, en A Cova dos Ratos (Rúa do Romil, 2), de Vigo, terá lugar a presentación de Pegadas, libro colectivo de 37 autores/as de Galiza e Portugal, que constitúe o número 2 dos Cadernos Q de Vián, publicados por A porta verde do sétimo andar.

Foz: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón

O venres 23 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura (Avenida da Mariña, 16) de Foz, presentarase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, publicado en Sotelo Blanco. No acto, organizado pola Asociación A Pomba do Arco de Foz, participará, acompañando ao autor, Xosé Ramón Fernández Pacios.

Lugo: presentación de Guía secreta da gastronomía de Galicia: Lugo, de Miguel Vila Pernas

O mércores 21 de setembro, ás 19:45 horas, na Praza de San Marcos de Lugo, terá lugar a presentación da Guía secreta da gastronomía de Galicia: Lugo, de Miguel Vila Pernas, publicado por Alvarellos.

Ourense: presentación de Crónicas dunha rúa: Collage da Paz / dos Zapateiros

O xoves 15 de setembro, a partir das 20:00 horas, no Teatro Principal (Rúa da Paz, 9) de Ourense, preséntase o libro de Arturo L. R. e Vispo Rodríguez Crónicas dunha rúa: Collage da Paz / dos Zapateiros, publicado por Duen De Bux.