María Reimóndez: “Gaia é unha ponte entre distintos mundos”

“O Diario Cultural da Radio Galega realizou unha entrevista a María Reimóndez, sobre En vías de extinción. María Reimóndez fala de biodiversidade e diferencia para se referir á súa última novela, protagonizada por Gaia, unha persoa rebelde que non acepta a uniformidade. A entrevista pode escoitarse aquí en mp3.” Vía Xerais.

Elena Gallego completa a triloxía Dragal

Entrevista a Elena Gallego Abad en Radiofusión:
“Os seguidores da triloxía Dragal xa poden saber que acontece con Hadrián, ese rapaz aparentemente normal que está destinado a converterse no último dragón galego. Chega ás librarías A fraternidade do dragón, a terceira e última das entregas da saga ideada por Elena Gallego Abad. “Ao principio preocupábame que a historia se desfixese como un castelo de naipes”, confesa a escritora, quen coida que conseguiu superar o reto. “O terceiro libro é o que máis me gusta”, asegura.”

A entrevista completa pode escoitarse e descargarse aquí.

Entrevista a Elena Gallego en Galicia por diante, na Radio Galega

“O programa Galicia por Diante, da Radio Galega, conducido por Kiko Novoa, emitiu unha entrevista con Elena Gallego Abad sobre o seu libro Dragal III. A fraternidade do dragón. Elena Gallego asegura que non lle molesta que comparen os seus libros ca serie de Harry Potter, de J. K. Rowling e comenta que a súa intención inicial non era escribir unha triloxía. Logo, cando a historia da triloxía cobrou forza a autora asegura que «eu soñei a historia dun dragón de pedra que nos abre as portas a un mundo fantástico e ao ser un dragón galego ábrenos as portas á propia historia de Galicia». A entrevista pode escoitarse aquí en audio.” Vía Xerais.

Coñécense os gañadores do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

“O xurado da sexta edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu por unanimidade outorgar o galardón á obra Poema sinestésico para tres voces e un can, escrita por Eva F. Ferreira. O Premio da Audiencia foi para Intercom-baby, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. O xurado subliñou da obra premiada a “utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática de obra a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica”. Destaca tamén “o discurso provocador no fondo e na forma, o risco na procura de novos camiños da creación para a radio, a intención lúdica do texto que suscita a curiosidade e o xogo emocional co oínte e o formato da obra cunha feitura que engasta a xeito de collage as diferentes linguaxes artísticas. Poema Sinestésico para tres voces e un can indaga na actitude de quen escoita, e lonxe de asentarse no previsible provoca unha emoción inesperada”. Os integrantes do xurado foron Evaristo Calvo, actor e director de teatro; Xosé Manuel Pacho Blanco, escritor, gañador da V edición; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Roberto Taboada, director artístico do Festival Alt de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do “Diario Cultural”. (…) Ademais das dúas obras gañadoras, as tamén finalistas Ironías, de Carlos Losada Galiñáns, e Quendas, de Zé Paredes, publicaranse nun libro-CD editado por Xerais.” Vía Diario Cultural.

Rexina Vega: “Dark Butterfly parte dunha experiencia persoal que necesitaba contar”

Entrevista a Rexina Vega en Radiofusión:
“Cinco anos despois de gañar o Premio Xerais con Cardume, Rexina Vega déixanos ler a súa segunda novela, Dark Butterfly. Unha obra que, xa nos advirten antes de abrila, é “dura, triste e abrumadora”. A propia autora confesa que sentía a necesidade de escribila para canalizar a súa dor. “Parte dun feito biográfico: a miña irmá era esquizofrénica”, explica, ao tempo que matiza que esa vivencia persoal combínase cunha “intelectualización”. “Intentei narrar o horror da enfermidade mental desde un punto de vista metafórico e desde un ton poético”, afirma. A denuncia forma parte tamén desta novela que acaba de chegar aos andeis das librarías da man de Edicións Xerais. En Dark Butterfly Rexina Vega describe o proceso da enfermidade mental como unha lenta e consciente deriva cara á marxinación e a exclusión e critica o “fracaso do sistema sanitario”. “Unha porcentaxe importante de enfermos non se curan nunca e a psiquiatría só ten como alternativa a farmacoloxía”, asegura a escritora, que entende que os fármacos funcionan como “neutralizadores da vontade e a dignidade”:

Entrevista con Rexina Vega sobre a novela Dark Butterfly

Entrevista con Rexina Vega no Diario Cultural

“O Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista con Rexina Vega sobre a súa última novela, Dark butterfly. «Interésame o feito de que o enfermo mental se agarre á linguaxe para non perderse», asegura Rexina Vega. A entrevista, en mp3, pode escoitarse ou descargarse aquí.” Vía Xerais.

Convocado o Certame de cartas de amor de Radio Fene

“Das variadas e múltiples perspectivas de abordar o asunto poden falar os convocantes do Certame de cartas de amor de Radio Fene. A iniciativa cumpre 13 anos e xira dende o día da Candeloria -2 de febreiro, cando casan os paxariños- e o San Valentín, 14 de febreiro, dia dos namorados. A persoa que resulte gañadora do certame recibirá como premio unha cea para 2 persoas e a estancia dunha noite no Hotel Pazo Libunca de Narón. Poderá gozar do galardón nun cuarto dobre ou en dous individuais. Faise esa precisión porque en varios dos certames preséntaronse cartas de desamor, algunha moi desgarrada pero cunha indubidable calidade literaria. As persoas que desexen participar poden enviar unha carta de amor en lingua galega antes do 11 de febreiro, e baixo plica, ao enderezo: Radio Fene. Casa do Concello. 15500 Fene (A Coruña). Tamén se poden enviar por correo electrónico a direccion@radiofusion.eu O próximo 14 de febreiro, Dia de San Valentín, patrono dos namorados, saberase o gañador desta cita.” Desde Certo.

María Xosé Queizán: “Existe desinterese por coñecer a realidade social”

Entrevista a María Xosé Queizán en Radiofusión:
“Impactada trala viaxe que realizou a Ushuaia, María Xosé Queizán decidiu unir na súa nova novela esta cidade do sur de Arxentina e Galicia. En Meu pai vaite matar a autora viguesa intentou trazar unha historia “suxestiva” e “entretida” que, asemade, abordase cuestións como os abusos infantís. Queizán elixiu como personaxe central da súa obra a unha policía, xa que entende que os profesionais deste gremio, ao contrario que a maioría da xente, están en contacto coa realidade social. A escritora detecta “hipocrisía” e “desinterese” na cidadanía. “Sabemos que existen determinados problemas, pero ninguén quere complicarse a vida”.” A entrevista pódese escoitar aquí: 261211QUEIZAN.mp3.

Radiofusión: ‘Homenaxe ao cine e denuncia social conviven na nova novela de Agustín Fernández Paz’

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Radiofusión:
““Nunca poderán acabar con nós nin esmagarnos. Sempre sairemos adiante porque nós somos o pobo”. Do espírito co que John Ford impregnou a adaptación cinematográfica de As uvas da ira tira Agustín Fernández Paz na súa nova novela. A este e outros clásicos da sétima arte homenaxea o escritor vilalbés en Fantasmas de luz, unha obra que, ao igual que a devandita película, denuncia as consecuencias do capitalismo na vida dos traballadores. “Nun abrir e pechar de ollos, vanse polo sumidoiro as conquistas sociais e laborais que levaban décadas consolidadas”, reflexionou esta tarde o autor nos micrófonos de Radiofusión.
Agustín Fernández Paz atópase, ás veces, a si mesmo recitando frases de filmes que lle deixaron fonda pegada. Porén, non chega ao nivel do protagonista da súa nova novela, Damián, quen toma as súas decisións vitais en función do que aprendeu na gran pantalla. A través deste personaxe que tras quedar no paro comeza a volverse transparente, o autor pretende denunciar a invisibilidade que sofre unha parte da sociedade. Tomando exemplo das edicións en DVD, Fantasmas de luz inclúe “tomas extra”. Fernández Paz engadiu á novela principal seis relatos que, a modo de escenas adicionais, axudan a entender mellor determinados aspectos da historia. O lector conta asemade coa axuda das ilustracións de Miguelanxo Prado, ante cuxo traballo o escritor asegura “quitarse o sombreiro”. Das clasificacións do cinema tira tamén o autor chairego á hora de referirse aos destinatarios da súa nova obra. “Para todos os públicos” está pensada Fantasmas de luz xa que pode resultar de interese, asegura, tanto “para un adolescente como para unha señora de 80 anos”. A entrevista pódese escoitar aquí: 201211FERNANDEZ.mp3.

A Coruña: Mercedes Queixas falará sobre A presenza da muller na literatura galega no programa Recendo, de CUAC FM

O martes 22 de novembro, entre as 19:00 e as 20:00 horas, dentro do programa de radio Recendo, que a A. C. Alexandre Bóveda organiza dentro da emisora CUAC FM, Mercedes Queixas falará sobre A presenza da muller na literatura galega. No mesmo programa, Rubén Ruibal falará sobre a situación do teatro en Galiza. Esta emisora pode escoitarse na comarca da Coruña no 103.4 FM.