Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A iniciativa enmárcase na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto no que tempos e voces conflúen, escriben e reescriben na consciencia do seu propio eco. De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI subliña a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar diálogos. O proxecto ademais pretende contribuír á conformación dun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquira a relevancia que a grafía adquire no texto escrito.
De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI procura os acentos da obra de Rosalía de Castro na dicción e na escrita contemporánea. O proxecto concrétase na reescrita dos poemas de Cantares Gallegos, unha interacción poética que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro, senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro.
O rexistro sonoro dos textos contemporáneos lidos polos seus autores e autoras emitirase xunto co poema de Rosalía de Castro do que parte nunha serie de espazos poéticos que se alongarán nos meses vindeiros nos distintos programas da radio pública.
Cesáreo Sánchez, Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Luís González Tosar, Elvira Riveiro, Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo, Helena Villar, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar, Anxo Angueira, Xavier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, María do Cebreiro, Manuel Darriba, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña e Susana Sánchez Arins son algúns dos autores e autoras que participan no proxecto que se desenvolverá nos meses vindeiros.
A Radio Galega quere contribuír así á divulgación da obra de Rosalía de Castro, sumarse á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos e propiciar ao tempo un diálogo interxeracional entre a obra da escritora e as poéticas que conforman o corpus contemporáneo da poesía. Con estes obxectivos presenta o proxecto De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI promovido polo Diario Cultural. Unha serie de emisións radiofónicas nas que os poemas de Cantares Gallegos en diálogo coas poéticas do século XXI son recreados por autores e autoras contemporáneos.”
Arquivo da categoría: Radio
Para visibilizar a vida das lesbianas
Desde
Radiofusión:
A novela En vías de extinción quere contribuir a visibilizar a vida das lesbianas. Construir un imaxinario de igualdade e de liberdade, e traballar para eliminar prexuízos, segundo a súa autora María Reimóndez. Gaia protagoniza a novela (…) Ela é unha desas persoas que teñen a cerna dura coma un carballo, que asumen e reivindican o monte como berce persoal e que resisten a domesticación en todas as súas formas. Como un animal solitario, Gaia percorre os lugares interpretándose como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante. Así é o vehículo que Reimóndez emprega na súa última obra.
A entrevista pódese escoitar completa aquí.
Redondela: lectura pública de textos de Rosalía en Radio Redondela
“Radio Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística promoven a homenaxe a Rosalía de Castro para conmemorar o aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro, e os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Para iso organizan a lectura pública de textos da autora durante esta semana, de 12:30 a 13:30 h. na Radio Municipal.”
Literatura en Ames Radio
Artigo
no blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O pasado martes día 22, os amigos de Ames Radio, capitaneados pola extraordinaria Nazaret López e mais o incombustible Juan Luis Silva, convidáronme a conversar sobre a crítica galega e outras cuestións literarias anexas. O resultado foi unha distendida charla de máis de tres cuartos de hora, na que foron xurdindo moi interesantes temas sobre o noso presente letrego. Deixo hoxe aquí un arquivo de audio cun extracto da conversa. Nel trátanse asuntos como o tempo de lectura, o papel das grandes editoras e os pequenos selos e aínda algunhas recomendacións poéticas, narrativas e ensaísticas que se deslizaron contra o final da entrevista.
Pontevedra: entrevista aberta con Xosé Neira Vilas
O
xoves 24 de xaneiro, ás 19:00 horas, na Librería Cronopios (Rúa Frei Xoán de Navarrete, 5) de Pontevedra, a xornalista Susana Pedreira, de Onda Cero, faralle unha entrevista aberta á participación do público a Xosé Neira Vilas. Ao remate o autor asinará exemplares das súas obras.
Francisco X. Fernández Naval: “Houbo persoas que sandaron as súas feridas coa miña novela”
Desde
Xerais:
“O Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista de Anxo Quintela con Francisco X. Fernández Naval sobre a súa nova novela, A noite branca, que conta a historia dos galegos que participan na Segunda Guerra Mundial a través da División Azul. Para Francisco Fernández Naval, o personaxe da María Luísa, que aparece na fotografía da portada, foi o que o impulsou a escribir esta obra, onde ficción e non ficción se dan a man para crear un tecido literario intenso e longo. Así mesmo, na entrevista, o autor confesa que houbo persoas que leron a novela e que, grazas a ela, lograron sandar feridas persoais que mantiñan aínda abertas. A entrevista pode escoitarse ou descargarse aquí en mp3.”
Entrevista a Manuel Rivas sobre As voces baixas en Onda Cero
Desde Xerais:
“Reproducimos unha entrevista en Onda Cero a Manuel Rivas, realizada durante a presentación da última novela As voces baixas“:
Más audios en Onda Cero
Lugo: edición nº 31 da revista oral O Pazo das musas
O
xoves
27 de decembro, a partir das 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar unha nova edición, a número 31, da Revista oral O pazo das musas, de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), coordinado por Antonio Reigosa, e que estará centrado nos centenarios de Manuel Lerias Pulpeiro (Mondoñedo, 1854-1912) e Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979). O sumario é o seguinte:
– Portada musical. Pilocha (3 minutos).
– Proxección. Deitado frente ao mar (Celso Emilio Ferreiro). Video creado polo alumnado de 3º ciclo de E. Primaria do CEIP da Barqueira, Cerdido (A Coruña) (2 minutos).
– Celso Emilio. A Di-versíada de Celso Emilio Ferreiro, por Armando Requeixo (10 minutos).
– Música. por Pilocha (3 minutos).
– O son da nosa fala (Radio Lugo), por Paco Nieto e Tania Lombao (10 minutos).
– Música. por Pilocha (3 minutos).
– Proxección. Monólogo do vello traballador (Celso Emilio Ferreiro). Videopoema creado por Andrea Nunes, Lorena Souto e Mario Regueira con motivo do recital poético Ergueremos a esperanza, celebrado na Universidade de Deusto o 26 de abril de 2012 (3 minutos e 22 segundos).
– M. Leiras Pulpeiro. Manuel Leiras Pulpeiro: o poeta que amou a Verdade e practicou o Ben, por Armando Requeixo (10 minutos).
– A obra de M. Leiras Pulpeiro na voz do alumnado do IES Leiras Pulpeiro, de Lugo. Participan alumnos/as e profesores/as deste centro, coordinados polo Departamento de Lingua e Literatura Galega (12 minutos).
– Música. Pilocha (3 minutos).
– Lecturas da obra de Leiras Pulpeiro (Banco de Voces de Radio Lugo). Convidaremos aos asistentes a ler un poema de M. Leiras Pulpeiro, converténdose así nos primeiros colaboradores dun ambicioso proxecto da emisora Radio Lugo para que a poesía teña presenza continuada na súa programación e, ademais, ir facendo realidade un arquivo oral que se vai denominar Banco de Voces de Radio Lugo (10 minutos).
– Opinión. Intervención do público (5 minutos).
– Epílogo. Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3 minutos).
– Contraportada musical. Pilocha (3 minutos).
Crónica posterior de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.
Entrevista a Antonio Seijas en Radiofusión
“O
debuxante aresán Antonio Seijas plasmou en banda deseñada a novela de Agustín Fernández Paz. O premiado escritor confesoulle que o anuncio da prensa sobre o que xiran as Cartas de inverno fora real. Como tamén é real, unha casa de indianos de San Martiño do Porto que ilustra a portada das primeiras edicións do libro. A acción desta novela de medo que comeza cunha cita de Lovecraft, localízase en Doroña en Vilarmaior. Agustín Fernández Paz falaba en 1995 en Radio Fene das dificultades de transmitir o medo a través dunha novela. Iso era máis doado nos tempos da Santa Compaña, cando non había luz eléctrica. Antonio Seijas falou tamén das diferencias entre 1995 e o momento de hoxendía. Pasaron 17 anos e daquela non había Internet nen teléfonos móbiles. A novela gráfica utiliza a linguaxe da banda deseñada para transmitir desacougo. (…)
A entrevista completa pódese escoitar ou descargar aquí.” Desde Radiofusión.
Manuel Veiga: “O meu dicionario humorístico é un complexo vitamínico e debería distribuirse en farmacias”
“O
Diario Cultural da Radio Galega realizou unha entrevista a Manuel Veiga polo seu libro Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico, publicado en Xerais. Durante a entrevista, realizada por Anxo Quintela, o autor asegura que o dicionario busca o humor, a ironía e abarca moitos temas en extensión moi curta e a partir dunha selección e criterio moi persoal. Logo, Manuel Veiga asegura que xoga no libro con rexistros distintos e maneiras moi diferentes para «tratar de sorprender o lector en cada páxina e saírlle por onde non o espera». Manuel Veiga define o libro como un «complexo vitamínico», que che proporciona suxerencias e che dá ideas, e ironiza asegurando que debería distribuírse en farmacias. A entrevista, en mp3, pode escoitarse ou descargarse neste enlace.” Desde Xerais.
