Cork, Irlanda: conferencia de Helena González e recital de Lorena Souto

O venres 6 de decembro, a partir das 16:00 horas, no campus principal da University College de Cork (Irlanda), o Centro Irlandés de Estudos Galegos organiza unha xornada dedicada á poesía galega contemporánea escrita por mulleres. En primeiro lugar, Helena González Fernández (Centre Dona i Literatura, Universitat de Barcelona) ofrecerá un seminario de investigación titulado O territorio convulso da nación. A comunidade, o xénero e as poetas galegas. Seguidamente, Lorena Souto (Bangor University) levará a cabo unha lectura poética baixo o título de Fendas tronzando os muros da casa, que nos achegará poemas do seu libro Fase de Trema (A Coruña: Espiral Maior, 2012, Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé).

Fingoi, Lugo: Polafía, Historias, rimas, cantos, contos…

O venres 29 de novembro, a partir das 18:30 horas, no Centro de Convivencia de Fingoi (Ronda de Fingoi, 72, entrada pola Rúa Aviación Española) de Lugo, terá lugar unha nova Polafía, baixo o título Historias, rimas, cantos, contos…, organizada pola Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, patrocinada pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, coa colaboración do Centro de Convivencia de Fingoi, a Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Lugo.
– Intervirán: Paco Martín (escritor), Toño Núñez (escritor e profesor), Dictino Rodríguez Lázare (exfutbolista), Isidoro Rodríguez (dinamizador da cultura popular), Marcelino Castro Pena (narrador), Isidro Novo (recitador).
– Celebraremos o 50 aniversario da publicación de Contos populares da provincia de Lugo, coa narración de varios contos a cargo de asistentes ao Obradoiro de narración oral da AELG.
– Intervencións musicais de: Agrupación Xeada, Pepa Yáñez e Branca Villares, Grupo de Pandeiretas da Asociación Cultural Son de Cores (Becerreá) e Os Minhotos.
A entrada será libre.

Panamá: participación de Moncho Iglesias no Festival de Poesía Ars Amandi

O venres 29 de novembro, dentro do Festival de Poesía Ars Amandi, de Panamá, terá lugar o recital + Poesía (-) Policía, recitando en galego e castelán, Moncho Iglesias.
Na mesma data, presentará a súa obra Avoíña/Abuelita, publicado por Parnass Ediciones.

Compostela: recital no marco do obradoiro de creación literaria a cargo da escritora Alicia Fernández

O sábado 23 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Didáctica da Fundación-Museo Eugenio Granell de Santiago de Compostela, terá lugar un recital poético aberto ao público, no marco do obradoiro Da memoria ao poema, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela, impartido por Alicia Fernández, e no que xa contou coa visita do escritor Antón Lopo.
Neste recital aberto ao público, participarán alumnos do obradoiro de creación literaria. Intervirán tamén neste recital: Antía Otero, Xiana Arias, Mario Regueira, O Leo i Arremecághona, Gonzalo Hermo, Berta Dávila, Alba Cid, Agustín Delicias, Ismael Ramos, Jesús Castro, Naïr García Abelleira e Xesús Estalote.

Mondoñedo: terceira edición dos Encontros coa poesía na Casa de Mañas

O sábado 23 de novembro, ás 21:00 horas, terá lugar un recital de poesía na Casa de Mañas (Calvela, 1 – Vilamor) de Mondoñedo, coa participación de Lucía Novas, Xosé Iglesias, María José Fernández, Modesto Fraga Moure e José Estévez. A actividade inclúe unha cea no propio estabelecemento a base de produtos típicos da zona.

Ferrol: conferencia sobre Persoeiros de Galicia e recital poético

O sábado 23 de novembro, ás 19:00 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, e con entrada de balde, terá lugar unha conferencia sobre Rosalía de Castro a cargo de Jesús Matesanz, seguida dun recital de poesía galega, por Xaime Marí (actor), con este programa:
– A Galicia, de Francisco Añón.
– O maio, A Rosalía e Cantiga, de Manuel Curros Enríquez.
– Dos celtas antigos, de Eduardo Pondal.
– Sobre o sol, de Ramón del Valle Inclán.
– Camiño longo e A rosa que sangra, de Ramón Cabanillas.
– O hórreo, Longa noite de pedra e A Castelao, de Celso Emilio Ferreiro.
– Negra sombra, Castellanos de Castilla e Adiós ríos, adiós fontes, de Rosalía de Castro.
– Himno galego, de Eduardo Pondal.