Santiago: recital-presentación dos Libros de Caldeirón

O venres 25 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, continúa a xeira de presentacións e recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eduardo Estévez (rúa da cancela), Emma Pedreira (Xoguetes póstumos) e Antonio García Teijeiro (Arredor do teu corpo).

Santiago: recital poético Picaversos, con Deborah Vukusic, Carlos Santiago e Snob Megalove

O martes 22 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Músicas, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a continuar este ciclo de lecturas son Deborah Vukusic, Carlos Santiago e Snob Megalove. Como novidade nesta convocatoria, o público pode participar na escolma dos textos para a folla voandeira Músicas a través do blogue Picaversos. A entrada custa 2 euros.

Foz: recital poético-musical en homenaxe a Manuel María

O venres 18 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Foz (Avenida da Mariña, 16), a Escola de Música Municipal e a Delegación de Cultura do Concello de Foz organizan un acto poético musical en homenaxe ao poeta Manuel María co gallo dos 45 anos de Versos florecidos en louvanza de Foz, gañadores dos I Xogos Florais do ano 1966. Como relator estará Suso Fernández e os poemas musicados serán cantados por Arcadio Mon. Todos os asistentes recibirán un exemplar dos Versos florecidos.

Barcelona: recital poético coa presenza de Estíbaliz Espinosa

O venres 18 de novembro, a partir das 19:50 horas, dentro do programa das Xornadas Poéticas organizadas pola Associació Col·legial d’Escriptors de Catalunya, que se desenolve na Aula Josep Maria de Sagarra, no cuarto andar do Ateneu Barcelonès, terá lugar un recital poético, presentado por Pura Salceda, de Estíbaliz Espinosa, Jaume Pons Alorda e Carles Miralles.

Tui: recital poético de novas tendencias

O venres 18 de novembro, a partir das 22:30 horas, en La Fabriquería – Espacio Creativo de Tui, terá lugar un recital de tres grupos que experimentan con novas formas de transmitir a poesía; María Lado e Lucía Aldao, Ledicia Costas e Daniel Landesa coa colaboración de Nuria como bailarina e, de novo neste espazo, Maus Vizinhos (Nolim González e David) presentando novas pezas da súa Poesia eletrônica.

Ourense: curso A marxinalidade na cultura: a homosexualidade, coordenado por Carlos Callón, do 29 de novembro ao 2 de decembro

Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Santiago: espectáculo A porta entreaberta ou as balas do desexo, do grupo Ouriol

O mércores 16 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural de Vite (Biblioteca do Centro) de Santiago de Compostela, o grupo Ouriol (formado polos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez e a poeta Eva Veiga) representará o espectáculo poético-musical A porta entreaberta ou as balas do desexo, con poemas de Lois Pereiro, que contará tamén coa participación artística na creación de imaxes do pintor Alfonso Costa.

Fene: recital poético Os libros de Caldeirón, con Eduardo Estévez, María Lado e Lino Braxe

O venres 11 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Fene, continúa a xeira de recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eduardo Estévez, María Lado e Lino Braxe.

A Coruña: recital poético coordinado por Emma Pedreira e Teresa Seara

O venres 11 de novembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), terá lugar un recital coa participación de 11 poetas, coordinado por Emma Pedreira e Teresa Seara, a quen lle agradecemos a súa información.