Santiago: presentación do número 196 da revista Grial

O xoves 24 de xaneiro, ás 19:00 horas, no Salón de actos do Consello da Cultura Galega, terá lugar a presentación do número 196 da revista Grial, centrada sobre a figura de Carlos Casares. No acto participan Ramón Villares, Víctor F. Freixanes, Dolores Vilavedra e Henrique Monteagudo.

“O best seller como elemento normalizador: fillos dun mar complicado”, reflexión de Pedro Feijoo

“O escritor Pedro Feijoo, autor de Os fillos do mar, pronunciou o pasado mes de decembro unha conferencia na Universitat de Barcelona baixo o título O best seller como elemento normalizador dun sistema literario en crise. A partir daquela conferencia, a revista Galicia 21. Journal of Contemporary Galician Studies publicou unha longa reflexión do autor sobre o mesmo tema e baixo o título: O best seller como elemento normalizador: fillos dun mar complicado. O artigo pode descargarse e lerse en pdf neste enlace.” Desde Xerais.

Álvaro Cunqueiro en Cataluña

Reportaxe en Praza:
“Todo e de todo sobre Álvaro Cunqueiro e Cataluña. Abriu é unha publicación científica de periodicidade anual editada por Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona. Co obxectivo de “ofrecerlle á comunidade académica un espazo de debate sobre a textualidade (literatura, cinema, artes escénicas, música…) no ámbito dos estudos brasileiros, galegos e portugueses”, esta revista que vén de publicarse inclúe anualmente un monográfico, ao que acompañan artigos de miscelánea e recensións de libros. Na súa estrea, o protagonista é o autor de Mondoñedo. (…)
María Xesús Lama López (Lugo, 1964) é a editora deste número titulado Álvaro Cunqueiro en Cataluña. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e doutorada na Universitat de Barcelona, é profesora titular de Literatura Galega e coordinadora deste primeiro número da revista científica. Ademais, Lama López publica en Abriu o artigo Cunqueiro en Cataluña: un modelo de relacións intersistémicas, un estudo panorámico dos contactos e intercambios do escritor de Mondoñedo e os estudos cunqueirianos coa cultura catalá, “a xeito de presentación do contexto de relacións interculturais no que se inscriben as colaboracións do monográfico”. “Estúdanse tres ámbitos atendidos de maneira diversa pola crítica: relacións persoais con axentes da cultura catalá que dan pé a colaboracións e intercambios diversos, relacións profesionais co mundo editorial e xornalístico que proxectan a súa obra no mercado español, e relacións repertoriais que se manifestan en traducións ou en comentarios críticos do propio escritor sobre as súas lecturas”, explícase no resumo. Outros tres artigos completan o monográfico sobre Cunqueiro dunha publicación dirixida por Helena González e onde todos os textos pasan por un sistema de arbitraxe confidencial e anónimo cun mínimo de dúas avaliacións externas de carácter metodolóxico e de estilo. Unha revista científica que engade tamén unha análise sobre a narrativa galega de fin de século ou sobre a obra de Lois Pereiro.”

Lugo: edición nº 31 da revista oral O Pazo das musas

O xoves 27 de decembro, a partir das 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar unha nova edición, a número 31, da Revista oral O pazo das musas, de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), coordinado por Antonio Reigosa, e que estará centrado nos centenarios de Manuel Lerias Pulpeiro (Mondoñedo, 1854-1912) e Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979). O sumario é o seguinte:

Portada musical. Pilocha (3 minutos).
Proxección. Deitado frente ao mar (Celso Emilio Ferreiro). Video creado polo alumnado de 3º ciclo de E. Primaria do CEIP da Barqueira, Cerdido (A Coruña) (2 minutos).
Celso Emilio. A Di-versíada de Celso Emilio Ferreiro, por Armando Requeixo (10 minutos).
Música. por Pilocha (3 minutos).
O son da nosa fala (Radio Lugo), por Paco Nieto e Tania Lombao (10 minutos).
Música. por Pilocha (3 minutos).
Proxección. Monólogo do vello traballador (Celso Emilio Ferreiro). Videopoema creado por Andrea Nunes, Lorena Souto e Mario Regueira con motivo do recital poético Ergueremos a esperanza, celebrado na Universidade de Deusto o 26 de abril de 2012 (3 minutos e 22 segundos).
M. Leiras Pulpeiro. Manuel Leiras Pulpeiro: o poeta que amou a Verdade e practicou o Ben, por Armando Requeixo (10 minutos).
– A obra de M. Leiras Pulpeiro na voz do alumnado do IES Leiras Pulpeiro, de Lugo. Participan alumnos/as e profesores/as deste centro, coordinados polo Departamento de Lingua e Literatura Galega (12 minutos).
Música. Pilocha (3 minutos).
Lecturas da obra de Leiras Pulpeiro (Banco de Voces de Radio Lugo). Convidaremos aos asistentes a ler un poema de M. Leiras Pulpeiro, converténdose así nos primeiros colaboradores dun ambicioso proxecto da emisora Radio Lugo para que a poesía teña presenza continuada na súa programación e, ademais, ir facendo realidade un arquivo oral que se vai denominar Banco de Voces de Radio Lugo (10 minutos).
Opinión. Intervención do público (5 minutos).
Epílogo. Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3 minutos).
Contraportada musical. Pilocha (3 minutos).

Crónica posterior de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.

Vigo: presentación do nº 28 da Festa da Palabra Silenciada

“O xoves 20 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (Avenida de García Barbón 5) de Vigo, preséntase o número 28 da Festa da Palabra Silenciada, dedicado a Clara Zetkin. No acto intervirán María Xosé Queizán, Marta Estévez Grossi e Chus Lago, xunto á actuación de Producións Figa.” Desde Fervenzas Literarias.

Top 10 do 2012: Letras, de Disquecool

Deste artigo publicado en Disquecool destacamos o seguinte relacionado coa literatura galega:
“Co fin do ano chega o momento de facer balance. Recuperamos algúns dos titulares que deron forma ao mundo das letras durante os últimos doce meses. (…)
9. O non moi glorioso final da editorial A Nosa Terra. É unha das malas noticias do mundo das letras galegas no ano que remata. Que unha editorial (ou unha libraría) bote o peche sempre nos doe un pouquiño, como amantes do mundo do escrito que somos. Que unha editorial das de toda a vida remate con noticias de libros sen destino e cos lectores organizándose no Facebook para mercar libros ao por maior é aínda máis triste.
8. Novas librarías. Aínda que uns marchan, outros chegan. E iso sempre é unha boa nova. Ao longo do ano fomos dando conta de novas iniciativas, como a Libraría Café de Rinoceronte, e fomos soubendo de novas aperturas por toda Galicia, como Á Lus do Candil en Arteixo e as librarías especializadas Lila de Lilith en Santiago ou Sindicato del Cómic en Ourense. (…)
7. Fran Alonso. Fran Alonso ten bastantes seguidores dentro de Disquecool. Alonso é un escritor que quere explicar dende a literatura o seu tempo, como nos explicaba hai xa un tempo nunha entrevista. O escritor acaba de lanzar novo libro. (…)
2. Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello. Posta a escoller unha novela en lingua galega, a gañadora debe ser Laura no deserto, de Editorial Galaxia. Premio da Crítica no ano 2012, a novela é unha fabulosa obra de historias cruzadas que ten na Guerra Civil o seu principal nexo de unión (cunha parte adicada á Segunda Guerra Mundial que merecería por si sola a lectura). (…)”.

Primeiro número de A letra miúda

A letra miúda, Revista de sociolingüística para o ensino, é unha publicación dixital da Coordinadora Galega de ENDL que trata de facilitar a autoformación en aspectos de sociolingüística básica aplicada ao ensino. Non busca ser unha publicación academicista, senón que ten vontade de cubrir necesidades formativas do profesorado, contribuíndo a capacitalo para a toma de decisións metodolóxicas, pedagóxicas e didácticas de maneira crítica e reflexiva e a axudarlle no deseño de modelos de intervención encamiñados á normalización do galego no ámbito educativo.
A revista ofrece artigos inéditos de cualificados especialistas nos que se tratan temas moi variados que van desde fundamentos teóricos sobre ensino de linguas ata experiencias educativas desenvolvidas en situación de contacto entre linguas. Achéganse tamén descricións e análises de modelos lingüísticos educativos e información significativa sobre a situación sociolingüística de Galicia e doutros territorios con linguas minorizadas. Ademais conta cun apartado de Recomendacións no que se van ir recollendo artigos que se poden consultar na rede, recensións de publicacións básicas e ligazóns de interese, todo relacionado co ámbito que nos ocupa.” Desde a

Vilar de Santos: presentación do número 11 da revista Lethes e entrega dos premios do Concurso Escolar Carlos Casares

O sábado 15 de decembro, ás 17:30 horas, na Casa do Concello de Vilar de Santos, terá lugar a presentación do número 11 da revista Lethes e a entrega dos premios do Concurso Escolar de Creación Literaria e Plástica dedicado a Carlos Casares no décimo aniversario do seu falecemento. Como mestres de cerimonia actuarán Manolo Seoane, Delfín Caseiro e Henrique Monteagudo. O acto está organizado conxuntamente polo Centro de Cultura Popular do Limia, o Museo da Limia e a Fundación Carlos Casares. Agradecemos a Rafael Laso o envío da información.

Lousame: presentación do Anuario de Estudos do Barbanza e entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2012

O sábado 15 de decembro, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Lousame convidan á saída dun novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2012, nun acto no que estarán presentes Manuel Cartea, Xesús Laíño e Teresa Villaverde Pais. Ao remate da presentación do volume, entregaranse os Premios Barbantia da Cultura 2012.