Estas son algunhas das fotografías do Paseo Literario por Compostela con Suso de Toro, celebrado o pasado 15 de xuño, no marco da SELIC. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Arquivo da categoría: Roteiros
A Coruña: II Festival Amergin de Poesía Atlántica
“O sábado 1 de xullo a AC Alexandre Bóveda, In Nave Civitas e Xuntas polas Artes, coa colaboración do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC, organizan a grande FESTA AMERGIN DA POESIA ATLÁNTICA para establecer lazos de unión da literatura galega e a literatura irlandesa.
O poema fundacional da literatura irlandesa, Manifesto, ou canción, de Amergin (Song of Amergin), ten unha estreita relación con Galiza. Segundo a mitoloxía gaélica, Amergin, o seu autor, procedía do clan milesian de Breogan, os chamados Fillos de Mil ou Milesios, ligados a nosa cidade e aos nosos heroes mitolóxicos, como é o Breogán. Os Milesios, segundo a lenda recollida no Lebor Gabala (ou Libro das Invasións), datado no século XII, chegaron a Irlanda procedentes do noso país centos de anos antes da nosa era.
Eu son o vento mareiro
Eu son o golpe de mar
Eu son o océano que brúa
eu son o cervo dos sete combates
Eu son o falcón no cantil
Eu son a pinga que escintila na alborada.
… Así comeza este poema, en versión de Manuel Rivas.
Para a mitoloxía irlandesa, para a poesía irlandesa, é o poema fundacional da súa literatura.
Amergin, personaxe lendario, tamén coñecido como Amhairghin Glúngheal, foi un dos fillos de Míl Espáine, druida, filidh e xuíz dos Milesios, identificados dentro da mitoloxía irlandesa como os primeiros habitantes gaélicos de Éire. Segundo este mito, os Milesios chegaron a Éire desde a nosa cidade, para vingaren a morte de Íth, fillo de Breogán. Este guerreiro fora enviado á illa para explorala e foi asasinado por tres dos Reis dos Tuatha Dé Danann, seres divinos e antigos habitantes de Éire. Ao chegar á terra e pisar por primeira vez a Illa, Amergin entoou un himno, coñecido como A canción de Amergin. Hoxe Amergin dá nome ao Instituto Universitario de Investigación en Estudos Irlandeses, da Universidade da Coruña, e é un símbolo que alude á relación histórica entre Galiza e Irlanda, illa na que se teñen organizado diversos eventos en recordo desta lenda.
Festa final
Ás 21 horas tera lugar o acto final desta festa. Farémola desde as nove da noite do sábado 1 de xullo até o momento da posta do sol na praia do Areal (As Lapas).
A música poñeraa o gaiteiro Xosé Manuel Sánchez Rei e a cantante Belém Tajes.
A poesía comezará coa lectura da Canción de Amergin en galego por Manuel Rivas, e en gaélico por Anthony Quinn, e a continuación a lectura de poemas, con Rodrigo Osorio, Laura Rei Pasandín, Ana Fernández Melón, Antom Laia e Teresa Ramiro.
Non só o música e a poesía construirán a festa, tamén as artes plásticas, Correa Corredoira, Deseño efémero na area; Pilar Silva, coa pintura, Roberto Castro, deseño e pintura. E a fotografía correrá a cargo do Colectivo Ollo de Vidro.
Ás 22.16 horas, celebraremos o solpor con música de gaita para despedir o día.
As outras actividades da II Festa Amergin da Poesía Atlántica
As actividades da II FESTA AMERGIN DA POESIA ATLÁNTICA comezarán o venres dia 30 de xuño, no local da AC Alexandre Bóveda, rúa de Santo André, nº 36, 1º, cos maiores expertos en literatura irlandesa, e continuarán o sábado 1 de xullo na contorna da Torre de Hércules e na praia do Areal.
Día 30 de xuño, venres:
Ás 19:00 – AMERGIN: PONTE DO PATRIMONIO CULTURAL ENTRE A GALIZA E IRLANDA. Palestra con Mónica Vázquez Pozo (O´Reilly), Ph.D. Estudos Literarios.
Ás 20h – Mesa redonda: POESÍA E NATUREZA EN AMERGIN con:
Antonio Sandoval, escritor e naturalista.
Anthony Quinn, periodista e novelista irlandés.
David Clark, director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC.
Antonio de Toro, Profesor Emérito da UDC.
Día 1 de xullo, sábado:
19:30 – Roteiro arredor da Torre guiado por Antonio Sandoval, coa participación de Xosé Alfeirán e Ana Santorum. Este roteiro ten prazas limitadas. Cómpre anotarse na web de ACAB.”
Crónica fotográfica do Paseo Literario por Compostela con Lito Vila Baleato
Estas son algunhas das fotografías (feitas por @LaDiapo) do Paseo Literario por Compostela con Lito Vila Baleato, celebrado o pasado 14 de xuño, no marco da SELIC. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
A Coruña: Roteiro polos espazos lugrisianos, con Xurxo Souto e Rodrigo Osorio
Compostela: roteiro “A historia da represión lingüística en Santigo de Compostela”, guiado por Carlos Callón, os 1 e 2 de xullo
Roteiro Pegadas na Coruña do Libro negro da lingua galega, con Carlos Callón
O Roteiro Pegadas na Coruña do Libro negro da lingua galega, guiado por Carlos Callón o xoves, quinta feira, 6 de xullo, desde as 18:00 horas, terá como punto de partida a rúa Panadeiras (fronte á igrexa das Capuchinas), é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.
Nesta visita guiada coñeceremos algunhas das historias contidas no Libro negro da lingua galega que aconteceron na cidade da Coruña. Deterémonos nas multas “por hablar al público en gallego“, mais tamén de manifestacións de estudantes para reivindicalo; das queimas de libros, mais tamén dunha escola coruñesa que ensinaba a ler en galego no século XIX… Falaremos, en fin, da represión do noso idioma ao longo do tempo na cidade, mais tamén das persoas que traballaron e sementaron para conseguirmos un futuro diferente; das mulleres e homes que nos sinalan o camiño.
As persoas interesadas deben inscribirse previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes. Agora mesmo están todas as prazas cubertas, polo que as solicitudes que cheguen se incorporarán a unha listaxe de reserva.
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Xurxo Alonso
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Literario Vilagarcián, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023, que guiou Xurxo Alonso o domingo 11 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí: