Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Antonio Tizón do sábado 8 de setembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Arquivo da categoría: Roteiros
Antonio Tizón: “En todas as miñas novelas aparece A Coruña como escenario fundamental”
Desde
Xerais:
“A emisora da Cadena SER na Coruña emitiu unha entrevista con Antonio Tizón sobre a novela Un home estraño e a visita guiada que o autor realiza o sábado 8 de setembro dentro da iniciativa Paseos pola Coruña Literaria organizada pola AELG.
A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.”
Paseos pola Coruña Literaria Outono 2018
Os
Paseos pola Coruña Literaria Outono 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Os Paseos pola Coruña Literaria constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
Terán lugar os sábados indicados para cada paseo, de 12:00 a 13:30 h., aproximadamente.
Están dirixidos a maiores de 16 anos e son gratuítos para as persoas interesadas (hai un límite de 55 prazas por paseo).
É necesaria a inscrición previa, que se abrirá a partir das datas indicadas para cada un dos paseos. Pode facerse dos seguintes xeitos:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora.
– No teléfono 981 189 888 (a partir das datas indicadas para cada paseo).
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.
- Sábado 8 de setembro (a partir das 12:00 h): paseo con Antonio Tizón, Un home estraño. A inscrición ábrese o 3 de setembro a partir das 09:00 h.
O primeiro dos paseos pola Coruña literaria neste outono de 2018 terá unha das figuras máis destacadas da literatura galega actual, Antonio Tizón. Será un percurso literario, político e musical pola Coruña de 1980, polos escenarios máis significativos onde se desenvolve a acción de Un home estraño, da man do seu autor.
- Sábado 22 de setembro (a partir das 12:00 h): paseo con Diana Varela, Mulleres donas do seu soldo. A inscrición ábrese o 10 de setembro a partir das 09:00 h.
A escritora e avogada Diana Varela proponnos unha viaxe que entretece literatura e dereito a través de nomes propios e oficios enraizados na cidade.
Será unha viaxe que entretece literatura e dereito a través de nomes propios e oficios enraizados na cidade. Desde Emilia Pardo Bazán e o seu libro La tribuna, que trata o traballo das cigarreiras, que camiñaron á par das cerilleiras e pescantinas na historia da cidade, até Victoria Kent e Clara Campoamor, profesionais do dereito e mulleres fundamentais para a historia da democracia en España e a loita feminista.
- Sábado 20 de outubro (a partir das 12:00 h): paseo con Antía Yáñez, arredor de Senlleiras. A inscrición ábrese o 8 de outubro a partir das 09:00 h.
Un percorrido pola Coruña dos anos 30 e as súas singularidades que ambienta a novela Senlleiras. A autora amosaranos os principais escenarios desta novela, recente gañadora do II Premio Illa Nova: os edificios modernistas, a antiga sede de A Nosa Terra, a localización dos hoteis desaparecidos…
- Sábado 27 de outubro (a partir das 12:00 h): paseo con Olga Patiño, A Cidade Vella. A inscrición ábrese o 15 de outubro a partir das 09:00 h.
Este vai ser un percorrido pola luz das pedras. Por esa luz subterránea que nos achega ao bafo dos ancestros. Para a paisaxe invisíbel do tempo está a voz d@s poetas, cuxas pegadas nestas pedras da Cidade Vella foron e son capaces de facer o instante eterno, de vagar pola sinuosidade do vento e achegármonos á hora involuntaria do asombro nas pálpebras dos soños certeiros…
Un paseo por Cuntis polos recunchos do escritor Roberto Blanco Torres
Un roteiro literario abrirá de xeito excepcional o Cemiterio dos Ingleses en Vilagarcía
Moaña: crónica fotográfica do Roteiro Literario con Xosé Daniel Costas Currás
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Moaña, as traballadoras do mar, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2018, que dirixiu Xosé Daniel Costas Currás o sábado 25 de agosto. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Parada, O Courel: IV Festival dos Eidos, do 22 ao 26 de agosto
A Sega celebra a vida de Marica Campo
Desde
Sermos Galiza:
“O parque da Milagrosa, en Lugo, converteuse no epicentro da actividade da plataforma de crítica literaria A Sega para homenaxear Marica Campo (O Incio, 1948) no V Día das Galegas nas Letras. Un acto lúdico e reivindicativo do papel da muller na literatura.
Pasadas as 12 horas, o parque da Milagrosa, en Lugo, acollía perto dun cento de mulleres que, convocadas por A Sega, celebraban o 15 de agosto como “Día da Nosa Señora (das letras Galegas)”. Encetábano cun divertido roteiro imaxinario pola obra da quinta muller recoñecida co Día das Galegas nas Letras, Marica Campo.
Susana Sánchez Arins foi a condutora dunha actividade na que o maxín cumpriu un papel principal. A integrante da Sega ía contando anécdotas da vida de Marica Campo acompañada das lecturas do público, que tiraba de fragmentos da obra da homenaxeada. Andrea Barreira, unha das organizadoras da xornada, sinala, en declaracións a Sermos Galiza que as persoas participantes “ían lendo pasaxes de libros relacionados co momento vital de Marica Campo que narraba Susana Sánchez Arins”. “Foi todo imaxinario, percorremos o parque buscando semellanzas co que contaba Susana”, acrecenta.
Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou coa lectura do manifesto, “centrámolo en explicar que Marica Campo, como autora, abriu o camiño ás que vimos detrás”, explica Andrea Barreira. “Marica vai removendo a terra para que poidamos medrar como autoras. Precisamente, por ser ela unha escritora que tira polas demais, pode ficar na profundidade da terra e non se recoñece o seu traballo tanto como se debería recoñecer”, engade.
“Hai autoras que son coma os ollos das patacas, como patacas con ollos, que dende a súa leira e o seu campo van tirando das que estaban aí, das que están ao lado. Sen preguntar de onde es ou que tipo de pataca serás no futuro, abren os seus ollos para abriren ollos en ti”, salienta o manifesto Os ollos das patacas. “Nosoutras, que somos segadoras, agardamos as patacas. Queremos ser patacas con ollos. Que fillen tantas outras cálidas, profundas e combativas coma ela. Coma a Nosa Señora das Letras Marica Campo”, conclúe.
A resposta de Marica Campo ás palabras que falaban de abrir camiños ás escritoras máis novas foi o agradecemento, “agradeceu todas as homenaxes que se lle están facendo en recoñecemento da súa obra, sobre todo as que son desinteresadas”. “Tamén deu as grazas pola presenza de todas as que participamos, entre elas, a súa familia, que no día de hoxe sempre celebraba a onomástica da súa nai”, afirma Andrea Barreira, que destaca o labor de Marica Campo na defensa e impulso da lingua e da cultura galega e da igualdade.
O groso da celebración chegou após o xantar, con contos a cargo de Vero Ríos; música de Raiceira, Xaora, Paloma Suances e Mercedes Peón; lectura de fragmentos da obra da homenaxeada por Ana Torres, Tereixa Campo e Belén López; o obradoiro Traer a lenda ao presente, da man de Andrea Barreira, e a lectura dramatizada de O Premexentes non pode cos paxaros rebezos, coordinada por Lorena Conde.”
Sober: roteiro arredor da figura de Xosé Lois García
Desde
a A. C. O Colado do Vento:
“O domingo 22 de xullo terá lugar un roteiro adicado ao escritor chantadino Xosé Lois García. Consistirá nun roteiro circular, sinxelo, con saída ás 10:00 horas do Campo de Pinol, pasando pola igrexa de Pinol, por Cadeiras, Sampil, o Souto do Tellada, ou a igrexa de Lobios. A idea é afondar na poesía de Xosé Lois García que adicou a Sober. Para o roteiro non é preciso anotarse.”
Casa de Rosalía: Abride a fiestra 2018
Venres
13 de xullo
Quero ver o mar, CARRIL
– 12:00 h. Inaugúrase a exposición ‘Rosalía e o Carril’ (Museo do Ferrocarril).
– 21:30 h. Lectura de poemas, dramatización ‘Quero ver o mar’ e recreación da viaxe en lancha de Rosalía desde a praia á estación (Praia da Covacha).
– 22:30 h. Actuación musical de Najla Shami.
Sábado 14 de xullo
Inchadiña Branca Vela, DE VALGA A PADRÓN
– 15:30 h. Saída de Valga (Praia da Telleira, Vilarello) de dornas, galegóns, botes, bucetas e gamelas.
– 17:30 h. Chegada a Padrón (Espolón).
– 22:00 h. Concerto de Habelas Hainas (Praza de Macías).
Domingo 15 de xullo
Rosalía en Festa, CASA DE ROSALÍA
Con mercado de produtos rosalianos toda a xornada e teatralización de Mónica Caamaño como Rosalía de Castro, acompañada na música por José Luís do Pico Orjais.
– 11:00 h. Coral de Padrón.
– 11:30 h. Visita guiada de Carlos Dacal pola Horta da Matanza.
– 11:30 h. Visita guiada para familias pola Casa-Museo por Mónica Caamaño (como Rosalía) e José Luís do Pico Orjais.
– 12:00 h. Xosé Manuel Beiras comenta a proxección do filme Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos (1951), na que el estivo presente.
– 12:30 h. “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreques para cativos (por Larraitz Urruzola).
– 13:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Pepe Barro.
– 13:30 h. Regueifas con Alba María e Xairo d’Herbón.
– 14:00 h. Concerto de Najla Shami.
– 17:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Manuel Lorenzo Baleirón (“Rosalía na súa terra”).
– 18:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Pilar García Negro (“Rosalía rebelde e feminista”).
– 18:30 h. “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreques (+6).
– 18:30 h. Mini-concerto de Margarita Viso no piano de Rosalía.
– 19:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Xosé Luís Axeitos “Rosalía documentada”.
– 19:30 h. Entrega da Rosa de Galicia e presentación do Libro Escolar de Poesía.
– 20:00 h. Recital poético con Ana Blanco, Nuria Vil, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva (espectáculo poético-musical).
– 20:30 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Mercedes Peón: “Rosalía queer”.
– 21:00 h. Concerto de Mercedes Peón.














