O
venres 28 de decembro, ás 20:00 horas, no Museo Provincial de Lugo, preséntase o catálogo do Roteiro artístico-literario Fiz Vergara Vilariño, con obras de Primitivo Lareu, Jesús Otero-Yglesias, Buciños, Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Miguel Macía, Fernando Yáñez, Mónica Alonso, Paco Poy, Caxigueiro, Eudardo Valiña, Paco Pestana e Manolo Caamaño. O acto está convocado pola Asociación Cultural Ergueitos, co patrocinio da Área de Cultura e Turismo, vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo.
Arquivo da categoría: Roteiros
Santiago: Procesión da Santa Bolaña
A Coruña: paseo literario con Xurxo Souto Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes
O
sábado 24 de novembro, con saída ás cinco da tarde desde o adro do antigo templo dos mariñeiros, a actual igrexa castrense de Santo Andrés da Coruña, e con asistencia é libre e aberta á cidadanía, terá lugar un paseo que fai parte das actividades do obradoiro Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, dirixido por Xurxo Souto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e financiado pola Deputación Provincial da Coruña.
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 ás cinco da tarde e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos –de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.
DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón -conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando.
Este percorrrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, que imparte o escritor Xurxo Souto no Club do Mar de Santo Amaro nos meses de novembro e decembro, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
Vimianzo: II Xornadas sobre a figura do crego liberal don Juan Antonio Posse
O venres 23 e sábado 24 de novembro celébranse as II Xornadas sobre a figura do crego liberal don Juan Antonio Posse na Casa da Cultura de Vimianzo, organizada polo Semescom. Máis información en Que pasa na Costa.
Santiago: roteiro literario con Marilar Aleixandre, o sábado 24 de novembro
Froito
dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), desenvólvese o sábado, 24 de novembro, ás 12:00 da mañá, o segundo dos Roteiros Literarios por Compostela con Marilar Aleixandre, partindo desde diante do Hostal dos Reis Católicos.
Santiago: roteiro literario con Euloxio R. Ruibal, o sábado 10 de novembro
Froito
dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), desenvólvese o sábado, 10 de novembro, ás 12:00 da mañá, o primeiro dos Roteiros Literarios por Compostela co dramaturgo Euloxio R. Ruibal como protagonista, tendo como lugar de reunión para comezar a ruta é ao pé da escultura de Chillida no Parque de Bonaval. Para participar destes itinerarios non é necesario inscribirse previamente.
Ourense: O día de Nós
En
2010 o Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense, co gallo de se cumprir daquela o noventa aniversario da publicación da revista Nós (1920-1935) no prelo de La Región, declarou o día 30 de outubro “festa local de interese cívico-cultural” na cidade de Ourense. Dende estón esta data dedícase a lembrar e poñer en valor a actividade do grupo cultural xurdido ao redor da revista e, sobre todo, quentar motores para as grandes celebracións que terán lugar en 2020, no seu centenario. Nesa data quérese celebrar un Congreso Global da Cultura Galega no que participen todos os sectores concernidos, neste eido, tanto do interior coma da diáspora. Para esa data hai tempo que se vén difundindo o Manifesto Ourense 2020, que promove Ourense como capital galega da Literatura e tamén como candidata a capital europea da Cultura. O programa deste día é o seguinte:
– De 12:30 h. a 13:30 h. Xardíns e Praza do Padre Feijoo, ou Salón Nobre do Liceo-Recreo de Ourense (por imperativos meteorolóxicos).
1. Lectura pública da revista Nós, a cargo dos directivos/as, socios/as e compromisarios da ApCNós2020. Mantedor: Uxío Novo. Lectores convidados: Sarabela Teatro.
2. Lectura do Manifesto Ourense 2020: capital galega da Literatura e procandidatura a capital europea da Cultura. Inicio da campaña de recollida de asinaturas a prol do manifesto.
3. Peche: Himno Galego.
– De 17:30 h. a 18:30 h. Camposanto de San Francisco.
1. Ofrenda cívica aos escritores e artistas ourensáns, a cargo da ApCNós2020 e representantes de institucións e entidades locais e provinciais.
2. Roteiro-memorial guiado por Camilo F. Valdehorras, escritor e presidente da Asociación proCentenario de Nós 2020 co acompañamento musical dun gaiteiro.”
Camiños de letras en Compostela
“Un percorrido virtual por Compostela a través de once escenarios nos que transcorren cinco obras de xénero negro. Esta é a proposta que presentaba o pasado 24 de outubro, Día Mundial da Biblioteca, a Consellaría de Cultura na Biblioteca Ánxel Casal. O proxecto, que está albergado no propio web da Biblioteca, toma pasaxes das obras Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa; Ambulancia, de Suso de Toro; Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; O crime da rúa da Moeda Vella, de Román Raña; e Seis cordas e un corazón, de Roque Morteiro. A través de textos destas obras xeolocalizados en cadanseu espazo, e acompañados da opción de escoitalos na voz de actores de dobraxe habituais nas nosas pantallas, o proxecto propón achegarse á cidade do Apóstolo mediantes as letras, con versións en galego e en castelán.” Desde Cultura Galega.
Santiago: Roteiro da Lírica Medieval Galego-Portuguesa
O
sábado 27 de outubro, a partir das 11:00 horas, terá lugar un Roteiro da Lírica Medieval Galego-Portuguesa baseado no libro O amor que eu levei de Santiago, publicado por Toxosoutos. Actuarán como guías Yara Frateschi, Isabel Morán e José António Souto, autores do libro, saindo desde a Praza de Cervantes.
A inscrición pódese realizar a través de Sandra Quintana no teléfono 981528740 e no correo electrónico squintanar@santiagodecompostela.org.
Ponteceso: proxecto Os camiños do Mar
Ponteceso. Os Camiños do Mar
é unha iniciativa turística do Concello de Ponteceso que pon o seu foco sobre a interesante relación do municipio co mar, co transporte marítimo, coa cultura mariñeira e coa contorna que rodea ao litoral pontecesán. Nesta iniciativa propóñense dúas rutas. A primeira delas percorre o treito que hai desde a ponte de Ponteceso ata a vila de Corme e o cabo Roncudo pola ribeira. A segunda, fai un percorrido Pondaliano seguindo os monolitos dedicados ao bardo Eduardo Pondal que se atopan entre Ponteceso, a localidade do Couto e o miradoiro do monte Branco, e que, a través das novas tecnoloxías permiten vertebrar sendeiros naturais con acceso a información e xeolocalización GPS. A figura de Eduardo Pondal tamén queda patente no percorrido que parte da súa casa natal e que leva por diferentes lugares da contorna que o bardo reflectiu na súa poesía. De novo, mediante a tecnoloxía QR Ibeaken, o sendeirista poderá escoitar os poemas de Pondal co seu teléfono móbil tras escanear o código QR que se atopa a carón de cada monolito. É a primeira vez que se emprega esta tecnoloxía para divulgar a obra dun autor galego, dándolle una nova dimensión á poesía de Pondal e ofrecendo unha nova experiencia ao camiñante.

