Reportaxe
en Praza:
“(…) Atl gañou o premio Blanco Amor 2011. E chegou ás librarías ao mesmo tempo que 15.724 de Xesús Constela, a historia dunha Patria asentada na mentira. Galaxia editou, tamén hai pouco, 2044 de Eduardo Santiago. A ficción científica é un xénero cada vez máis desenvolvido na literatura galega. Mais a súa presenza nas nosas letras non é un fenómeno recente. O investigador Jorge Emilio Bóveda prepara un ensaio sobre o tema. “A primeira novela que podería considerarse de protociencia ficción galega foi dun galego afincado en Cuba: Luís Otero Pimentel. O libro titulouse Campaña de Caprecórneca (A Habana, 1898) e describía unha viaxe á lúa na liña das dos precursores da ciencia ficción moi anteriores a Xulio Verne”, explica. (…)
“Pero non veríamos un rexistro concreto do xénero ata 1926 cando Rafael Dieste publica no seu libro Dos arquivos do trasno un conto titulado 11926, na liña de A máquina do tempo de H.G. Wells, facendo comezar, ao meu ver, non exactamente o xénero da ficción científica en galego senón o subxénero da utopía negativa (distopía) ou a ucronía, que non estouparía ata os anos setenta coa obra Elipsis e outras sombras de Xosé Luís Méndez Ferrín”, engade. (…)”
Arquivo da categoría: Sociedade
Santiago: actividades literarias do 25 de xullo no Festigal 2012
Na
Galería das Letras do Festigal 2012, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o mércores 25 de xullo:
– 16:00 h. Presentación do libro: A terra sabe a loita, de Emilio López Pérez (Milucho).
– 16:30 h. Presentación do libro O galego é uma oportunidade, de José Ramom Pichel e Valentim R. Fagim, publicado por Através Editora.
– 17:00 h. Presentación do libro Cartografías do derrubo, de Carme Adán, publicado por Difusora das Letras. Falarán no acto Tareixa Navaza, Xabier Paz e a propia autora.
– 17:35 h. Presentación de Queer-emos un mundo novo, de Teresa Moure, publicado en Galaxia. Coa participación de Carlos Lema xunto á autora.
– 18:15 h. Presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. No acto, acompañando ao autor, participan Suso de Toro e Manuel Bragado.
– 19:00 h. Presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas, publicado en Galaxia. No acto, que contará coa presenza de Víctor Freixanes e o autor, Xosé Ramón Fandiño lerá algúns fragmentos do libro.
– 19:45 h. Presentación do libro Crise e radicalización neoliberal, de Xavier Vence, publicado en Laiovento. Falarán Francisco Jorquera e o autor.
– 20:30 h. Presentación do libro Outramente…, de Maria Pilar García Negro, publicado en Laiovento, con intervención, xunto á autora, de Goretti Sanmartin.
– 21:15 h. Presentación do libro Carvalho Calero Atual. Coletânea de artigos de Carvalho Calero comentados por 11 especialistas, publicado por Através Editora.
Xosé Luís Méndez Ferrín: “O 25 de xullo é un día poliédrico”
Entrevista
a Xosé Luís Méndez Ferrín en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿E cando pasou de Día de Santiago a Día de Galicia?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): De todos os lugares simbólicos do país este é o máis moderno. O escudo pérdese na noite da Idade Media, a bandeira ten unha historia desde finais do século XIX, o himno tamén… Pero o Día de Galicia apareceu como unha proposta da asemblea das Irmandades da Fala en 1919 e celebrouse por primeira vez en 1920. (…)
– LVG: ¿No caso de Galicia non sería mellor un Día da Matria?
– XLMF: Si, desde logo, e esa palabra xa ten sido usada. Cando escribe Valentín Paz Andrade o seu pranto por Castelao chámalle Pranto matricial, pola matria.
– LVG: ¿Vostede non será máis do 17 de maio que do 25 de xullo?
– XLMF: Non, pero o feito de que coincidan na mesma data diferentes celebracións, unha festa nacional, unha festa relixiosa, o patrón da arma de Cabalería, o patrón de España… fai que o 25 de xullo se produza unha intersección de vectores que xeran certo ruído mediático. (…)”
Proxecto Actívate co galego, a partir de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
“Estase
a preparar un proxecto baseado en persoas que conten cal foi o resultado da aplicación dos consellos para vivir en galego que aparecen no libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, escrito por Carlos Callón e editado en Xerais. Por iso, se utilizaches nalgunha ocasión ese manual práctico, podes enviar a túa historia ou as túas historias ao correo electrónico dereitos@carloscallon.com
Non é necesario que o testemuño sexa longo. O que se considera esencial é que se compartan estas experiencias, xa que poden servir de espello e estímulo para que todas e todos nos activemos na defensa da nosa lingua. Porque falamos galego e temos dereitos!”
Cardiff, Gales: X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), do 12 ao 14 de setembro
“A Universidade de Cardiff, en Gales, acollerá do 12 ao 14 de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Participarán ao redor de 125 relatores, tanto galegos como tamén expertos doutros países que centran as súas investigacións en Galicia. Aproveitando o marco da capital galesa de Caerdydd (Cardiff, no seu nome en inglés), este X Congreso busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo tematicamente transversais e interdisciplinarias sobre Galiza no contexto do Arco Atlántico, mais tamén facéndose extensíbeis a outros ámbitos periféricos e de minorías, e ao marco global en xeral.
– 1) Formulario de matrícula e información sobre prazos e prezos de inscrición:
Descarga aquí o formulario de matrícula no X Congreso da AIEG, que debedes enviar tesoureriaaieg@gmail.com. Nese documento xa atoparás toda a información sobre os distintos prazos e prezos de matrícula. Lembra que se queres facerte socia/o, podes descargar o formulario de Alta da web da AIEG e seguir as instrucións que se indican en: http://estudosgalegos.org/asociate.php
– 2) Programa provisional:
Descarga aquí a versión máis actualizada do programa do congreso (6 de xullo 2012), con información sobre a estruturación en bloques de sesións paralelas de relatorio, conferencias plenarias, actividades musicais, cea do congreso, e celebración da asemblea trianual da AIEG. Nuns días faremos pública a información sobre as sesións paralelas (relatorios e paneis). Xa está dispoñíbel o programa do Obradoiro de Estudos Rosalianos que se desenvolverá os días xoves 13 e venres 14 de setembro. Está prevista a participación, entre outras persoas, de Carlos Callón, Carlos Caetano Biscaínho, Laura Tato, Carme Fernández Pérez Sanjulián, Francisco Salinas, Luís Martínez-Risco, María Xesús Nogueira, María Liñeira, Carmen Mejía Ruiz, Olivia Rodríguez, Chus Pato, Aurora Marco, Anxo Angueira, Marga Romero, Kathleen March, María Xesús Lama, María do Cebreiro, María Reimóndez, Eva Moreda e Helena González Fernández.
– 3) Lugar de celebración do Congreso. O principal lugar do congreso é a Cardiff Business School, Cardiff University. Consulta aquí o mapa do campus universitario “Cathays Park Campus” da Cardiff Univerity/Prifysgol Caerdydd – http://www.cardiff.ac.uk/locations/maps/index.html.”
Ponteceso: convocatoria para participar en recital de poesía contra a mina de Corcoesto
Estase organizando un recital de poesía contra a contaminante mina de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) que se baralla para o día 11 de Agosto. Contaremos coa presenza musical do amigo Serxio Moreira ao piano e buscamos un ou varios pintores que se animen a facer un cadro en directo.
De momento a nómina de autores é a seguinte: Paco Souto, Xosé Lois Cabanas, Miguel Mato e Óscar de Souto. Así que velaí, se podedes e queredes participar no recital, quedades convidados.
Será en Ponteceso, probabelmente na casa dos veciños do Couto. Podes comunicar o teu interese en participar no correo electrónico: pacosouto@hotmail.com. Sería fantástico que fixerades un poema ad hoc.
Manuel Bragado renova como presidente da Asociación Galega de Editores
“A
Asemblea de socios da Asociación Galega de Editores reunida en sesións ordinaria e extraordinaria o 28 de xuño nas instalacións de Edicións Sotelo Blanco, acordou a renovación parcial da súa directiva e a incorporación como novo socio do selo compostelá Dardo Editorial, especilizado en arte e arquitectura, que pasa a formar parte da entidade gremial representativa do conxunto do sector editorial galego. Manuel Bragado fixo un repaso pola actividade dos dous anos de mandato e tamén manifestou que a nova directiva inicia unha nova etapa, convocando a próxima directiva para o 10 de xullo, data na cal se revisará o plan semestral, avanzarase na incorporación de propostas ao documento estratéxico do sector e se programarán diversas accións de promoción e formación. A directiva que dirixirá a entidade durante os dous próximos anos estará formada por Manuel Bragado Rodríguez, Presidente; Belén López Vázquez, Vicepresidenta; Laura Rodríguez Herrera, Secretaria; Xelasio Suárez Santiso, Tesoureiro; Xulio Amigo Estrada, Vogal coordinador de Culturgal; Xosé Aldea Moscoso, Vogal; Benigno Paz Ramos, Vogal; Antón Lado Lago, Vogal e Francisco Sánchez, Vogal.” Vía AGE.
O Temple, Cambre: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón
O
sábado 30 de xuño, ás 20:30 horas, no Paraugas do Temple en Cambre, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, publicado en Sotelo Blanco Edicións, dentro dos actos sobre o Orgullo GLBT organizados polo BNG e Galiza Nova desta localidade.
Ferrol: presentación de A saúde como negocio
Vigo: presentación de Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado de exceção
O
sábado 2 de xuño, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva (Rua Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase o libro Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado de exceção, publicado por Estaleiro Editora. No acto participan Francisco Sampedro, David Rodríguez e Carlos Diegues.

