VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organiza o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, que chega á súa sexta edición, desta volta co lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise. Os/as autores/as falarán da súa obra persoal e as súas expectativas perante a grande crise (galega, española, europea; literaria, social, de comunicación, de visibilidade…, etc.) na que estamos e como saír dela. Os actos celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, ás 12:00 horas. O programa é o seguinte:

– Xoves 6 de outubro. Mesa redonda de narrativa. Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias. Presenta Camiño Noia.

– Xoves 20 de outubro. Mesa redonda de poesía. Marga do Val e Emma Pedreira. Presenta Anxo Angueira.

– Xoves 3 de novembro. Mesa redonda de teatro. Afonso Becerra e Quico Cadaval. Presenta Manuel Forcadela.

Carlos Callón: “Hai moito por descubrir na Idade Media galega”

Entrevista a Carlos Callón en A Nosa Terra:
‘(…) – A Nosa Terra (ANT): Na fiinda do libro [Amigos e sodomitas] repara en que na investigación histórica moitas veces o máis complicado é crebar inercias e preconceptos para poder “ver” a auténtica realidade.
– Carlos Callón (CC): Ese exercicio é moi necesario. Ao preparar esta obra encontreime con que había unha falsificación da historia da sexualidade e unha falsificación da historia de Galiza. A documentación é clara sobre determinados asuntos pero moitos estudosos obvian o que ven e impoñen o seu criterio. E por iso se silencia a loita da nobreza galega por maior independencia no reinado de Afonso X de Castela –con Estevan de Castro á cabeza, acusado de sodomita– ou se traduce sistematicamente a Gallaecia dos textos por Reino de León.
– ANT: Tendo en conta esas carencias da historiografía, hai moito por descubrir na historia de Galiza?
– CC: Hai moita descubertas por facer para os historiadores da Idade Media galega. Aínda hoxe pesa máis a ideoloxía que o rigor académico e iso fai que as conclusións históricas sexan falsas. No caso de Amigos e sodomitas xa houbo críticas poñendo a pedir pan o libro tres meses antes de que fose editado. Curiosamente, neste intre vemos que os estudos históricos minorizados, marxinados nos grandes centros de estudo, son os que meirande rigor académico teñen. (…)
– ANT: O roubo do Códice Calixtino alertou sobre a situación do noso patrimonio medieval.
– CC: Está caendo a cachos. Os documentos ou están sen coidados como no caso do códice ou foron levados para Madrid, caso do Tombo de Celanova. O caso desoutro códice tamén é interesante. A pesar de ser unha fonte documental fundamental da Galiza medieval tivo a súa primeira edición na década do 1990 e dixitalizouse, en fotos, hai só uns meses. Pero estes casos son simbólicos do que pasa co románico ou con outras mostras históricas ou artísticas, abandonadas, sen protección pública, ao coidado de institucións que non o resgardan senón que simplemente o patrimonializan.’

Santiago: presentación do proxecto Lonxa das Letras

O xoves 14 de xullo, ás 11:00 horas, no Kiosko da Alameda de Santiago de Compostela, a Rede Galega de Kioskos presenta o proxecto Lonxa de Letras, no que corenta quioscos galegos achegarán aos seus clientes unha selección de libros na nosa lingua, polo de agora dos catálogos das editoriais Xerais e Galaxia. Ademais dos dispoñibles en cada quiosco, os clientes poderán mercar libros ou CD’s na web do proxecto, e recollelos nestes puntos de venda sen pagar gastos de envío. De cara ao futuro, a iniciativa prevé ampliar o seu catálogo a libros electrónicos e obras en castelán. A iniciativa, que quere favorecer ademais o emprego de persoas con discapacidades, permitirá un máis fácil acceso a produtos culturais na nosa lingua mesmo fóra de Galicia, xa que a rede de distribución do proxecto chega a quioscos de toda a Península. Na web lístanse os títulos dispoñibles no proxecto, que nace da Rede Galega de Quioscos, integrada no Grupo Galego de Economía Social. A Alameda de Santiago acolle mañá, a partir das 11 horas, a presentación da Lonxa, nun acto que contará coa presenza de Diego Ameixeiras e Francisco Castro. Crónica posterior en Galaxia, Galicia Hoxe, A Nosa TerraXornal de Galicia, Asociación Galega de Editores e El País.

Participación galega no I Encontro de Escritores da Lusofonia, no Palácio da Brejoeira

Do venres 29 ao domingo 31 de xullo, no Palácio da Brejoeira de Monção (no Alto Minho) terá lugar o I Encontro de Escritores da Lusofonia, onde “Escritores, músicos, criadores… pessoas de diferentes âmbitos da cultura e das artes vão reflectir sobre a realidade da lusofonia (tentando fugir dos tópicos), sobre as novas tecnologias e a sua relação com a literatura e as artes em geral, e sobre os movimentos do chamado Altermundo (ecoloxismo, empreendedorismo, antibelicismo, feminismo, decrescimento…) e a relação/situação das artes no mundo contemporâneo”. As inscricións pódense realizar aquí. Este é o programa, do que destacamos a participación galega:

* Sexta feira, 29 de xullo:
10:30 h. Tras o inicio do Encontro, presentación de Noente Paradise (Ugia Pedreira, Raquel Miragaia e Marina Oural).
16:00 h. Palestra: A Lusofonia ‐ uma realidade em construção permanente, coa presentación musicada de Cantos Lusófonos, Cancioneiro galego-português-brasileiro, de José Luís Do Pico Orjais, e a intervención de Carlos Quiroga, entre outros, e posterior debate a partir das 17:30 h.

* Sábado, 30 de xullo:
16:00 h. Baixo a moderación de Santiago Veloso, presentación do libro-disco Cores do Atlântico,  e intervencións de Iolanda Gomis e Séchu Sende, entre outros, con debate posterior ás 17:30 h.
18:30 h. Monólogo teatralizado de Quico Cadaval.
22:00 h. Concerto Poesia nas Margens com Aline Frazão, Fred Martins e Ugia Pedreira.

* Domingo, 31 de xullo:
10:00 h. Intervencións sobre Os movimentos Altermundistas e a sua relação com a literatura (ecologismo, feminismo, empreendedorismo social, antibelicismo…), baixo a moderación de João Guisan Seixas.
16:30 h. Proseguen as intervencións, baixo a moderación de Lourdes Carita, entre outros, de Carlos Taibo e Iolanda Zúñiga.
21:00 h. Concerto de João Afonso e Uxía.

Crónica posterior de Séchu Sende no seu blog.

Ramón Villares: “A cultura non é un trasto inútil”

Camilo Franco entrevista a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Pero podemos falar do fin dunha etapa de facer xestión cultural?
– Ramón Villares (RV): O Consello [da Cultura Galega] non marca etapas. Pero un cambio si que hai. Desde a perspectiva do propio Consello tamén hai un cambio porque a institución naceu cunha vontade preservacionista, quizais propia dunha cultura etnográfica e moi letrada. Foi evoluíndo. Introduciu as novas tecnoloxías, a cultura científica, e estamos nun punto distinto. Temos que ir adaptándonos, pero non só o Consello, todo o sector. Todo mudou moito, os medios de comunicación, o xeito no que se moven os contidos, o audiovisual. Incluso a maneira en que nos contan os relatos. E temos que operar sobre eses cambios. Agora estamos posiblemente na crise, entre algo que morre e algo que nace. Temos a conciencia dese tránsito. Canto menos pensen os demais por nós, moito mellor.
– LVG: Unha das conclusións da Reflexión é que hai demasiadas infraestruturas culturais e moitos menos contidos.
– RV: Nos últimos anos confiamos demasiado nos continentes. Porque é o máis fácil. Temos que pensar moito máis nos contidos. É fácil de dicir e difícil de facer. Ten unha tradución política directa. Tamén sucede, e sobre isto nunca se reflexiona desde a perspectiva cultura, que temos unha poboación máis dispersa que a media e iso tamén inflúe. Aínda non pensamos ben o custe que supón esta dispersión. Porque esta dispersión fai que sexa máis difícil cadrar a oferta e a demanda.”

Comunicado da AELG ante a renuncia de Agustín Fernández Paz a aceptar o Premio da Cultura 2010

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coñecido o fallo dos Premios da Cultura Galega 2010, outorgados pola Consellería de Cultura, traslada os seus parabéns ao noso socio Agustín Fernández Paz, premiado nesta convocatoria por vontade do xurado participante, ao tempo que quere facer público o seu inequívoco apoio á decisión tomada polo noso Socio de Honra de non aceptar este premio.
A AELG quere salientar a proxección do escritor Agustín Fernández Paz, autor de extensa e excelsa obra literaria que o ten convertido nas últimas décadas en referente indiscutíbel da literatura infantil e xuvenil no mundo, como explicitamente denota o altísimo volume de vendas dos seus títulos, a diversidade lingüística á que as súas novelas teñen sido traducidas e o múltiple recoñecemento co que ten sido agasallo en forma de prestixiosos premios de ámbito nacional, estatal e internacional.

Agustín Fernández Paz arrombou a diglosia errática á que a historia sociolingüística diacrónica nos conduciu, e aínda conduce na actualidade, e aceptou, sen prexuízos, a lingua propia e oficial, o galego, para guiarnos por multitude de viaxes reais e imaxinarias, itinerarios trazados en tempo presente, pasado e futuro, da man de personaxes novos e adultos, mesmo daqueles invisibilizados. Porque na obra narrativa de Agustín Fernández Paz, unha sensibilidade exquisita provocou que as mulleres, as nenas, tamén se convirtan en protagonistas activas e heroínas desenmascadoras que merecen o primeiro plano do relato, nunha evidente aposta metonímica pola agardada igualdade a todos os efectos na vida do noso día a día.
Eis o reto persoal: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantil e xuvenil propia, en galego, contada desde nós, mais con vocación de universalidade. Conseguido o reto, e partillado polo noso mundo das letras, desde a AELG sumámonos ao exemplo de coherencia manifestado polo noso socio, que delata un compromiso vital e literario coa lingua galega, representada nomedamente na súa literatura, sempre en incesante proceso de recuperación e enriquecemento desde a súa pluma.

Consello Directivo da AELG

Consello da Cultura Galega: A cultura na época das vacas fracas (II)

“Unha maior presenza da iniciativa privada e a innovación preséntanse como chaves na consolidación das industrias culturais. E cómpre actuar con rapidez para aproveitar as posibilidades das novas tecnoloxías e reaccionar contra os perigos da globalización. Cando menos, esas son algunhas das principais conclusións que se poden atopar no documento para o debate da Reflexión Estratéxica sobre a Cultura Galega que promoveu o Consello da Cultura. Francisco Campos, coordinador do relatorio sobre Cultura e Mercado, explícanos esta parte do debate”. Esta é a segunda dunha serie de reportaxes nas que se abordará as principais áreas dese proceso. Máis información sobre este proceso aberto á participación en Cultura Galega, e neste enlace ao documento completo da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega.

Consello da Cultura Galega: A cultura na época das vacas fracas (I)

“As épocas de fartura tamén reverteron no ámbito cultural. Consolidáronse os ornamentos relativos a cultura, creáronse unha nutrida rede de infraestruturas que dan acubillo a un número crecente de actividades…. Pero a crise obriga a repensar esa forma de traballar, planificar e concibir a cultura. Ese novo punto de vista sobre as políticas culturais abordouse no marco dunha reflexión estratéxica que propuxo o Consello da Cultura Galega e que agora abre ao conxunto dos cidadáns”. Esta é a primeira dunha serie de reportaxes nas que se abordará as principais áreas dese proceso. Máis información sobre este proceso aberto á participación en Cultura Galega, e neste enlace ao documento completo da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega.