Arquivo da categoría: Teatro
Pontevedra: presentación de O Tartufo, de Molière
Gondomar: XI Semana do Libro e a Lectura Dar que ler coma quen dá de beber
Vigo: Lolo e mamá, dirixida por Esther F. Carrodeguas
Compostela: 19ª Mostra de Teatro Universitario de Galicia
Compostela: presentación de O Castelán de Coucy e a Dama de Fayel, de Jakemés, traducido por Raúl Gómez Pato
Redrum estrea a comedia Estas aí? no Teatro Colón da Coruña
Desde
Erregueté:
“A compañía Redrum Teatro ultima os detalles para a estrea do seu novo espectáculo, Estas Aí? que terá lugar no Teatro Colón da Coruña os días 14 e 15 de abril ás 20:00 h.
Grazas a unha colaboración de residencia artística temporal co Concello de Teo, durante os primeiros días do mes de abril a compañía Redrum Teatro está levando a cabo os últimos ensaios deste novo espectáculo protagonizado polos coñecidos actores Xúlio Abonjo e Isabel Risco e dirixido por Alex Sampayo.
Estas Aí? é unha comedia que narra os desencontros dunha parella que se muda a un novo apartamento habitado por un personaxe invisible que lles fará desesperarse coas súas trasnadas. Mentres están a superar a sorpresa e buscan a forma de convivir co inesperado convidado, un feito casual failles cuestionar o seu amor e a forma na que se están relacionando. Durante o proceso descubrirán que, ás veces, as cousas non son o que parecen e que a forma na que nos comunicamos pode construir barreiras ou destruilas. (…)
Despois da estrea na Coruña, o espectáculo xa ten pechadas as primeiras datas da xira, que percorrerá Redondela (21 de abril), Cerdedo-Corobade (29 de abril), Teo (11 de maio), Vilalba (12 de maio), O Rosal (18 de maio), Ponte Caldelas (17 de agosto), Cambre (14 de outubro), A Illa de Arousa (20 de outubro), Ribeira (26 de outubro) e Cariño (28 de outubro).”
Betanzos: Carlos Biscaínho presenta Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas
A Panadaría: “Historicamente o humor sempre foi un campo vedado ás mulleres”
Desde
Erregueté:
“(…) – Erregueté (E): A Panadaría é unha compañía que nace na ESAD de Galicia e que desde o primeiro momento con Pan! Pan! acadou un éxito de público e un importante recoñecemento por parte da profesión. Cal é o segredo desa carreira que se consolida con Elisa e Marcela?
– AILÉN.- O segredo foi descubrir unha forma de facer en nós. Nos inicios na ESAD, despois de varios fracasos, Areta formulou unha estrutura de western para microteatro que foi o xermolo de Pan! Pan! O seguinte paso foi a convocatoria do Xuventude Crea dese ano, que pedía que as propostas debían durar 40 minutos. Desa necesidade de dobrar a estrutura naceu o espectáculo.
– NOELIA.- Igual foi aí onde naceu esa linguaxe nosa, ese tirar do fío xa que de 20 foi xurdindo a necesidade de probar a introducir unha canción, ou incluír un elemento máis xestual, ou unha cámara lenta ou xogar con mecanismos cinematográficos.
– ARETA.- En Pan! Pan! naceron as bases do que agora é o noso traballo que sempre consistiu en ir espindo. O certo é que non tiñamos vontade de montar unha compañía. Obrigounos o feito de que Pan! Pan! funcionou moi ben e, ao entrar no Galicia Escena Pro, todo se acelerou moitísimo. O certo é que nunca nos sentamos a pensar que queriamos montar unha compañía aínda que o obxectivo era facer teatro xuntas.
– E: Esa procura do esencial na escena ofrece unha forma de facer que é o selo singular da compañía. Nesa procura do mínimo, canto hai de opción e canto de imposición da realidade dunha realidade dominada pola precariedade?
– AILÉN.- Nós non nos pechamos a probar con cousas pero descubrimos que o noso mellor xeito de facer era co mínimo porque iso permitíanos estar a nós no centro, ás actrices. A creación de ambientes, a escenografía, a música, todo podía estar en nós.
– GENA.- Esa é a aposta da Panadaría: unha aposta polo traballo das intérpretes, de ir ao mínimo, á esencia. Con maior ou menor orzamento, a súa liña é clara e non creo que se fosen gastar cartos en algo que non fose o traballo, algo que permita acompañar esa linguaxe súa de quitar aderezos.
– NOELIA.- Por iso, despois de Pan! Pan! que contou con orzamento cero, no que máis investimos foi en equipo e en formación. En Panamericana tivemos cinco formacións que nos apetecía e da que se podía beneficiar outra xente e para Elisa e Marcela puidemos ampliar considerablemente o equipo. (…)”
A nova produción do CDG converte os personaxes de Valle-Inclán en concursantes do ‘reality’ Divinas Palabras Revolution
Desde
Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) presentou hoxe a estrea de Divinas Palabras Revolution, a súa nova produción propia, que erguerá por primeira vez o pano este xoves 12, ás 21,00 h., no Salón Teatro de Santiago. Na sede da compañía pública poderá verse ata o día 29, con catro funcións semanais para público xeral e pases matinais para escolares.
A continuación, iniciará unha xira de dous meses por outros oito escenarios galegos mais o Teatro Español de Madrid.
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Fefa Noia, directora do CDG; e Xron, director do espectáculo, interviñeron nesta rolda de prensa, na que tamén participou unha representación do elenco, encabezado por Patricia de Lorenzo, no papel de Marigaila, e Manuel Cortés, no de Pedro Gailo.
A casa en directo
Completan o reparto Antón Coucheiro (Sétimo Miau), Borja Fernández (Migueliño), Mónica García (Marica do Reino), Tone Martínez (Candás), Victoria Pérez (Tatoola), Ánxela Ríos (Simoniña) e Tomé Viéitez (Laureano). Na versión que asinan Manuel Cortés e Xron, con dramaturxia deste último, estes personaxes son os concursantes dun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras 24 horas. Deste xeito, a ‘traxicomedia de aldea’, como subtitulou Valle a obra orixinal, convértese aquí en ‘traxicomedia de aldea global’.
O espazo audiovisual deseñado por Quadra Producións/Cuco Pino, coa asistencia técnica de Semi Soto, é pois peza indispensable na nova montaxe do Centro Dramático Galego, para a que Xron tamén contou no equipo artístico con Suso Montero (escenografía), Mar Fraga (vestiario), Fidel Vázquez (iluminación), Xacobe Martínez Antelo (música orixinal e espazo sonoro), Fanny Bello (caracterización), Iván Nespereira (deseño gráfico das tatuaxes), Rosa Moledo (asesoría lingüística a partir da tradución de Manuel Cortés), Arantza Villar (asistencia de dirección) e José Díaz (asistencia de produción). Xunto a eles, o equipo habitual da compañía da Xunta de Galicia encárgase dos diferentes aspectos técnicos da produción e da posta en escena.
A ambientación nun contexto actual non afecta o espírito crítico e inconformista co que o gran autor arousán concibiu esta obra hai cen anos. Así, o retablo da avaricia, a luxuria e a morte que Valle-Inclán construíu en Divinas palabras mantén a súa crueza nesta nova aproximación escénica, a primeira que se fai en idioma galego, para ofrecer –en palabras do seu director– “un retrato descarnado dun pobo inconsciente da súa ferocidade, un testemuño irascible da miseria moral da sociedade”.
Porén, non o fará a través dunha tradución directa da obra orixinal, senón asumindo a imposibilidade de atopar esa aldea valleinclanesca na actualidade como reflexo doutras moitas imposibilidades, como a de manter unha identidade propia nun mundo globalizado ou a de conservar o sagrado, a natureza virxe, a pureza e o misterio como símbolos de Galicia, tal e como foi retratada por Valle.
Funcións e horarios en Santiago
Divinas Palabras Revolution poderá verse ata finais de mes no Salón Teatro, onde o CDG levará a cabo 16 funcións. As de público xeral terán lugar de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, día do espectador, ás 18,00 h. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público. En canto á campaña escolar, desenvolverase en pases matinais os martes e mércores para alumnado a partir dos 15 anos de idade.
Ademais, nas tres funcións dos días 15, 22 e 29 de abril, o CDG pon en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Esta iniciativa –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico ao enderezo centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.
Divinas Palabras Revolutioniniciará despois unha xira durante a que se exhibirá noutras oito localidades galegas (4 de maio en Carballo, 11 e 12 de maio en Ourense, 1 de xuño no Barco, 8 e 9 de xuño na Coruña, 14 de xuño en Pontevedra, 16 de xuño en Rianxo, 21 e 22 de xuño en Vigo e 29 de xuño en Cangas), así como no Teatro Español de Madrid (do 17 ao 27 de maio). Alí representarase en galego, con sobretítulos en castelán, 85 anos despois da estrea da obra orixinal, que tivo lugar en 1933 nese mesmo espazo baixo a dirección de Cipriano Rivas Cherif, con escenografía de Castelao e con Margarita Xirgu como Mari-Gaila.”







