Víctor F. Freixanes: “En España ignoran o que hai noutras linguas”

Entrevista de Camilo Franco a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“A máis recente novela de Víctor Freixanes, Cabalo de ouros, acaba de ser publicada en castelán por Siruela.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Que agarda da publicación en castelán?
– Víctor F. Freixanes (VFF): A recepción está sendo moi boa e estou satisfeito porque Siruela é unha editorial con todo o criterio dunha editorial literaria. Volcáronse co libro e o único que lles pedín é que esperaran a que o orixinal en galego tivese recorrido nas librerías. Xa vai ben andada a segunda edición e xa pode saír en castelán.
– LVG: Houbo un tempo en que nas editoras en castelán parecía haber un cupo para os autores que procedían doutros idiomas peninsulares. ¿Mudou esa situación?
– VFF: Pois se mudou foi para que reducir o cupo. Pero non é tanto que non haxa autores galegos traducidos ao castelán, que hai moitos máis dos que parece. Pero os que hai resultan invisibles para o mercado maioritario. Pero ese mercado está cambiando moito. En España ignoran o que hai noutras linguas, incluída a portuguesa. En moitos casos o que se publica nesas outras linguas resúltalles exótico ou directamente invisible. Isto crea outro problema porque para os autores galegos é difícil saír fóra se non é pasando polo castelán, pero hai pouca visibilidade. (…)”

Vigo: actividades destacadas do luns 2 de xullo na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do luns 2 de xullo son:

– 19:00 h.: presentación de Carné de identidade, de Mahmud Darwish, publicado en Barbantesa, traducido por Moncho Iglesias e Samar Sabat.
– 20:00 h.: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. Intervirán, xunto á autora, Michael Skinner e Manuel Bragado.
– 21:00 h.: presentación de A derrota de Galicia, de Antón Baamonde, tamén publicado en Xerais. No acto intervirán o autor e Manuel Bragado.

Santiago: presentación de Ellis Island, de Georges Perec

O xoves 7 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a edición galega de Ellis Island, de Georges Perec, traducido por Eduardo Estévez, publicado por Franouren. No acto, xunto ao tradutor, participa Mario Regueira.

Un tren cargado de misterios, de Agustín Fernández Paz, sairá en chinés

“O libro Un tren cargado de misterios, de Agustín Fernández Paz, está a traducirse nestes momentos ao chinés e será publicado pola editorial New Buds Publishing House (Tianjing), Limited Company. Un tren cargado de misterios está na súa quinta edición, foi ilustrado por Enjamio e recibiu o Premio Lecturas Galix en 2003.” Vía Xerais.

A Coruña: presentación de Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega

As axudas á tradución baixan a 168.000 euros

“Dos 300.000 euros de 2010 aos 168.000 de 2012. As axudas á tradución de obras desde e para o galego que convoca a Consellaría de Cultura manteñen nos útimos anos unha curva descendente. A convocatoria deste ano distribúese en dúas anualidades, con 84.000 euros nos orzamentos deste ano e outro tanto nos de 2013, e establece un límite máximo de 6.000 euros de axuda por cada obra. No caso de traducións desde o galego, establécese un custo de entre 20 e 30 euros por páxina no caso de linguas peninsulares, e entre 25 e 50 para outros idiomas. Nas versións para a nosa lingua, os subsidio cubrirá entre 50% e o 75% do custo da tradución. Os interesados en participar na convocatoria teñen ata o vindeiro 4 de xuño.” Vía Cultura Galega.

Irlanda: presenza e actividades de Manuel Rivas

Manuel Rivas falou da literatura na televisión irlandesa con ocasión da súa participación no festival Cúirt de Galway a finais de abril. No festival Jonathan Dunne conversou con el e con Kirmen Uribe sobre a literatura e a identidade, para despois presentar a edición inglesa d’A desaparición da neve en tradución de Lorna Shaughnessy, edición que saíu con Shearsman Books o mes pasado. En maio de 2013 sairá a tradución, a cargo de Jonathan Dunne, de Todo é silencio co seu editor habitual Harvill Secker. Até o 24 de maio pode ser consultado na rede este vídeo.