Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O teatro non é un xénero literario; é unha arte colectiva e colaborativa, na que a palabra e o texto actúan en pé de igualdade cos demáis elementos compositivos da representación escénica. Estas son algunhas das ideas sobre o teatro posdramático que desenvolve no seu ensaio Confio-te o meu corpo o profesor da Escola Superior de Arte Dramática Afonso Becerra. A entrevista pode verse aquí.”
Compostela: presentación de O exército de fume, de Manuel Gago
O xoves, quinta feira, 5 de xullo, na Librería Cronopios de Compostela (Rúa Alfredo Brañas, 24), preséntase a novela O exército de fume, de Manuel Gago, publicada por Edicións Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Lourenzo Fernández Prieto e Manuel Bragado. A presentación tamén inclúe unha sesión de narración oral que se mergulla nas historias da guerra civil e da resistencia antifranquista, con María da Pontragha, Soledad Felloza e Celso Fernández Sanmartín.
A simetría das bestas de Alberto Ramos
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Alberto Ramos arredor de A simetría das bestas, publicado por Urco. Pode verse aquí.”
Compostela: inauguración da exposición BibliotequEROS, no Museo do Pobo Galego
Boiro: presentación de O país sen fronteiras, de Xerardo AgraFoxo
O CDG programa unha función inclusiva do espectáculo Divinas Palabras Revolution con motivo da súa despedida do público
Desde Agadic:
“O espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Divinas Palabras Revolution regresa do xoves 5 ao domingo 8 ao Salón Teatro de Santiago para se despedir do público no mesmo escenario no que esta adaptación da obra de Valle-Inclán foi estreada o 12 de abril e onde, por vez primeira, se desenvolverá unha función inclusiva o venres 6.
Esta é unha das principais novidades da segunda estadía en Compostela desta montaxe, dirixida por Xron, que acaba de rematar unha xira de dous meses por outros oito espazos galegos mais o Teatro Español de Madrid. Cambian tamén os horarios de representación no Salón Teatro para se adaptar á temporada de verán: de xoves a sábado, ás 21,00 h., e o domingo, ás 19,30 h.
Para a función inclusiva do venres, contarase con tradución simultánea á linguaxe de signos e programa en lectura fácil, así como con audiodescrición e espazos para cadeira de rodas previa reserva. O pase, para o que se establece un prezo especial único de 5 euros, está organizado en colaboración coa ONCE, a Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión), a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) e a Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física de Galicia (Predif).
Encontro co público
Retómase, ademais, o programa Encontros co Público, que desta volta terá lugar ao finalizar a representación do xoves para lle ofrecer aos espectadores a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico do espectáculo.
Esta versión, a primeira en idioma galego, de Divinas palabras achega unha ollada actual e crúa da traxicomedia valleinclaniana, ambientada aquí na “aldea global” fronte a “aldea” do orixinal. Na versión do CDG os personaxes que interpretan Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez participan nun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras as 24 horas.
As entradas para estas catro derradeiras funcións de Divinas Palabras Revolution poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, así como no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada pase.”
Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018 (II)
A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018 tivo lugar o sábado 26 de maio, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34). O acto, organizado pola AELG, co apoio das áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo, estará amenizado coa música de TOR, grupo composto por Xosé Liz, Álvaro Iglesias, Félix e Cástor Castro.
A Asemblea Xeral da AELG recoñeceu como Mestra e Mestre da Memoria 2018 respectivamente a Luz Fandiño e a Manuel Pazos, Pazos de Merexo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Laudatio de Lois Pérez a Luz Fandiño:
– Entrega do Premio Mestra da Memoria e resposta de Luz Fandiño á laudatio:
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 4 de xullo
A cuarta feira 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Arantza Portabales asina na caseta de Casa del Libro.
– 18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar o Vigo vello, publicado por Xerais. Nesta actividade poderán participar un máximo de 25 persoas por día previa inscrición na Caseta de Secretaría da Feira. Poden participara todas as persoas que presenten un comprobante de compra na feira. A inscrición será por rigorosa orde de chegada.
– 18:30 h. Presentación do novo libro+cd de Pablo Díaz, Coas miñas mans, publicado por Galaxia.
– 19:00 h. Anaír Rodríguez asina Pioneiras. Galegas que abriron camiño, publicado por Xerais, na caseta de Secretaría.
– 19:45 h. Conversa entre Ledicia Costas e Fran Alonso: Mulleres revolucionarias na obra de Ledicia Costas.
– 20:00 h. Iolanda Zúñiga asina exemplares de Noites de Safari, publicado por Xerais, na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:30 h. Presentación de O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, publicado por Galaxia. No acto participa, xunto ao autor, Carlos Lema.
A VIII edición do certame Inspiraciencia de relatos de inspiración científica xa ten obras gañadoras
A VIII edición do certame Inspiraciencia de relatos de inspiración científica xa ten obras gañadoras.

O Museo Casa de la Ciencia-CSIC de Sevilla acolleu nesta edición o acto de entrega de premios, que contou cunha posta en escena inspirada nos relatos.
A AELG colabora habilitando prazas para as persoas gañadoras nos Obradoiros da súa Escola de Escritoras e Escritores; así mesmo, propuxo unha persoa para o xurado, Pura Salceda
Estes foron os relatos nas categorías xuvenil e adulto en galego, resultando gañadores e finalistas os seguintes:
Xuvenil
- Relato gañador: “Sempre no meu corazón, Ada”, de Julia Nieto Mantiñán
- Relato finalista: “Vida”, de Javier García Bello
Adulto
- Relato gañador: “Por un puñazo de SNPs” de Adrián Casanova Chiclana
- Relato finalista: “Información”, de Rodrigo Justo Fernández
A Coruña: conferencia sobre Flor de Santiago, con Ruth Varela
O 3 de xullo, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1), na Coruña, Ruth Varela pronunciará a conferencia Flor de Santiago, baseada no seu libro homónimo.