Desde Chan da Pólvora:
“O selo Noudelo e Ribón pon estes días nas librarías a reedición de Roxe de Sebes, coa que conmemora o 25 aniversario da súa publicación. Convertida xa na obra máis admirada de Ignacio Castro e nun dos máis celebrados ensaios da literatura galega recente, Roxe de Sebes recolle as experiencias e reflexións do filósofo durante o seus mil días de retiro no Courel, agora ampliadas coas achegas de diferentes autores para a que é, sen dúbida, a versión máis completa ata o momento dun texto fundamental. O libro preséntase o vindeiro martes 9 de decembro na libraría Follas Novas de Compostela a partir das sete da tarde, coa presenza da psiquiatra Julia Fraga.
Nun momento crucial da súa xuventude, o filósofo Ignacio Castro Rey retirouse á montaña para tentar converter en mundo un medo atávico e primordial. O testemuño desa experiencia radical, centrada no ascetismo do pensamento e nunha contemplación anómala, é Roxe de Sebes, libro que desde a súa primeira edición en 2001 se con- verteu nunha obra de culto. Composta por un diario de momentos, case ao estilo do haiku, e un ensaio sobre ese retiro, Roxe de Sebes inclúe unha colección de cartas escritas na montaña e un ensaio sobre o poder mítico dos lugares que habitamos e os lugares que nos habitan. Para esta nova edición de Noudelo e Ribón, o autor fixo unha revisión fonda do texto e compilou paratextos de distintas épocas. Ademais, engadíronse unha serie de artigos nos que Emilio Araúxo, Lois Gutiérrez e Alberto Ruíz de Samaniego analizan desde o presen- te as ondas expansivas que provocou o libro. Quizais o monte –asegura Ignacio Castro– sexa o lugar xeográfico necesario, pero tamén o espazo inmaterial que nos roubaron. O paraíso que nos venden como utopía, cando en realidade só o quitaron da nosa vista.”
Vigo: sesión do Club de lectura RioLagares arredor de Doris Lessing
Compostela: presentación de Tiro libre, de Julio Torrado
A Fonsagrada: presentación de arte menor, de Susana Sanches Arins
A Coruña: recital de Noelia Gómez e María Negroni no Ciclo Poetas Di(n)versos, o 8 de decembro
Samuel Merino recolle o premio de poesía Lueiro Rey
Entrevista de María Solar a Samuel Merino no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“En novembro entregouse o premio de poesía Manuel Lueiro Rey. Un premio que coñecemos en xaneiro, e que desde xuño xa está editado pola editorial Xerais.
Samuel Merino, que recolleu o premio de poesía Manuel Lueiro Rey, tamén gañaba o VII Premio Nacional de Poesía Viva de El Corte Inglés, e participaba na gala poética do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, pero amais anda en marcha cun espectáculo poético-musical con Lucía Aldao.
A entrevista pode verse aquí.”
A Coruña: Iria-Friné Rivera Vázquez falará sobre A era de Camilo Díaz Baliño: o amencer dos Deuses, Weimar e o impacto da Terceira Internacional soviética
A Asociación Galega de Editoras estrea o Premio Editio recoñecendo a traxectoria da Libraría Cartabón
Desde Cultura Galega:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de anunciar o nacemento dun novo galardón no panorama cultural do país: o Premio Editio. Esta iniciativa ten como obxectivo recoñecer o labor daquelas entidades, empresas ou persoas que se distingan pola promoción e defensa da cultura, a propiedade intelectual e, de xeito particular, do mundo do libro galego. O premio, cuxa candidatura é proposta pola Xunta Directiva da AGE, ten vocación de continuidade e entregarase anualmente cada 17 de decembro, coincidindo coa celebración do Día da Edición. Para a estrea desta distinción, a AGE seleccionou á Libraría Cartabón de Vigo. A asociación xustifica a escolla no papel da libraría como un referente indiscutible na promoción da literatura e do libro galego. O recoñecemento chega nun momento especial para o establecemento vigués, que neste ano 2025 vén de celebrar o seu 40 aniversario de actividade. A cerimonia de entrega terá lugar o propio 17 de decembro.”
Acta do xurado do X Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio

As bases desta edición poden consultarse aquí.
Manuel López Foxo: “O libro pretende convidar a reflexionar sobre o país, sobre o que fomos e o que podemos ser”
Entrevista de Sergio Casal a Manuel López Foxo en Nós Diario:
“Manuel López Foxo (Ortigueira, 1960) publica A construción da nación desde o realismo político (Lorref), unha reflexión que visita o galeguismo histórico para repensar o nacionalismo actual. A obra compila artigos do autor e apela ao diálogo, á memoria e ao país que está por construír.
– Nós Diario (ND): Realismo político e nacionalismo galego. Como se conxugan estes conceptos na teoría e, sobre todo, na práctica no ano 2025?
– Manuel López Foxo (MLF): Todo proxecto político ten que adecuar a súa alternativa ao momento social e político no que vive e facelo sen renunciar ao seu ideario. Eu por iso parto da experiencia do Partido Galeguista na II República, porque penso que nos deron unha lección de realismo. Sen renunciar aos ideais que tiñan, foron capaces de aproveitar ese momento histórico, de entender cal era a correlación de forzas e de comprender que conseguir o Estatuto de autonomía naquel momento era fundamental para asegurar a personalidade e o futuro de Galiza como nación.
Partindo desa base, neste momento, o realismo político ten outro contexto, onde o nacionalismo galego é segunda forza política e unha alternativa de Goberno. Por isto, ten que adecuar o seu discurso e o seu xeito de traballar para lograr ese cambio político galego. Non porque sexa algo que precise o nacionalismo, senón porque o precisa o país.
– ND: E desde que espazo se constitúe unha alternativa política que xere maiorías suficientes?
– MLF: O libro non ofrece unha visión ideolóxica, senón unha visión de país. Eu teño moi claro que o importante é tecer país.
O país técese desde o propio nacionalismo pero tamén desde outras visións que existen na sociedade. Persoas que, aínda non considerándose nacionalistas, acreditan que este país ten dereito a ter outro futuro e outro presente. (…)”







