Entrevista a Estíbaliz Espinosa sobre As neuronas irmás

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”A ciencia é cultura e esa reivindicación faise importante nestes tempos”. Estíbaliz Espinosa gaña co libro As neuronas irmás o Premio de Poesía Afundación. Pode accederse á entrevista aquí.”

Xeopoética de Cunqueiro

Entrevista de Daniel Salgado e Armando Requeixo en Sermos Galiza:
“A xeografía da literatura é ambigua. O mundo real do escritor e os seus mundos imaxinados manteñen estrañas relacións. Por veces, a conexión entre eles resulta directa, evidente. Outras, semellan compartimentos estancos. A exploralos con vocación didáctica e proselitista dedica o crítico Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) a súa última monografía, Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo. Guía Literaria.
Un dobre propósito alimentou o proxecto. “Dunha banda, responde ao que é propiamente unha guía, procurar cubrir as expectativas para a xente que chega a Mondoñedo”, explica Requeixo, “e que mellor embaixadora que a voz do poeta”. Ao mesmo tempo, os “cunqueiriófilos tamén poderán ler o libro con sabor. Quería que o acrisolado espazo creativo de Cunqueiro, a súa xeopoética, quedase recollido”.
A obra preséntase como un itinerario pola histórica vila e a súa contorna. Trinta e cinco puntos xeográficos cosen as historias e os días do autor de Merlín e familia. “Cunqueiro deixou dito algunha vez que, independentemente do lugar de que estivese a falar, sempre estaba falando das rúas e os tipos de Mondoñedo”, sinala Requeixo.
A zona da obra cunqueiriá máis celebrada a día de hoxe ten a ver coa fantasía e un singular realismo máxico avant la lettre. Mais o Mondoñedo material está tamén aí. “É case unha redundancia. Todo o seu universo creativo atópase en Mondoñedo”, engade.
Entre o Campo da Feira ou a Nosa Señora dos Remedios e a Cova do Rei Cintolo ou a Taberna de Póngalas, a guía de Requeixo procura cumprir coa cita de Cunqueiro que a encabeza: “Eu non me cansaría de recomendar, se fixese unha Guía de Mondoñedo para poetas, que o visitante se mesturase co silencio enorme da cidade e do val e da pausa do noso cotián vivir”. Por Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo, dotado dun frondoso e completo aparato gráfico, desfilan ademais os outros “príncipes” das letras mindonienses, “sempre á luz da súa relación con el”: Leiras Pulpeiro, Marina Mayoral, Antonio Noriega Varela ou Xosé Díaz Jácome.
A esa prescrición remite Armando Requeixo para expoñer as razóns do seu traballo. “Eu entendo que Cunqueiro soñou escribir algo así, e prefigurouno dun xeito disperso en artigos e relatos”, di, “porque na súa obra xa hai unha guía de Mondoñedo. Pero non estaba callada”. A que callase contribuíu o concello da vila -coeditora, coa Xunta, do volume-, que agora prepara audioguías para poñer a disposición de visitantes e interesados.”

Bases da XXVI edición do Concurso Literario Xaime Illa Couto

1)- Ámbito xeográfico:
Ata 18 anos: será requisito ter empadroamento no Concello de Poio ou matricula nun centro educativo de Poio.
De 18 anos en diante: a participación non ten limitación xeográfica sempre que se cumpran as demais normas do concurso.
2)- Os traballos serán de carácter individual e inéditos, quedando expresamente prohibido plaxiar, copiar ou reproducir traballos alleos.
3)- Cada participante poderá presentar un único traballo por modalidade.
4)- O tema será libre.
5)- Os traballos deberán ser escritos en lingua galega.
6)- As modalidades do concurso serán dúas:
Relato curto ou conto.
Poesía.
7)- A extensión dos traballos será como máximo de tres de folios por unha soa cara (para relato curto ou conto) e de un folio por unha soa cara (para poesía). Os traballos mecanografados entregaranse a tamaño de letra 12 e espazo interlineal dobre. Os traballos manuscritos entregaranse nun formato lexible.
8)- Os traballos serán entregados en calquera dos seguintes centros:
a) Oficinas municipais: presencial ou por correo certificado (Praza do Mosteiro, 1
C.P. 36995 San Xoán de Poio).
b) Centros educativos de Poio: CEIP Viñas, CEIP Lourido, CEIP Isidora Riestra, CEIP Chancelas, CEIP Espedregada e no IES de Poio.
c) Locais das Asociacións colaboradoras e membros do Consello Municipal de Cultura do Concello de Poio: S.C.D. de Raxó; S.C.D. de Samieira; Ateneo Corredoira de Combarro; Asociación Boureante de A Seara; Asociación Vides Novas de San Salvador.
10)- Entregaranse dous sobres pechados. No interior do sobre 1 incluirase o traballo a presentar. No interior do sobre 2 incluíranse os datos persoais do participante correspondentes (nome, idade, enderezo, teléfono, curso, centro). No exterior do sobre 2 deberá constar a idade, modalidade e categoría (ver punto 13)
11)- O xurado estará formado por unha representación elixida para o efecto polo Consello Municipal de Cultura. O xurado determinará a necesidade de recorrer ao asesoramento de técnicos na materia. A presidencia de honra do xurado permanecerá vacante en lembranza de D. Xaime Isla Couto. O fallo do xurado será inapelable.
12)- O Consello Municipal de Cultura resérvase o dereito de publicar e/ou facer o uso que considere oportuno dos traballos presentados.
13)- As categorías son as seguintes:
Categoría A: de 6 a 8 anos*.
Categoría B: de 9 a 11 anos*.
Categoría C: de 12 a 13 anos*.
Categoría D: de 14 a 15 anos.*
Categoría E : de 16 a 18 anos.*
Categoría F: de 18 anos* en diante.
* Idade cumprida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017..
14)- Os premios serán os seguintes:
CATEGORÍAS A, B, C, D: diploma e premio de 70 euros por cada categoría e modalidade.
CATEGORÍA E: diploma e premio de 90 euros, para cada modalidade.
CATEGORÍA F: diploma e premio de 300 euros, para cada modalidade.
15)- O prazo de entrega rematará o martes 21 de marzo ás 14:00 horas.
16)- O xurado fallará os premios o mércores 18 de abril ás 20:30 horas.
17)- O xurado poderá considerar deserto os premios do grupo F no caso de que os traballos presentados non acaden unha calidade aceptable.
18)- A entrega de premios realizarase no transcurso do acto que se celebrará o día 17 de maio de 2018 ás 17:30 h. no Salón de Actos do Centro Cultural Xaime Illa Couto (Raxó).
19)- A participación no concurso supón a aceptación das presentes bases.

A presidenta do Consello Municipal de Cultura
Lidia Salgueiro Piñeiro”

Estevo Creus gaña o Lorenzo Baleirón cun libro sobre a dimensión fantasmal da realidade

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A práctica poética de Estevo Creus (Cee, 1971) vén delimitando un territorio singular, estrañado. A súa mirada entende a realidade como algo á marxe da percepción común. O mundo revela as súas outras verdades grazas ao poema. O lugar que non hai titúlase o libro co que vén de gañar a 30ª edición do premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Nel investiga a dimensión fantasmal do real e os baleiros do idioma.
“A obra fala fundamentalmente sobre lugares que non existen”, explica ao teléfono. A imposibilidade da propia percepción, cómo se constrúe a forma de mirar ou os ocos da linguaxe son eixes polos que discorre a escrita de Creus. Que para esta ocasión, seis anos despois de Balea2, desprégase por páxinas “moi descritivas”. É dicir, a obxectivos en aparencia abstractos chega por vías concretas.
“Intento nomear as cousas coas cousas”, di, “e debuxo paisaxes surrealistas co que hai”. O deambular pola cidade proporciona a materia dun traballo “un pouco filosófico”. Pero son esas “cousas” descritas o que produce “fantasmas, esperpentos”. “A xente nas rúas da cidade, por exemplo, ten unha aparencia fantasmal”, engade. Dalgún xeito, a poesía como mecanismo de desvelamento, aínda que sen invocacións á epifanía.
Por idade e experiencias compartidas, Estevo Creus aparece adoito adscrito á Xeración dos 90. A súa obra, porén, foise afastando de formulacións iniciais –Poemas da cidade oculta (1996), Areados (1997)- e adquirindo forte conciencia da crise da linguaxe. En O lugar que non hai, esta é elemento central. “Hai unha crítica feroz á linguaxe proposicional”, esténdese, “a linguaxe é un cabalo de Troia no ser, a linguaxe impide”. O poeta enfróntase a unha ferramente incerta, “inimiga”, nun libro “bastante contemplativo”.
Os poemas cos que Creus gañou un dos certames literarios máis veteranos de Galiza foron “concibidos para a oralidade”. “Non estaba moi seguro de se funcionarían como texto escrito, por iso o premio foi unha sorpresa”, admite. Que devolve a Estevo Creus ás librarías logo dun demorado silencio. “A razón”, expón divertido, “é que non lle atopaba moito xeito ao que estaba facendo”. O seu método, ademais, contribúe a estes longos períodos sen publicar: “Escribo de cando en vez, e dun tirón. Obedece tamén ao azar”. (…)”

Quiosco: Xistral 20

Desde Cultura Galega:
“O Concello de Lugo acollía a pasada semana a publicación da vixésima entrega da revista Xistral, publicación histórica que botara a andar Manuel María e que voltou en 2000 da man do municipio. Nesta ocasión, o novo volume recolle textos de 63 poetas e poetisas do país acompañados de ilustracións de Quique Bordell. A coincidir co lanzamento dáse tamén un relevo na coordinación do proxecto, que pasa de Camilo Gómez Torres a Toño Nuñez que estará acompañado por un consello de redacción formado por Luz Pozo Garza, Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre. (…)”

Entrega do I Certame Vilariñas 2017

Nova e fotografía enviadas por Martiño Maseda Lozano:
“O pasado sabado, 2 de decembro, na igrexa dos Vilares, ese home coñecido coma Pepe do Vilariño, ou mellor dito, ese gran poeta chamado Xosé María Díaz Castro, estaría compracido co acto que argallou a boa xente da NPG Nova Poesía Guitirica e dos Vilares, Lareira de soños para celebrar a entrega do I Certame VILARIÑAS 2017, e que, asemade, serviu para honrar a súa persoa.
Ante case un cento de persoas alí presentes (entre elas familiares do propio Xosé María Díaz Castro), sucedéronse distintas intervencións, ás que foi dando paso o poeta vilalbés Martiño Maseda. A primeira correu a cargo de Regina Polín como alcaldesa de Guitiriz; seguida por Alfonso Blanco Torrado, ben coñecedor da persoa do poeta vilarego, e en representación de Xermolos, como depositarios do legado da súa obra, o que os levou a teren emprendido iniciativas con resultados positivos, como a declaración do Día das Letras para o poeta do Vilariño no 2014 ou a fase inicial de recuperación da súa casa natalicia.
Tras as palabras de Alfonso Blanco Torrado, dous integrantes do grupo poético “Voces Poéticas do Mandeo” (Moncho Bouzas e María Pereira) deleitaron aos asistentes co recitado duns poemas.
No cerne cenital do acto tivo lugar o momento da entrega dos galardóns aos premiados na 1ª edición do Certame VILARIÑAS. Ditos galardóns consistiron nunha peza única elaborada pola artista da Costa da Morte, Viki Rivadulla. Comezou recollendo o seu premio o poeta naviego Toño Núñez, que coa vilariña “Abrín os ollos” acadou o terceiro premio, o cal lle foi entregado pola cantautora e profesora Sandra Tenreiro Doldán. Deseguido, tocoulle o turno a Pedro Rielo Lamela, quen non puido asistir, e levoullo no seu lugar Xelo Teijido, membro da NPG, o segundo premio pola vilariña “Gran carballo”. E xa para sentirse agasallada polo primeiro premio, grazas á vilariña “Teño un pintor”, acudiu a guardesa Andrea Araújo Alonso, que con grande ilusión recibiu a figura de Viki Rivadulla de mans de Antón de Guizán, presidente da Asociación Os Vilares, Lareira de Soños e membro da NPG.
Rematou o acto as verbas intensas e luminosas da integrante máis nova da Nova Poesía Guitirica NPG, Fátima Fernández.
A continuación, a festa poética proseguíu nun comedor do bar Korreo de Guitiriz.
Medre a Poesía!”

Estevo Creus, galardoado na XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Resultou moi grato para min asistir, como membro do xurado xunto con Xabier Castro, Blanca Ana Roig, Míriam Ferradáns e Daniel Costas Currás, ás deliberacións que outorgaron a XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao libro O lugar que non hai que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Estevo Creus Andrade, que xa resultara galardoado neste mesmo certame en 1998 con Teoría do lugar. Un libro, o desta ocasión e tal e como se sinala na acta do xurado, pragado de imaxes escintilantes e que esculca con brillantez e ironía, desde as instancias da dúbida permenente, nos territorios da outredade, da confusión, do desdobramento e do propio eu poético.
Non podo deixar de referirme á ofrenda floral previa que se lle tributou a Eusebio Lorenzo, no cemiterio de San Xián de Laíño, xunto cos escritores Manuel Lorenzo Baleirón, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, á que tamén asistiron Valentín Alfonsín e Adriana Sóñora. Un acto sinxelo onde soou a palabra de Rilke nunha tradución de Lois Tobío e semelloume que todo o que Rilke escribira un día fora pensado para aquel momento. Particularmente, malia as proximidades xeracionais, non coñecín ao poeta de Dodro, pero si admirei e admiro a súa obra e, sobre todo, foi para min unha satisfacción constatar como o lugar en que el naceu segue a traballar, desde hai tantos anos, por manter viva coa poesía a súa memoria. Que así siga por moitos anos.”