Suso Lista, escritor e actor: “Non me interesa escribir historias de amor, prefiro as que son como a pel do melgacho”

Entrevista de Antón Escuredo a Suso Lista en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como “armou” esta “travesía” en trece relatos que aparecen na obra?
– Suso Lista (SL): Se comezamos polo nome, escollín Travesía relacionándoo co peor vento que temos no mar. O vento forma parte dos catro elementos e, desta maneira, completo a serie dos outros tres libros que fixen dedicados á auga, á terra e ao lume: Salseiros, Xeixos e Charamuscas. E son trece por ser unha ducia pesca que leva trece unidades de sardiñas, tal e como se vendían antes. E para nada é un número de mala sorte, todo o contrario, é unha sorte que che dean trece cunha ducia.
Son relatos curtos. Síntome máis cómodo con esta fórmula que con outras máis extensas. Levaba tempo sen escribir. Despois da novela Como a roda no muíño que saquei en 2020 non tiña moito interese e de repente quixen pórme outra vez. Sabía que tiña que rematar os catro elementos. Tiña algún xa escrito mais cando me puxen foi todo moi rápido, en tres meses tiña o libro rematado para publicar.
– ND: Nas historias que conta neste libro baséase na realidade que o arrodea?
– SL: Neste libro en concreto baséome na miña propia vida. Vivo en Corme, na Costa da Morte, e case todos os personaxes que fago teñen moito de reais, son de aquí e teñen que ver coa miña propia experiencia. Fago literatura propia da Costa da Morte, aquí non a coloco por quedar ben. Con todo, introduzo moitos temas que me interesan, como é o flamenco que me quedou de facer a ‘mili’ en Cádiz e coñecer persoas moi interesantes. Podo dicir que a miña vida entra na obra e nela sae tamén a etapa que pasei na mariña mercante ou como percebeiro. No meu libro falo de nós mesmos, de como respiramos. (…)”

Carballo: actividades do xoves 6 na Praza dos Libros

Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 6 ao 9 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o xoves 6, destacamos os seguintes:

12:30 h. Inauguración e pregón de Manuel Rivas. Coa actuación da Banda Municipal de Gaitas de Carballo.
18:30 h. Concerto infantil a partir do libro-disco Fantasía coas palabras, de Papi e Mami, publicado por Galaxia. Con Jorge Juncal e María López (Faltri).
20:00 h. Presentación de Lendas da Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera, publicado por Embora. O autor estará acompañado por Antonio Reigosa e Xosé Manuel Varela.
21:00 h. Presentación de Charamuscas, de Suso Lista, publicado por Embora. Estará acompañado por Mercedes Queixas.