Comeza a preinscrición para o Mestrado Literatura, Cultura e Diversidade, que se vai impartir na Universidade da Coruña
O día 23 de xuño comeza a preinscrición no Mestrado Literatura, cultura e diversidade, na Universidade da Coruña, na modalidade de semipresencial, a tempo completo ou, se se prefire, parcial. Pódese ampliar a información sobre o mestrado nesta páxina.
Impartirase en modalidade semipresencial e as sesións serán en horario de tarde dous día á semana, xoves e venres. A matrícula pode realizarse como estudante a tempo completo ou a tempo parcial. Para poder cursar o mestrado é necesario realizar preinscrición aquí. O primeiro prazo vai de 23 de xuño a 13 de xullo.
Este Mestrado da Universidade da Coruña está organizado en dous cuadrimestres: no primeiro con materias dos módulos comúns e no segundo, as do módulo específico, coa participación de profesorado da área de Filoloxías Galega e Portuguesa; as materias da especialización no ámbito galego-portugués contarán tamén coa presenza en seminarios específicos de profesorado externo á UDC, como Justo Beramendi, Antón Figueroa, Francisco Rodríguez, Paula Guerra, Alva Martínez, Meri Torras e Ana Romaní.
O Mestrado é especialmente útil para renovar metodoloxías, actualizar coñecementos e pór ao día todo o relacionado coa Literatura en xeral, e coa nosa literatura, en particular, para alén de posibilitar a eventual realización dunha tese de doutoramento no ámbito dos estudos literarios e culturais.
Pódese descargar este documento con máis información: MLCD Diptico.
Entrevista a Alicia Fernández e Eduard Velasco sobre a Libraría Chan da Pólvora
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Abre en Compostela a libraría especializada en poesía Chan da Pólvora. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Vigo: Festival de Poesía PoemaRia 2016
Erin Moure, poeta e tradutora canadense, doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A poeta e tradutora canadense Erin Moure Honoris Causa pola Universidade de Vigo. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Crónica videográfica da I Gala do Libro Galego (III)
O sábado 14 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tivo lugar a I Gala do Libro Galego, convocada conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:
– Entrega do Premio Honorífico á Libraría (recolle María Xesús Costoia Garea):
– Entrega do Premio Honorífico á Editora (recolle Afonso Ribas):
– Entrega do Premio ao Escritor Galego Universal 2016 (recolle Pere Gimferrer):
Actividades destacadas nos centros de ensino no Día de Rosalía 2016 (V)
Chegando ao final do curso, divulgamos parte das actividades que tiveron lugar en diversos centros de ensino galegos no Día de Rosalía 2016, unha acción promovida pola AELG que cada ano ten unha relevancia crecente na comunidade educativa galega:
- Conservatorio Histórico e CEMU Profesional Contrapunto Histórico, Santiago de Compostela. Cartel.
- CDAN Conservatorio Profesional de Danza, Lugo. Vídeo.
- CPI de Pontecesures. Actividades.
- CPI O Cruce, Cerceda. aquí e aquí.
- CPR Cardenal Cisneros, Ourense. Programa de actividades.
- CPR La Merced, Sarria. Semana de Rosalía en Primaria e en Infantil. Máis actividades.
- CPR Padre Feijoo Zorelle, Ourense. Podcasts e vídeo.
- CRA A Lagoa, Salvaterra de Miño. O vídeo realizouse na aula de Oleiros e os traballos plasticos na aula de Arantei.
- CRA Antia Cal, Peitieiros (Gondomar). Blog da biblioteca.
Compostela: programa inaugural da Libraría Chan da Pólvora
O mércores 22 abre as súas portas a Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela. Con este motivo, terá lugar un recital de apertura, presentado por Gonzalo Hermo:
– 18:00 h. – Francisco Cortegoso, Juan Bello (cast.) e Adrià Targa (cat.).
– 19:00 h. – Jesús Castro, Tiago Alves (port.) e Lara Rozados.
– 20:00 h. – Ana Romaní, Xosé María Álvarez Cáccamo, Oriana Méndez e Margarita Ledo.
– 20:45 h. – Intervención do poeta rapeiro García MC, de Dios Ke Te Crew.
– 21:00 h. – Brinde de peche.
Letras en familia, por Armando Requeixo
Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) Galicia tamén deu ao mundo familias literarias de mérito. Só cómpre lembrar o rexionalista Uxío Carré Aldao e os seus tres fillos Uxío, Leandro e Lois Galo Carré Alvarellos; os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, fundadores e destacados persoeiros das Irmandades da Fala; Vicente Risco e o seu fillo Antón; Álvaro Cunqueiro e o seu fillo maior César; Fermín Bouza Trillo, o seu fillo Bouza-Brey e o seu neto Bouza Álvarez; e, mais nos nosos días, os irmáns De Toro (Suso, Xelís e Antonio Raúl), Villar (Miro e Rafa) ou Valcárcel (Xulio e Xesús Manuel), Xosé Luís Méndez Ferrín e María Xosé Queizán e as poetas Cristal Méndez Queizán e Oriana Méndez; Uxío Novoneyra e a súa filla Branca; Roberto Vidal Bolaño e o seu fillo Roi Vidal Ponte ou, por non ser prolixo, as Brontë galegas, as tres irmás poetas Andrea, Lara e Marcela Porto Mato.
Agora ben, se hai un caso entre nós que destaca pola súa admirable recursividade ese é o da familia Álvarez, insólita saga recollida no libro Escolma de familia (2000). Unha historia literaria que se remonta ao século XIX co bisavó dramaturgo e ensaísta Emilio Álvarez Giménez, que pasa polo avó poeta Xerardo Álvarez Limeses, os seus fillos Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez ―polígrafo consumado que tiña un curmán, Emilio Álvarez Negreira, tamén escritor― e os fillos deste, Afonso, Xosé María e Celso Álvarez Cáccamo, poetas e narradores.”
“Literaturizar a historia”, por Celia Díaz
Artigo de Celia Díaz no weblog de Galaxia:
“A literatura e a historia son vellas coñecidas e establecen relacións proveitosas para ambas: a literatura reflicte a historia e a historia contémplase nas obras literarias. A literatura, en canto testemuño da sociedade, proporciona información relevante acerca dunha época concreta: as crenzas, os costumes, a mentalidade, os valores, os modos de vida… A historia, á súa vez, é a inspiración da que naceron moitas das grandes obras da literatura universal. Poesía, teatro e, sobre todo, narrativa atopan fértil materia literaria nos acontecementos que viviu a humanidade desde o comezo dos tempos. E non hai dúbida de que a novela histórica é un xénero que goza hoxe dunha extraordinaria vitalidade, tamén na nosa literatura.
Malia esta interrelación entre historia e literatura, moi distintos son os obxectivos que procuran. Mentres o historiador pretende reconstruír o pasado a partir de datos obxectivos analizados e contrastados, o escritor ou escritora converte en ficción literaria as informacións que o rigor histórico lle proporciona e recréaas libremente para transmitir a emoción da que carece o texto erudito.
Unha característica principal da novela histórica é a esixencia de verosimilitude. Para que o imaxinado teña aparencia de realmente acontecido cómpre levar a cabo unha exhaustiva documentación acerca do período e o espazo nos que se sitúa a narración. A xeografía, a economía, a alimentación, o vestiario, as actividades de lecer, as crenzas, a onomástica… son coñecementos que poden obterse a través de documentos históricos, arqueolóxicos, epigráficos ou iconográficos.
A tradición oral proporciona igualmente informacións valiosísimas, por moi inverosímiles ou contraditorias que resulten ao comparalas coas recollidas de fontes científicas. As lendas ou os romances achegan aquilo que a fantasía do pobo transmitiu de xeración en xeración, son materia viva que merece un lugar preeminente no texto literario.
Mais o importante e fundamental, como en calquera novela, é a creación duns personaxes con alma, con vida interior. Criaturas de ficción que van medrando paseniño e transmiten os soños, os conflitos, os temores, as arelas, as decepcións, as traizóns, as anécdotas e peripecias do seu vivir cotián. A presenza na narración de personaxes reais esixe respecto á veracidade e rigor histórico. Mais, ao mesmo tempo, o novelista pode imaxinar os seus pensamentos máis íntimos e tamén pode permitirse determinadas licencias e atribuírlles estes ou aqueles trazos froito da súa fantasía.
Dotar de vida e autenticidade os personaxes, recrear a atmosfera na que ocorren os acontecementos, construír unha trama ben elaborada e transportar o lector a tempos afastados son os difíciles retos aos que se enfronta o escritor de novela histórica. Se o consegue, construirá un relato ameno e accesible, fonte de coñecemento e tamén do goce estético que a literatura ofrece.
Non é tarefa doada, pero si apaixonante.”