Ciclo de Literatura Infantil. Música e Poesía dende a primeira infancia, do 5 de outubro ao 9 de novembro

Abannerciclolix AELG colabora co Ciclo de Literatura Infantil. Música e Poesía dende a primeira infancia ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Todas as sesións comezan ás 17:00 horas na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense).

A inscrición é gratuíta. Para obter diploma de asistencia pódese contactar neste correo: imocino@uvigo.es

O Ciclo, coordinado por Isabel Mociño e Susa Herrera (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo), contará coas seguintes relatoras/es, que desenvolverán as temáticas que se detallan:

5 outubro | Montse Rivera | A tradición oral nas aulas
Recollida da transmisión oral e versión musical.

11 outubro | Antonio García Teijeiro | A poesía e a música nas aulas: unha necesidade e un reto
Creación poética de autor: a importancia da poesía nas aulas.

19 outubro | Uxía Domínguez Senlle | A música, universo suxestivo para a infancia
A música e os proxectos poético-musicais para a infancia.

26 outubro | Elvira Riveiro Tobío | A poesía que queremos
A experimentación poética para a infancia e adolescencia.

2 novembro | Fran Alonso | Poesía, a música da vida
A experimentación poético-musical ao redor da lírica.

9 novembro | Susa Herrera | Músicas agochadas
Música e poesía para a infancia, a súa importancia para futuros docentes de infantil e primaria.

Obxectivos:
– Continuar co Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil iniciado en outubro de 2015 na Facultade de Ciencias da Educación (Ourense), que tivo unha media de asistencia a cada sesión de 100 persoas.
– Dar a coñecer estratexias, recursos e ferramentas para achegar a poesía e a música á infancia e adolescencia.
– Divulgar experiencias e producións de Literatura Infantil e Xuvenil galega da man das propias creadoras (autoras, ilustradoras), aspecto fundamental entre futuro profesorado da Educación Infantil e Primaria.
– Reforzar as carencias dos currículos académicos en materias específicas para o traballo coa poesía e a música na etapa da Educación Infantil e Primaria.
– Desenvolver coloquios/conversas coas creadoras participantes (autoras textuais, da ilustración, da música que acompaña os libros infantís…) para contrastar as liñas de creación das persoas participantes coa percepción que se ten da súa producción.
– Tomar conciencia entre o alumnado, mediadores e público en xeral da importancia de coñecer a literatura para os máis novos/as, saber recomendar as obras de calidade e sobre todo aquelas que promovan valores en positivo, entre eles a educación estética e musical.
– Visibilizar a poesía e a música para a infancia e adolescencia, incidindo en criterios de selección coherentes e acordes ao coñecemento da evolución histórica destas producións.
– Valorar o papel do profesorado e a escola como axentes dinamizadores, programadores e normalizadores culturais.

Ciclo de música e poesía foto

Sorteo na rede (Facebook) arredor de Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira

Desde14344275_10155253347091562_1209837795598727299_n o perfil de Facebook de Emma Pedreira:
“Estou pensando que tras tantas semanas de comentarios, reseñas, parabéns e ilusións arredor de Corazón e demais tripas é xusto devolver unha parte desa alegría e ser agradecida. Así, en colaboración coa artista do papel Mon-Mery e Edicións Positivas, quero agradecer todo o cariño e o humor compartillado nestes meses de existencia do libro, cun sorteo! ATENCIÓN: desde hoxe e ata o 1 de outubro, poderedes partivipar subindo ao meu perfil ou á páxina de Edicións Positivas selfis ou fotos chulas co libro, algún comentario e, por suposto, visitar a fantástica páxina de Mon-Mery. O premio? Este mini àlbume artesàn e único, cunha pequeniña sorpresa inédita no seu interior. A que esperades? Moita sorte e moitas moitas grazas!!”

Há silêncios que são diferentes, por Susana Sánchez Arins

ArtigoSusana Sánchez Arins AELG de Susana Sánchez Arins na Plataforma de Crítica Literaria A Sega sobre A cor do hibisco, de Chimamanda Ngozi Adichie:
” A tensão. Passar páginas devagar, roçando lenemente os cantos das folhas, deslizando-as amodinho para não alterar o ar requieto das estâncias. Aguardando o monstro: sabedora de que vai aparecer e desejando que não, que quiçás a autora foi esperta e o monstro é só um pesadelo. Juro que sentim tesar os músculos dos meus braços ao começar cada novo capítulo, arrastando os olhos por entre as manchinhas pretas do papel para adevinhar o nome dele, as suas palavras, as suas pancadas. E adia(nta)r-me o espanto.
A bolha na gorja. A goela de Kambili bota toda a narrativa com os fonemas engasgados, incapazes de borbulhar. Muda. Mas não sossegada. Ela quer falar e não pode. Uma espinha impede-a de proferir os sons, acumula-lhos na garganta e a mim acabam por me doerem as amendoadas amígdalas. Leio e dana-me a saliva quando a envio. Kambili admira todas as pessoas que a envoltam e podem falar. Essas que agromam palavras como abrochos novos de primavera, assim coma quem. Como é que se faz? Há tanta violência nessa privação da fala… Ela “aprendeu a arte de chorar baixinho”, a arte de calar.
O dizer não dizendo. A arte da autora. Aprendida de Kambili. Essa capacidade para contar-nos todo por omissão. Para dar a calada como explicação. Para manter o segredo á vista no meio do barulho. Mamã coxeia. Para que contar a causa. Já imos sabendo. E pouco e pouco, assim que confiamos, dizer. Dizer com todas as letras. Dar nome à brutalidade. E nós desejando não ouvir. (…)”

Ribadeo: VI Concerto Músicas e Letras en Feminino, o venres 16 de setembro

cartaz-lebedynski-v2-21Ademais do aperitivo musical, o VI Concerto Músicas e Letras en Feminino tamén ofrecerá un recital de poemas de poetas galegas e mariñás que serán lidos por un grupo de mulleres de Trabada, Foz, Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro.
O prezo xeral do bono-axuda-entrada será de 6 euros e poderase reservar ata o xoves 15 de setembro no enderezo observatorioigualdade@gmail.com.

Faleceu Fernando Acuña Castroviejo

A AELG lamenta fernando-acuna-castroviejo-universidade-de-vigo o pasamento do seu socio Fernando Acuña Castroviejo.
Desde Historia de Galicia:
“(…) Este martes é un día triste para o mundo do patrimonio galego porque perde a un dos seus pioneiros, Fernando Acuña Castroviejo.
O catedrático, nado en Santiago de Compostela en 1945 era un destacado experto en arqueoloxía romana, foi un dos fundadores do Museo do Pobo Galego e era vicepresidente do seu padroado.
Ao longo da súa carreira, dirixiu diferentes escavacións, como as do xacemento das Torres do Oeste (Catoira), o castro de Neixón (A Coruña) ou Castro Real (Boimorto). Ademais, o catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela pertencía a numerosas sociedades científicas e era académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes.
Castroviejo era, ademais, membro correspondente da Real Academia Galega desde xaneiro de 1972. Por iso, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, expresou xa o pesar da institución polo falecemento de Acuña Castroviejo, de quen lembra a boa disposición que sempre amosou para colaborar coa Academia e os seus comezos como arqueólogo na sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento.
“Xa nas súas primeiras investigacións arqueolóxicas, cando era moi novo, amosa unha gran personalidade. Neste eido e daquela está baixo o influxo dun grande investigador e mestre, Fermín Bouza Brey, que desde o Instituto Padre Sarmiento orienta un fecundo equipo de investigadores novos en arqueoloxía e antropoloxía (o propio Fernando Acuña Castroviejo, Xosé Manuel González Reboredo, Carlos García Martínez…)”, apuntou.
A capela ardente de Fernando Acuña instalouse no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O funeral será este mércores, 14 de setembro, ás 12:00 horas, en Santo André de Trobe, en Vedra.”

NOTA: a foto provén da Universidade de Vigo.