Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Zigzag Eirado recibe a visita de Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, que con motivo da recente Gala do Libro Galego, fala do estado en que se encontra o sector. Pode verse a entrevista aquí.”
Vigo: palestra Un pintor que sabía o que facía, de Xosé Carlos López Bernárdez
O
xoves 1 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Camelias, 102), en Vigo, Xosé Carlos López Bernárdez impartirá a palestra Un pintor que sabía o que facía, arredor da figura de Luís Seoane.
Vídeo da presentación en Vigo de Versos para conversar, de Xoán Carlos Domínguez Alberte
Gañadores do II Certame Literario Cantabile
O
sábado 13 de maio reuníronse no local do coro os membros do xurado do II Certame Literario Cantabile. O tribunal estaba formado por:
– Tito Pérez, escritor
– Roberto Samartim, profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña
– Dores Tembrás, escritora
Os integrantes desta mesa acordaron o seguinte veredicto:
Categoría A
Modalidade de poesía:
1º Premio: “Bando de Borboleta”, de Raquel Cernadas Varela.
Modalidade de microrrelato:
O premio fica deserto por non presentarse ningún traballo nesta modalidade.
Categoría B
Os premios fican desertos por non presentarse ningún traballo en ningunha das dúas modalidades.
Categoría C
Modalidade de poesía:
1º Premio: “Osíxeno”, de Miguel Ángel Fernández García.
Modalidade de microrrelato:
1º Premio: “De costas”, de Adrián Gil Fernández.
O día 27 de maio será a entrega de premios, ás 19:30 na igrexa das Capuchinas da Coruña. Nesta tarde, escoitaremos os textos premiados lidos polos seus autores e autora, e intervirá o Coro Cantabile.
Música e literatura estarán unidas nunha causa solidaria: os donativos asociados a cada participación no concurso serán entregados á Cociña Económica e ademais recolleranse alimentos, tamén para esta institución.”
Entrevista a Isaac Xubín no Zig-zag, sobre A cadencia da fractura
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Isaac Xubín visita o estudio de gravación. Acaba de gañar o Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, convocado polo concello de Fornelos de Montes dende 2012, co seu libro de poemas A cadencia da fractura, que se impuxo a outros vinte e seis traballos presentados. Pode verse a entrevista aquí.”
Compostela: presentación de Cantar de Valtario e Cantar de Ruodlieb
A Coruña: presentación de Na casa da avoa, de Marta Dacosta
Un home estraño, de Antonio Tizón, Premio Cidade Centenaria de Ribeira
Desde
Brétemas, de Manuel Bragado:
“Asistimos á entrega do Premio de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira outorgado nesta sexta edición a Antonio Tizón por Un home estraño. Un momento importante para o certame ribeirense de noveliña, plenamente consolidado despois dunha década, e para o escritor coruñés que se dera a coñecer hai apenas dous anos con A antesala luminosa. Nesta segunda obra, Tizón volve arriscar co seu xeito de entender a novela policial, que el denomina mulata, na que mestura as convencións do xénero negro coa novela de indagación social. Localizada na cidade da Coruña en 1980, cando gobernaba o concello Domingos Merino, o inspector Xosé Sánchez Pereiro, que xa aparecía na primeira entrega de Tizón, e a xornalista Ledicia Muruzábal, relatan de forma alternativa a investigación na que participan coa intención de desvelar o crime de Manuel Ferro Filgueira, arquitecto do concello.
Antonio Tizón, na súa intervención de aceptación do premio, confesou que esta fora a primeira obra que escribira na súa vida, remontándose a primeira versión a 1977. “Levo corenta anos reescribíndoa. Naceu da visión dun home estraño que atopei entón nos xardíns dos Cantóns. A novela evolucionou nas diversas versións até mudar de xénero, pasando da novela rosa á social, para acabar no xénero negro tal como o eu o entendo”. “Con todo o único que se mantivo intacto en todas as versións foron apenas quince liñas, que na última versión pertencen ao capítulo IV, onde se describe o home estraño: “en pleno verán, ía cun chaquetón de inverno, un pantalón de pana descolorida, unhas botas de pel gastada e unha guitarra enfundada ao ombro”, “con todo, o que máis salientaba daquela estraña figura era o seu rostro, un rostro aínda novo que sorría entre unha barba poboada de seriedade”, “ao ver a súa boca riseira, parecía que se mofaba un pouco de todo”, (…) “o brillo que desprendían os seus ollos grandes iluminaba o rostro dunha paz profunda”. “Un home estraño que acabará por obsesionar á xornalista Ledicia Muruzábal, que non parará ate descubrir todos os segredos da súa identidade. Porque á xornalista parécelle máis incomprensible a visión daquel rostro contraditorio que toda a panorámica da Galicia preautonómica de comezos dos oitenta, o marco histórico no que se desenvolve a novela, que pretende contribuír ao coñecemento dunha época, unha sociedade aínda lúgubre e corrupta, onde campaba aínda a impunidade, pero tamén inxenua e ilusionada”.
Rematou a súa intervención Tizón dedicándolle o libro a Ledicia Costas, “unha autora que tivo a valentía de escribir Un animal chamado néboa“, a José Luis Muruzabal, “que fixo un labor encomiable na Asociaicón Enfermos con doeza mental da Coruña” e a José Barallobre, “que me contou todo sobre a policía”. Tamén agradeceu o apoio de Mari Quinteiro, “portadista e lectora de todos os meus libros”, e a Alba Tizón Quinteiro, “que correxiu o texto”.”
O Porriño: obradoiro de escritura creativa, por Clara do Roxo
Desde
a Biblioteca do Porriño:
“Actividade: Obradoiro de escritura creativa
Contido: escritura
¿Para quen?: poboación adulta
¿Cando?: 7, 8, 14 e 15 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas.
Inscricións abertas para o “Obradoiro de escritura creativa”. Trátase dun obradoiro intensivo de iniciación á escritura centrada no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir, co que intentamos darlle un impulso a esas escritoras e escritores que levades dentro. As prazas son limitadas e reducidas (máximo 15 persoas), e destinadas á poboación adulta.
Como o resto dos obradoiros que realizamos, é necesaria a inscrición previa na biblioteca ou chamando ao teléfono 986337624, así como ter a condición de persoa socia da mesma. Trátase dunha actividade gratuita e as prazas cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. As persoas que non sexan do Porriño entrarán nunha lista de agarda.
As datas de realización serán os mércores e xoves do 7, 8, 14 e 15 de xuño, entre as 18:00 e as 20:00 horas. O obradoiro será impartido pola recoñecida escritora Clara do Roxo, escritora e profesora de obradoiros de escritura creativa.
Este obradoiro está enmarcado no ciclo de actividades formativas da Biblioteca do Porriño durante o 2017, con un programa que realza a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social. Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entedelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.
Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.”






