Roberto Pascual, director artístico da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT)

DesdeRoberto Pascual o Zig-zag-Eirado da Televisión de Galicia:
“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) reforza este ano o seu programa con máis presenza internacional. Un dos grandes acontecementos do festival que acollerá a vila ourensá entre o 16 e o 24 de xullo será a representación en Galicia de A Gaivota, de Antón Chéjov, a cargo de Oskaras Korsunovas. O director artístico da MIT, Roberto Pascual, foi entrevistado para explicar a oferta que ofrecerá o evento nesta edición. Pode verse aquí.”

Convocado o I Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados

“APremio-Celso-emilio-2016_hz-1 Fundación Celso Emilio Ferreiro (FUNCEF) entende que a expresión musical cumpre unha función clave no fomento e difusión da expresión poética en xeral e, nomeadamente, na divulgación do legado poético, de Celso Emilio Ferreiro cuxa obra foi reiteradamente musicada, nunha múltiple variedade de estilos, ao longo dos últimos cincuenta anos.

Por iso, convoca con carácter bianual o Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, co obxectivo de premiar a mellor canción con música orixinal e textos dun poema de Celso Emilio Ferreiro.

A presente convocatoria estará regulada de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Poderán concorrer ao certame todos os compositores e compositoras que o desexen, de forma individual ou agrupada, amateurs ou profesionais, sen ningún tipo de limitación pola súa procedencia ou formación. Só poderá ser presentada unha obra por autor, autora ou colectivo.

Segunda. As composicións consistirán en obras músico-vocais, nas que a letra sexa a totalidade ou parte dun poema de Celso Emilio Ferreiro e a música sexa unha creación orixinal do autor, autora ou colectivo, admitíndose calquera estilo musical.
As composicións deberán ter sido publicadas ou postas á disposición do público, tanto por vías discográficas tradicionais coma en plataformas dixitais online, gratuítas ou de pago, entre o 30 de outubro do 2014 e o 30 de outubro do 2016. O xurado valorará especialmente a inexistencia doutras versións musicais sobre o poema escollido e a novidade na composición musical do mesmo de existiren outras musicacións anteriores.
Así mesmo o xurado terá en conta a súa formulación estética global e as potencialidades futuras de divulgación da composición.
As gravacións deberán estar libres de cargas económicas e o autor ou autora asegurará a orixinalidade da composición musical, debendo responder a título particular ante calquera demanda por motivos de plaxio.

Terceira. As letras dos temas musicais presentados terán que conter, como mínimo, oito versos dun poema. Con excepción dos poemas enteiros que conteñan menos dos versos requeridos, en ambos casos serán única e exclusivamente procedentes da obra poética de Celso Emilio Ferreiro. quedando excluídas automaticamente as cancións con outro tipo de textos poéticos ou non poéticos de diferente autoría.
Serán admitidos igualmente os temas musicais orixinais sincronizados con imaxes e presentados en formato vídeo.
Serán admitidos poemas de Celso Emilio Ferreiro traducidos e editados oficialmente noutras linguas.

Cuarta. Calquera composición ou poema que non reúna as condicións dos apartados anteriores poderá ser excluída do Certame.

Quinta. Establécese un único premio de 3.000 euros para a persoa gañadora do Certame, correndo por parte do gañador ou gañadora a liquidación dos impostos pertinentes. Quen resulte gañador non poderá presentarse novamente en solitario ou colectivamente ao certame por un período de dúas edicións.

Sexta. Para participar no Certame é preciso enviar a interpretación da peza musical en formato .mp3 en calidade alta, .wav, .aiff ou de tratarse de vídeos en formatos .mpeg, .avi ou .mp4.
Para o envío habilitarase un formulario na web da Fundación desde o que se deberán cubrir os seguintes datos: pseudónimo do autor, autora ou grupo, o nome do grupo ou artista que o interpreta, o nome do tema musical e o título do poema de Celso Emilio Ferreiro, así como o teléfono e o e-mail de contacto, e tamén o médio ou plataforma onde foi publicada, xunto coa data de publicación.
A dirección URL para consultar as bases do concurso e acceder ao formulario de rexistro é a seguinte.
Con respecto ás obras non galardonadas a FUNCEF garantirá o anonimato da autoría e a non difusión das obras presentadas. Tan só se publicitará o nome do autor ou autora, dos intérpretes e da obra gañadora.

Sétima. O prazo de recepción das obras finalizará o día 30 de outubro do 2016. O anuncio do veredicto do xurado darase a coñecer o día 20 de novembro de 2016 a través da páxina web www.celsoemilioferreiro.org. E o acto de entrega do premio será no transcurso da Feira Culturgal a celebrar en Pontevedra en decembro de 2016.

Oitava. Un xurado nomeado pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, integrado por personalidades do mundo musical e poético, e encabezado pola súa Presidenta, outorgará o premio establecido na base quinta do Certame. Se na consideración do xurado non se acadase a calidade musical e estética desexada, o premio podería ser declarado deserto. A súa decisión será inapelable e terá a facultade de resolver calquera problema de interpretación das bases ou non previsto nestas.

Novena. A FUNCEF resérvase o dereito á libre disposición e uso non venal por calquera medio e sen limitación temporal da obra premiada.
O autor ou autora da composición gañadora, pola aceptación destas bases, comprométese a ceder expresamente á FUNCEF os dereitos non exclusivos de reprodución, distribución e comunicación pública tanto da obra como da fixación da obra incorporada ao arquivo dixital enviado á FUNCEF para participar no concurso. A cesión establécese polo límite máximo que recolle a vixente lexislación sobre propiedade intelectual.
O autor ou autora da composición gañadora comprométese expresamente, pola aceptación destas bases, á cesión de dereitos á FUNCEF recollida nesta cláusula é plenamente remunerada por medio da cantidade expresada como premio, sen que haxa posibilidade de reclamar cantidade económica ningunha á FUNCEF por este concepto.
A FUNCEF non realizará uso algún a título lucrativo dos dereitos adquiridos en virtude da aceptación destas bases.
A cesión realízase con carácter non exclusivo, polo que o autor ou autora non terá impedimento algún para negociar ulteriores cesións a terceiros, a título gratuíto ou oneroso, e nos termos que libremente decida pactar, sempre que permanezan salvagardados os dereitos adquiridos por FUNCEF en virtude da aceptación destas bases.

Décima. O feito de participar no Certame implica o coñecemento e a aceptación das bases e o resultado emitido polo xurado non poderá ser apelado nin recorrido.

Undécima. O xurado para a presente edición estará composto por:
Raquel Ferreiro Llatas. En calidade de Presidenta e representando á FUNCEF
Ramón Nicolás Rodríguez. En calidade de Secretario e representando á FUNCEF
Manuel Bragado Rodriguez. Editor e representando á FUNCEF
Lorena López Cobas. Musicóloga
Juan Durán. Compositor
Cristina Pato. Música
Salvador García. Director de producción e emisións de Radio Vigo G.C. e responsable do proxecto MAKETON de Los40 Vigo”

Verín: presentación de Contos e lendas arraianos, de José Rodríguez Cruz

OContos e lendas arraianos José Rodríguez Cruz venres 1 de xullo, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal de Verín, terá lugar a presentación do libro Contos e lendas arraianos, de José Rodríguez Cruz, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, José Lamela Bautista e Manuel Mandianes.

Semana Apiario: un encontro coa palabra

DesdeApiario Coruña Daily News:
“(…) O seguinte acto celebrarase o mércores 29 cara ás sete da tarde. Trátase dun encontro con docentes do escritor Carlos Negro. Nel, o autor falará sobre o seu ensaio Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, que vén de gañar o Premio ao Mellor Ensaio na I Gala do Libro Galego.
Segundo Antía Otero, “é un título do que queríamos que se vise a súa finalidade. Recolle seis artigos de seis escritores que traballan de xeito activo coa palabra, e que visitan moitos centros de ensino e obradoiros. Ademais, o propio Carlos Negro é mestre. Parecíanos unha figura para ter un encontro específico cos mestres, que conte as ferramentas que emprega e a súa experiencia arredor do seu traballo”.
Ao día seguinte, xoves 30 de xuño ás 20 horas, a librería Moito Conto será escenario dun recital poético dos alumnos que participan nos obradoiros literarios que organiza Apiario. (…)
En canto ao nivel da poesía na cidade da Coruña, Antía Otero di que “é un luxo”. “Está tendo un repunte importantísimo. Cando convidamos autores de fóra para dar charlas ao alumnos, ou vir a algún recital, marchan encantados da atención do público, da escoita. É algo que se foi xerando co traballo continuado de ciclos como o Poetas Di(n)versos, de recitais ou de obradoiros e actos. Hai un especial interese na poesía. Penso que como axentes culturais temos que evitar que se convirta nunha moda pasaxeira. Hai que velo como unha oportunidade de seguir medrando. Temos que ser sensibles”.
Sobre esa sensibilidade poética xirará o último acto da Semana Apiario, que se celebrará o luns 4 de xullo cara as oito da tarde. Tratarase dun encontro entre os lectores e a poeta María do Cebreiro arredor do seu poemario O Deserto. “É unha autora moi prolífica e cunha gran traxectoria. Queremos ter unha conversa co lector, que a coñezan, que saiban como se constrúe un libro desde o seu inicio”, explica. “Ten unha facilidade comunicativa marabillosa, cun gran discurso tanto na escrita como verbalmente. E queremos compartir iso cos lectores”.
Sobre o futuro da poesía, Antía Otero afirma que “estamos a vivir un tsunami de calidade”. “É abraiante. A xeración que está comezando, aqueles autores menores de trinta anos, é unha xente dunha calidade brutal”, di. “É emocionante ver desde que lugar se está escribindo e con que entrega e rigor”.
Apunta tamén que “hai que celebrar cada vez que se emprende un proxecto que ten que ver coa literatura nun lugar coma Galicia. Estamos a favor diso e de que a situación prospere. Estamos nun momento no que temos que coidar o que emerxe”. E presenta un futuro positivo. “Cada vez hai unha maior confianza en nós mesmos, no que somos e no que estamos a construír”.”

Entrevista a Santiago Cortegoso

DesdeSantiago Cortegoso Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Como entendes (e levas adiante, no teu caso) o processo de criação literária -e dramatúrgica-?
– Santiago Cortegoso (SC): Cada vez máis, vexo a miña evolución dentro do teatro como unha carreira de fondo, ao longo de moitos anos, na cal unha etapa non se pode entender sen ter en conta todas as anteriores. Neste momento estou moi centrado na creación dramatúrxica e, sobre todo, na produción de espectáculos, que é algo que se menciona pouco pero é ao que lle dedico máis tempo (xestionar unha compañía dá moito traballo), pero noutros momentos teño traballado moito máis como actor.
En canto á dramaturxia, sigo dous modelos de creación básicos. Por unha banda, a escrita de textos teatrais desde a soidade do estudio, nos cales a dimensión literaria é a que prima. Se logo se van poñer en escena (dirixidos por min ou por outro), é unha cuestión que non teño demasiado en conta á hora de escribir. Por outra banda, teño xerado espectáculos a partir de procesos de creación colectiva nos cales a escrita é unha parte máis, e non necesariamente a máis importante, ou cando menos a que vai en primeiro lugar. Trátase de construír desde uns puntos de partida, tanto temáticos como de posta en escena, un espectáculo no que todos aportan: actores/actrices, deseñadores/as de escenografía, vestiario, etc. Encántame poñer a actores e actrices en situacións nas que eles mesmos van escribindo o texto enriba do escenario, a partir de improvisacións, sen case decatarse. O meu traballo como director ponse ao servizo da creatividade dos actores e das actrices, e, como autor, o traballo fundamental é rexistrar e darlle forma a todo o material que xorde nos ensaios ata chegar ao texto final.
Nunca chegaría a desenvolver este xeito de traballar, nin ao feito de producir os espectáculos eu mesmo (xunto con Marián Bañobre, que é a miña compañeira en Ibuprofeno Teatro), se antes non tivese a experiencia de traballar como actor en compañías grandes, que levaban adiante producións de gran formato con moita rigorosidade, con moitos actores e actrices. Aí aprendín o oficio, tanto no sentido artístico como no empresarial. E tiven o tempo e a oportunidade para formarme como dramaturgo, para facer obradoiros e escribir pezas moi malas para aprender. Tamén cabe dicir que os meus textos non terían unha dimensión socio-política tan marcada se non estudase Ciencias Políticas, aínda que nunca cheguei a facer nada relacionado coa carreira. (…)
– P: Que parte do trabalho teatral reivindicarias por não ser suficientemente valorado ou (re)conhecido?
– SC: O de produción. En xeral, non se valora o esforzo que facemos moitos teatreiros como empresarios. E é lóxico, porque se lle dá máis importancia ao traballo creativo.
Por outra banda, agora mesmo estou loitando para que se me recoñeza como director de escena, que é a faceta que empecei a desenvolver máis tarde, e é o gran reto de cara ao futuro. (…)”

A Coruña: conversa arredor de O anxo negro, de Manuel Gago

OManuel Gago O anxo negro xoves 30 de xuño, ás 20:00 horas, na Librería Sisargas da Coruña (Rúa San Roque, 7), terá lugar unha conversa arredor do libro O anxo negro, de Manuel Gago, publicado en Xerais, coa participación, xunto ao autor, de Xurxo Salgado.