“Conducir no Afganistán”, por Arancha Rodríguez

Crítica de Arancha Rodríguez na Sega (foto de Paula Gómez del Valle):
“O camiño de descuberta do mundo é sempre un camiño violento, sórdido; cheo de tropezóns e de obstáculos. Se a ese camiño se lle engade o peso de ser muller, masticalo faise case imposíbel.
Non obvia Angélica Freitas (Pelotas, Brasil – 1973) esta natureza do percorrido, presentándonos un libro cun título igual de cru: um útero é do tamanho de um punho. Editado por Kriller71 nunha preciosa edición bilingüe portugués-español, o poemario semella un pedazo de carne sen cociñar, sangrante e imprevisíbel, que un xigante enorme nos fai tragar mentres esmaga as nosas gorxas.
Ler um útero é do tamanho de um punho é complicado; é ao tempo inmensamente certo. Navega a autora por temas tan recurrentes como o corpo, a hixiene, o sexo, evitando a discreción. Por que ninguén fala do noxo?, parece berrar esta obra. Por que ninguén fala do medo.
Talvez porque molesta.

uma mulher gorda
incomoda muita gente
uma mulher gorda e bêbada
incomoda muito mais

A natureza da muller no mundo, estranxeira a todo lugar máis que a si mesma -estranxeira ás veces de si mesma- parece empañar tamén todo o poemario. A súa anatomía, a súa voz; todo é censurábel. Se cadra o camiño de descuberta do mundo era, despois de todo, unha penitencia. (…)”

Monterroso: II Feira do Disco e do Libro Galego

Toda a información aquí.

A antoloxía Six Galician Poets difunde no exterior a literatura galega actual

Desde a Xunta de Galicia:
“A antoloxía Six Galician Poets difunde a literatura galega actual nunha edición bilingüe galego-inglés que acaba de ver a luz na colección New Voices from Europe and Beyond. A obra, publicada pola editora británica Arc Publications, reúne unha escolma de poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Chus Pato, Estevo Creus, María do Cebreiro e Daniel Salgado, vertidos ao inglés polo poeta irlandés e tradutor Keith Payne. (…)
A obra reúne para o público internacional unha escolma de poemas de seis dos poetas galegos actuais máis consolidados tanto pola súa ampla traxectoria literaria como polo recoñecemento que merece a súa obra poética. A obra destes poetas preséntase en tradución inglesa realizada polo poeta irlandés e tradutor Keith Payne, mentres que a coordinación da escolma correu a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela Manuela Palacios, directora de varios proxectos de investigación estatais sobre poesía galega e irlandesa contemporánea. (..)”

Pontevedra: acto literario destacado do sábado 18 no Salón do Libro

O sábado 18 continúa o Salón do Libro de Pontevedra 2017, que se celebra no Pazo da Cultura, cos seguintes horarios: de duns a venres, de 17:00 a 20:00 h., e sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h., co seguinte acto destacado dentro do seu programa:

19:00 h. Encontro: Máis aló do azul e do rosa, con Ana Torres Jack. Editorial Galaxia. Nesta charla, a autora, ofreceranos dunha maneira sinxela e moi clara algunhas estratexias concretas para para prevenir a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia. Público familiar. Entrada libre ata completar cabida.

A Deputación da Coruña homenaxea a Begoña Caamaño e Fran Pérez, Narf, dándolle os seus nomes a dous premios de Cultura

Desde a Deputación da Coruña:
“A escritora Begoña Caamaño dará nome ao novo premio que recoñecerá persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven a igualdade de xénero e o músico Fran Pérez, Narf, ao certame de grupos e artistas musicais da área de Cultura da Deputación da Coruña. A vicepresidenta e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, presentou as novas convocatorias acompañada de tres persoas moi vinculadas cos dous artistas, Uxía, Bea Caamaño e Josemari Etxaniz.
“Os dous premios buscan dialogar coa contemporaneidade, que a xente nova se achegue a estas grande figuras que nos deixaron en momentos magníficos das súas traxectorias artísticas, persoas que tiñan un gran futuro que queremos trasladar ás novas xeracións porque consideramos que as súas obras deixan xermolos para que a xente nova se encardine nelas”, dixo Goretti Sanmartín Rei no acto de presentación dos premios no que estivo acompañada de Uxía, que mantiña cos dous unha intensa relación de amistade e de proxectos comúns, e de Bea Caamaño e Josemari Etxaniz, irmá e compañeiro de Begoña Caamaño.
A responsábel da área de Cultura da Deputación destacou o novidoso do premio Begoña Caamaño que busca recoñecer persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura. “Recolle os ámbitos en que Begoña Caamaño traballou na súa vida como activista feminista e cultural, comprometida cos dereitos das mulleres e na súa faceta de escritora”, explicou Goretti Sanmartín. Sigue lendo

Vedra: XIV Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia