Marilar Aleixandre presenta o poemario Desescribindo

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Marilar Aleixandre reúne neste poemario editado por Apiario, poemas, algúns xa publicados noutros momentos, noutros lugares, pero como ela mesma aclara: “todo o que escribimos forma parte do mesmo texto”…
A autora preséntanos este libro xusto na semana en que ingresará como nova académica na Real Academia galega, onde ocupará a cadeira que deixou baleira a morte de Xosé Neira Vilas. Pode accederse á entrevista aquí.”

Xosé Monteagudo: “Son máis de escribir con agulla de marear ca con plano”

Entrevista a Xosé Monteagudo en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A idea narrativa de Todo canto fomos é clásica mais a forma de contar a historia é novidosa. Por que escolleu ir presentando os personaxes in media res, cada cal no seu tempo, todos compartindo o tempo de todos?
– Xosé Monteagudo (XM): Coido que esa estrutura narrativa é a única que podía ter esta novela. É a maneira que encontrei para poder manter a atención do lector durante todo o texto. Para que poida encontrar sorpresas e xiros na trama. Pensei que era a maneira menos previsible de explicar a evolución desta saga familiar. Noutras miñas novelas xa introducira os planos paralelos mais esta foi a primeira ocasión na que tamén opto pola técnica da simultaneidade de planos temporais. Era ideal para atinxir un período histórico tan longo. (…)
– B: Nese período de tempo, que vostede trata no libro, hai un acontecemento que marca, non só a novela senón a nosa propia historia, a Guerra do 36. Non sei se era consciente do perigo de que ese momento actuase como unha especie de burato negro e absorbese toda a trama. Como conseguiu esquivar esa “atracción fatal”?
– XM: Por suposto que era consciente e tampouco podía obviar o que había significar non só para os personaxes da miña novela senón para a propia historia de Galicia. Mais eu non quería escribir “outra novela da guerra”. Non vou dicir que estea moi tratado o tema porque ese é un tema discutible pero si está claro que hai abundante obra de ficción que se desenvolve neses anos e eu non quería repetir argumentos nin caer en tópicos. Sabía que era unha fase moi poderosa no libro pero coido que souben “repartir as cargas”, ampliar o foco sobre outros momentos da historia e esquivar os tópicos sobre a época. (…)
– B: Cal é o seu carácter como escritor. Escribe con rutinas ou por impulsos?
– XM: Polo xeral, escribo polas tardes, cinco días por semana. Catro horas diarias. Necesito esa rutina coma o deportista o adestramento. Preciso concentrarme en cada proxecto. Sempre acabei as novelas unha detrás doutra agás no caso de Todo canto fomos, que a deixei parada para escribir, en tres meses, O curioso mundo das persoas normais, obra na que si houbo certo impulso, que naceu logo de ler que no hospital provincial morrera un home que practicamente vivira internado toda a súa vida.
– B: Como flúe o seu universo literario. É planificador?
– XM: Intenteino unha vez. Quixen crear un esquelete, un roteiro. Logo fixen o que me petou. O interesante de escribir é non saber cara a onde te dirixes. Sempre digo que son máis un escritor de agulla de marear ca de plano. (…)”

Pontevedra: presentación da edición de Follas Novas, de Rosalía de Castro, feita por Anxo Angueira

O xovesAnxo Angueira 12 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11), en Pontevedra, terá lugar a presentación do libro Follas novas de Rosalía de Castro en edición de Anxo Angueira. No acto, coorganizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participa, xunto ao editor, Manuel Bragado.

A Coruña: obradoiro 18 lugares do mundo para acender os sentidos, impartido por Lois Diéguez

O obradoiro 18 lugares do mundo para acender os sentidos, impartido por Lois Diéguez, consiste en catro sesións sobre viaxes, que terán lugar en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, os días 18 e 24 de xaneiro, e 1 e 8 de febreiro, a partir das 20:00 horas. A actividade é de entrada libre e sen preinscrición.
O contido é o seguinte:
– Viaxar aos mundos da emoción para acender os sentidos: 4 obradoiros con 18 lugares elixidos + unha despedida: Galiza.
– 4 sesións de hora e quince minutos cada unha, coa participación d@s asistentes.
– No 1º obradoiro repartirase unha carpeta para ir gardando as 5 fotos de cada sesión.
– En cada foto haberá un espazo para que cada participante escriba unha palabra ou frase sobre o lugar tratado, de xeito que ao final da sesión poidamos comentar os distintos sentires.
– Nas sesións haberá imaxes, vídeos, música, extractos orais ou cinematográficos que axuden á vivencia das emocións e á comunicación entre @s asistentes.
– A última sesión dedicarémola a Galiza como despedida do obradoiro e conclusións das distintas sesións.
– Posteriormente ao ciclo e durante o ano 2017, faranse 2 viaxes: unha por Galiza, e outra a un país do estranxeiro e ao lugar que fose elixido por quen asistisen ás 4 sesións do ciclo.