A RAG elixe a Ernesto González Seoane académico de número e a Xosé María Gómez Clemente correspondente

Desde a Real Academia Galega:
“Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) foi elixido na tarde de onte novo membro de número da Real Academia Galega. A institución decidiu, na sesión plenaria celebrada no pazo de María Pita, que o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela ocupe a vacante producida polo pasamento de Bernardino Graña. No mesmo encontro elixiuse académico correspondente o profesor de Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Xosé María Gómez Clemente (Ourense, 1962). (…)”

Crónica fotográfica do Encontro da Federación Galeusca 2025 en Santiago de Compostela

Estas son algunhas das fotografías do Encontro da Federación Galeusca 2025, organizado pola AELG, coa participación da AELC e da EIE, co apoio de CEDRO, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. Tivo lugar o 19 e 20 de setembro de 2025 en Santiago de Compostela. A crónica fotográfica completa (obra de Distrito Xermar) pode verse aquí.

Nuria Mosqueira Varela gaña o VI Premio de poesía ‘Filomena Dato’ coa obra ‘Oito días’

Desde o Concello de Bergondo:
“A coruñesa Nuria Mosqueira Varela resultou gañadora do VI Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario Oito días.
O xurado, integrado pola alcaldesa Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto); Dorés Tembrás como secretaría; Leticia Mª Rey como funcionaria; e Antía Otero, Silvia Penas e Miro Villar, como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Nuria Mosqueira Varela valorando do mesmo ”a construción dun universo propio e a recreación dunha atmosfera. Estamos ante un libro que amosa unidade no traballo estrutural, un manexo interesante dos símbolos, a dicotomía entre o salvaxe e o doméstico, afondando na convivencia entre a emoción e a violencia, a memoria persoal e social”. Igualmente, o xurado salientou o “control no manexo da lingua e a introdución da oralidade”.
O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato. Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.
A través deste galardón, o Concello de Bergondo suma o seu gran de area na promoción de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que se lle dedicará o ano 2026. (…)”

Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2025: Do cantar ao contar: a tradición oral na sociedade multicultural. Inauguración: Luís Prego, o 30 de outubro

A edición de 2025 do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil ten lugar baixo o título xeral de Do cantar ao contar: a tradición oral na sociedade multicultural. A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño, Carla Míguez e María González Cerdeira (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Desenvolverase os días  2, 9, 16 e 23 de outubro de 2025, ás 18:00 horas, na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense.

A inscrición é de balde e pode facerse aquí.

Está en proceso o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección.

O programa é o seguinte:

30 de outubro
Luís Prego
Prende no colo. Recitados e cantigas de tradición oral para a cativada

Carlos Paulo Martínez Pereiro, designado membro do xurado do prestixioso ‘Prêmio de Romance Machado de Assis 2025’, no Brasil

Carlos Paulo Martínez Pereiro, Profesor Emérito da UDC e integrante do Grupo de Investigación ILLA e da AELG, foi designado membro da ‘Comissão Julgadora’ do ‘Prêmio Machado de Assis de Romance 2025’ polo Presidente da ‘Fundação Biblioteca Nacional’ do Governo Brasileiro (Diário Oficial da União: https://shre.ink/CJPMdARomance2025).
As profesoras Márcia Fusaro e Márcia Moreira Pereira integran tamén a referida comisión xulgadora do prestixioso galardón, un dos máis importantes premios literarios brasileiros, a que concorreron 359 romances.
Para laurear o mellor romance brasileiro publicado en portugués no Brasil entre o 01/05/2024 e o 30/04/2025, son avaliadas a técnica narrativa, a orixinalidade temática e lingüística, así como é ponderada a contribución á cultura nacional. Os tres romances finalistas e o gañador serán divulgados até o 03/11/2025 e publicados no DOU até o 27/11/2025. O edital do premio e todas as informacións sobre o mesmo son accesíbeis no sitio electrónico da Fundação da Biblioteca Nacional (https://shre.ink/GovBrEditalPMdeARomance2025).
Ao longo dos anos, foron premiados romances de autoras e autores tan relevantes como Alberto Mussa, Ana Maria Machado, Bernardo Carvalho, Cristovão Tezza Daniel Galera, Evandro Affonso Ferreira, Flávio Moreira da Costa, Idalina Azevedo da Silva, Luciana Hidalgo, Luiz Ruffato, Marcelino Freire, Rubem Fonseca, Sheyla Smanioto ou Verónica Stigger.

[Edificio e logo da Biblioteca Nacional de Rio de Janeiro / Caricatura de Machado de Assis]

Roteiro Illas. Faros. Nortes. A Coruña de Askja, con Antonio M. Fraga, o 25 de outubro

O Roteiro Illas. Faros. Nortes. A Coruña de Askja, con Antonio M. Fraga, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

Nun exercicio de nostalxia autorreferencial, Antonio M. Fraga guiaranos por algúns dos espazos polos que transitan as personaxes da súa novela Askja. Lembraremos A Coruña de comezos do milenio a través varios locais (algúns dos cales xa non existen) e cruzaremos o espello para coñecer os seus reflexos mitolóxicos en Islandia.

Terá lugar o sábado 25 de outubro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será diante da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (Rúa Pelamios, 1). Non é necesaria inscrición previa.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Compostela: actividades do 12 de outubro na SELIC 2025

Compostela: actividades do 11 de outubro na SELIC 2025