Entrevista a Siro López sobre Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo

Entrevista a Siro López en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que o «Quixote» representa o humorismo?
– Siro López (SL): É un personaxe ridículo, un tolo que fai tolerías. E os tolos, aínda que nos inspiren piedade, pola súas tolerías son personaxes cómicos. Se hai un personaxe cómico é don Quixote. Pero no momento no que deixa de falar de cabaleirías, cando se pon a falar doutras cousas, é un personaxe completamente sisado, é unha persoa boísima, culta, progresista. É un personaxe tan excepcional que nos crea mala conciencia da risa cando fai tolerías. Chegamos a solidarizarnos, a identificarnos con don Quixote, todos somos un pouquiño don Quixote.
– LVG: ¿Iso é o humorismo?
– SL: Ese é o humorismo. É que o lector chegue a identificarse con este personaxe que é cómico nun determinado momento pero é sublime noutro. Non podemos deixar de rir porque é un tolo, pero non podemos deixar de admiralo porque cando non fai tolerías é a persoa máis cabal, máis intelixente, máis boa, máis nobre e máis xenerosa que coñecemos. Ese é o primeiro personaxe humorista da literatura universal, antes non había ningún. Despois serve de modelo para moitos máis: Charlot é un quixote, un ser desvalido, inocente, un don quixote moderno. E moitísimos máis personaxes da literatura, do cine, do teatro, seguiron despois o modelo de don Quixote. (…)”

José Alberte Corral Iglesias doará á RAG os seis mil libros da súa biblioteca persoal

Desde a Real Academia Galega:
“José Alberte Corral Iglesias lega no seu testamento á Real Academia Galega os seis mil volumes que compoñen a súa biblioteca persoal. Así o anunciou nun acto no que, acompañado da súa dona, Dores Valcárcel Guitián, e do presidente da RAG, fixo entrega simbólica dunha pequena mostra da doazón que inclúe o álbum de Xaime Quessada Imaxen surreal de Galicia (1977). Xesús Alonso Montero agradeceu a decisión do doador e salientou que coa futura entrega dos seus libros a RAG pasará a custodiar “unha das bibliotecas marxistas máis importantes que hai en Galicia”.
José Alberte Corral Iglesias xustificou a escolla da RAG para esta doazón na defensa que a institución fai da lingua e da cultura galega, así como na importancia que esta tivo para el desde moi novo precisamente por ese motivo. “Para min a Real Academia Galega é unha institución de referencia desde a adolescencia, foi fulcral para a toma de conciencia cívica dos galegos (…). Con esta doazón quero contribuír á base do estudo e a investigación de cara ao futuro”, expresou.
O doador perdeu a súa primeira biblioteca persoal en Latinoamérica, onde marchou escapando da represión franquista. Refuxiouse no Chile gobernado por Salvador Allende, pero alí tamén sufriu a barbarie da ditadura. “Aquela biblioteca inicial queimáronma cando o golpe de estado”, recorda. Entre as páxinas destruídas polo lume figuraban primeiras edicións de hoxe clásicos galegos que lle acababa de enviar o seu pai nun baúl. Os seis mil volumes que pasará a custodiar a RAG tras o seu pasamento son os que foi mercando posteriormente, entre os que figuran algunhas edicións históricas de obras de Eduardo Blanco Amor ou Ramón Otero Pedrayo que conseguiu de regreso a Galicia en tendas de vello. Pero o que máis abonda nesta biblioteca son os títulos de ensaio e de literatura latinoamericana adquiridos durante os anos que viviu en Arxentina e Venezuela, con numerosos exemplares difíciles de atopar a esta beira do océano e non reeditados desde hai tempo, detalla.
José Alberte Corral é escritor e preside a Agrupación Cultural O Facho, á que leva décadas vinculado. A entidade, nada na Coruña en 1963, xogou un papel activo na defensa da lingua e da cultura galegas nos duros anos do franquismo. En 2012 O Facho doou á Real Academia Galega os fondos da súa biblioteca, ademais de numerosos cadros, unha importante colección de carteis e o seu arquivo documental.”

Santiago: Romaría Formativa de Compostela Literaria, obradoiro sobre Dereitos de Autor@ e contratos editoriais

Para a inscrición é preciso depositar unha fianza de 10€ antes do 22 de marzo, na sede social de Compostela Literaria (rúa Gómez Ulla nº 4, baixo, Santiago de Compostela).
É posible preinscribirse no email compostelaliteraria@gmail.com, mais a matrícula non será formal até a formalización mediante a fianza.

“Conducir no Afganistán”, por Arancha Rodríguez

Crítica de Arancha Rodríguez na Sega (foto de Paula Gómez del Valle):
“O camiño de descuberta do mundo é sempre un camiño violento, sórdido; cheo de tropezóns e de obstáculos. Se a ese camiño se lle engade o peso de ser muller, masticalo faise case imposíbel.
Non obvia Angélica Freitas (Pelotas, Brasil – 1973) esta natureza do percorrido, presentándonos un libro cun título igual de cru: um útero é do tamanho de um punho. Editado por Kriller71 nunha preciosa edición bilingüe portugués-español, o poemario semella un pedazo de carne sen cociñar, sangrante e imprevisíbel, que un xigante enorme nos fai tragar mentres esmaga as nosas gorxas.
Ler um útero é do tamanho de um punho é complicado; é ao tempo inmensamente certo. Navega a autora por temas tan recurrentes como o corpo, a hixiene, o sexo, evitando a discreción. Por que ninguén fala do noxo?, parece berrar esta obra. Por que ninguén fala do medo.
Talvez porque molesta.

uma mulher gorda
incomoda muita gente
uma mulher gorda e bêbada
incomoda muito mais

A natureza da muller no mundo, estranxeira a todo lugar máis que a si mesma -estranxeira ás veces de si mesma- parece empañar tamén todo o poemario. A súa anatomía, a súa voz; todo é censurábel. Se cadra o camiño de descuberta do mundo era, despois de todo, unha penitencia. (…)”