Desde
Sermos Galiza:
“Un dos acontecementos máis agardados do 2017 era o regreso do Pergameo Vindel a Galiza como parte dunha exposición e un congreso sobre o tema. Pero o asunto paralizárase por mor das desavinzas entre Concello de Vigo e Universidade. O que inicialmente se anunciara como unha exposición no Marco, titulada Os tesouros da cidade, pasará ao Museo do Mar de Vigo (propiedade da Consellaría de Cultura) e chamarase Berce da nosa cultura.
Entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018 o pergameo, documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax, regresará a Vigo. A obra, que xunto ás sete cantigas de amor de Dom Dinis é a única mostra atopada ata o momento da canción profana galego-portuguesa, será o eixo central da exposición Berce da nosa cultura que terá lugar no Museo do Mar de Galicia en Vigo durante cinco meses, nos que en paralelo se desenvolverá un completo programa de actividades académicas, culturais e de divulgación da época e da obra do trobador. (…)
O documento orixinal das cantigas de Martin Codax exporase no Museo do Mar situado en Alcabre, nunha furna climatizada, deseñada expresamente para a ocasión, que se localizará nunha sala de 200m2, na que se realizará a obra necesaria para garantir a conservación e a seguridade do pergamiño, garantindo ademais as óptimas condicións espaciais e lumínicas. Ademais de acoller o Pergameo Vindel o Museo do Mar disporá dun espazo especialmente acondicionado no que se desenvolverá a exposición Berce da nosa cultura, comisariada polo historiador Francisco Singul, con obras vencelladas ao documento, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época. Eventos académicos, musicais e de divulgación, especialmente dirixidos ao estudantado de ensino primario e secundario, conformarán o programa de actividades que se desenvolverán ao fío do regreso do Pergameo a Vigo.”
Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres (II)
O
acto central do Día de Rosalía 2017, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO, tivo lugar o domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Negra Sombra.
– Lectura de poemas rosalianos, con Larraitz Urruzola (Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG), César Goldi (AAAG), Federico Pérez (AAAG), Josi Lage (AAAG), Ricardo de Barreiro (AAAG), Andrea Dunia (AAAG) e Mercedes Queixas.
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Has de cantar.
Crónica fotográfica do Día de Rosalía de Castro en Vigo e Vilalba
Estas son algunas das fotografías dos actos promovidos pola AELG polo Día de Rosalía de Castro en Vigo e Vilalba, o venres 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
VIGO
VILALBA
Lugo: presentación de A dúbida, de María Reimóndez
O
luns 6 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21), de Lugo, terá lugar a presentación do libro A dúbida, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto acompañan á autora Noelia Darriba e Naiara González, educadoras sociais de AtalaiA.
Manuel Lourenzo: “O que me gusta é a traxedia grega”
Entrevista
a Manuel Lourenzo en La Voz de Galicia:
“A comunidade educativa da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia concedeulle recentemente ao valadourense Manuel Lourenzo -actor, director de escena, dramaturgo, mestre e investigador- a mención Profesor Honoris Causa.
(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que foi o mellor á hora de recibir esta mención en Vigo?
– Manuel Lourenzo (ML): O mellor foron os abrazos, os saúdos e os bicos porque coñezo a moita xente alí. Atopei xente que foran alumnas miñas, algúns profesores cos que traballei… ¡Uf! moitos amigos. Entón, paseino moi ben. Foi un encontro fabuloso. Tiña menos de 5 minutos para agradecer as cousas, pero como lles facía graza o que dicía, ao final extendinme máis tempo. Despois viñeron cousas inevitables coma os selfies… (…)
– LVG: Os tempos de hoxe están como para sentirse «farto» de todo e continuamente, non?
– ML: Ás veces fago improvisacións para rirme e pasalo ben, no meu entorno. Hoxe, iámonos escarallando de risa paseando pero realmente o que a min me gusta é a traxedia grega, transmitida non coa linguaxe de hoxe senón próxima, que se entenda todo. Aí está todo: Cunqueiro, Shakespeare, Rosalía… Simplemente, hai que preparar todos eses textos pero tamén sen perder a referencia. É unha antigüidade que nos honra porque axuda a enfrontármonos a todos os problemas que lle suceden ao ser humano. Tamén moitas veces vou ver a novos autores e tamén hai que ler moito teatro.
– LVG: Fala dos novos. Eles son o relevo.
– ML: ¡E aínda os que non estamos mortos! A ver quen me pisa a min os pés (ri)… Mentres esteamos vivos, escribimos e facemos teatro. Penso que hai que dedicarse con corpo e alma ao que che gusta. (…)”
A Coruña: Sempre a barlovento, homenaxe a Serafín Mourelle
O
sábado 4 de marzo, ás 21:00 horas, no Bar A Chencha (Rúa San Xosé, 2, bis), na Coruña, o colectivo In nave cívitas fai un chamamento a todas as xentes, en especial ás do mar, para que se acheguen con poemas, textos, ou simplemente a render homenaxe a Serafín Mourelle, Premio Mestre da Memoria 2017 da AELG.
Outeiro de Rei: O Conto de Barriga Verde, de Manuel María, por Fran Rei
O alumnado de Primaria do CEIP Manuel Sueiro elabora un vídeo cunha canción a partir dun texto de Fran Alonso
Quiosco: Follas Novas, número 1
Desde
Cultura Galega:
“Xosé Luís Axeitos é o director de Follas novas, a nova revista de estudos da Fundación Rosalía de Castro. O novo número achega unha visión crítica da obra en prosa de Rosalía a cargo de especialistas como Carmen Fernández-Pérez Sanjulián, Kathleen N. March, María López Sández, Francisco Rodríguez Sánchez e María Pilar García Negro. Na sección «Documentos» María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda exhuma unha carta de Alfredo Vicenti a Manuel Murguía e outra deste último á propia Rosalía é analizada por Diego Rodríguez González. Outras seccións como «Recensións», «Bibliografía», «Varia» e «Casa de Rosalía» completan os seus contidos.”









