Reportaxe de David Lombao en Praza:
“(…) Tras a polémica escolla do pasado ano as figuras que compuñan a terna desta volta, Xela Arias, Ricardo Carvalho Calero e Manuel María, auguraban un panorama carente de grandes controversias. Finalmente, unha votación en segunda volta ditaminou que a figura sinalada fose a de Manuel María, unha lembranza do tan prolífico como comprometido autor chairego que augura un vindeiro Día das Letras centrado, en boa medida, na defensa da lingua propia, e no que, no entanto, o número de homes homenaxeados ascende xa a 52, mentres que no caso das mulleres o contador segue conxelado en 3.
“Recuperar a Manuel María é recuperar valores democráticos, o amor á terra e a defensa da lingua”, afirmaba hai tres anos a cantante Uxía Senlle na presentación de Andando a Terra, o traballo no que percorre parte do amplo traballo do poeta da Terra Chá, comarca lucense que “se non a inventou, polo menos definiuna e remarcouna para sempre”, en verbas de Alfonso Blanco Torrado, crego de Pardiñas. Os versos chairegos do Manuel nado en Outeiro de Rei no 1929 salfiren toda a súa obra e tamén o seu discurso de ingreso na Academia que agora o homenaxea: A Terra Chá: poesía e paisaxe.
A construción poética da Terra Chá e dos seus lugares ata o máis miúdo, como o regato do Cepelo, é un dos compoñentes máis senlleiros da enorme obra de Manuel María, autor que dende moi novo comezou a entrar en contacto con persoeiros como Carvalho Calero, Luís Pimentel, Ánxel Fole ou o seu amigo Uxío Novoneyra. Os anos de instituto achegárono aos faladoiros intelectuais de Lugo, como o do Méndez Núñez, e no tempo da ‘mili’ en Compostela no do Café Español, polo que tamén transitaban escritores, intelectuais e activistas políticos da clandestinidade de diversas procedencias e xeracións, dende o xornalista Borobó a Ramón Piñeiro, de Fermín Bouza Brey a Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Manuel Beiras.
Todos eses contactos e influencias serviron para fortalecer un compromiso político que xa exercía a finais dos anos 50, cando comezou a exercer como procurador dos tribunais e cando xa era fundador da Editorial Xistral, a mesma que lle daría nome á libraría que mantivo aberta en Monforte xunto á súa dona, Saleta Goy. O movemento da Nova Canción Galega, a UPG, o BN-PG e, máis tarde, o BNG, foron os espazos nos que desenvolveu labor político mentres, simultaneamente, ofrecía apoio a multitude de iniciativas culturais de base. A política está, obviamente, tamén moi presente nas súas letras, tanto na lírica como no ensaio ou nas súas colaboracións con diferentes medios de comunicación.
Ata o seu falecemento na Coruña, en setembro de 2004, Manuel María recibiu multitude de homenaxes no país e tamén fóra del. Dende 2007 a figura e a obra do autor presérvase e espállase dende a fundación que leva o seu nome, que dende 2013 desenvolve a súa actividade dende a Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.”
Discurso de Ledicia Costas na inauguración da Feira do Libro de Vigo 2015
Esta é a ligazón para o vídeo da súa participación.
Vigo: actividades destacadas do luns 6 de xullo na Feira do Libro
O luns 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:30 h. Miguel Ángel Alonso Diz asinará exemplares de O valente coello que quixo soñar e outros libros seus na caseta da Libraría Andel.
– 19:45 h. Xosé María Álvarez Cáccamo e Fernando Casás, presentan Arqueoloxía da memoria, publicado polo selo editorial Niké de Urco Editora.
– 20:30 h. Antonio Piñeiro presenta A identidade fascinada, publicada por Galaxia. Participan, xunto ao autor, Ramón Nicolás e Carlos Lema.
– 21:15 h. Concerto presentación do CD Aprendendo a ladrar, por Xardín Desordenado recollendo a poesía musicada de poetas galegas.
Xosé Luís Méndez Ferrín: “Non creo nos intelectuais”
Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Noitábrega:
“(…) – Noitábrega (N): A súa obra No ventre do silencio retrata unha Galicia sumida nas tebras. Desapareceron esas tebras ou substituíronse?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Hai outras. Cada época ten a súa malicia. É como se me preguntas se me parece mellor o sistema do escravismo ou o actual. Contestareiche que mellor é o actual, pero ti podes pensar que no escravismo en Roma había escritores como Ovidio ou como Cicerón. Cada época ten as súas luces e as súas sombras. No ventre do Silencio o que quixen retratar era como vivían os estudantes, fundamentalmente de clase media, nunha universidade mesquiña como era a universidade de Santiago. Hoxe os rapaces universitarios gañan os premios de Física. Hai moitos que están en Xenebra traballando. Hai unha Galicia moitísimo máis preparada que naquel momento. (…)
– N: Por que o tema artúrico é tan recorrente nos escritores galegos?
– XLMF: Non é tanto como parece. Hai un libro de Cunqueiro que se chama Merlín e familia no que hai de todo menos Merlín (risas). Despois está un libro meu, Amor de Artur. Só teño un conto artúrico e teño que apandar con toda esa lenda de que teño literatura de Bretaña. De todas maneiras a min ese mundo interésame moito porque foi un modo de expresión da época medieval, paneuropea incluso. Hai o gran mito dun rei que non está morto senón durmido e que vai volver a liberarnos. (…)
– N: Que significou publicar co pseudónimo de Heriberto Bens?
– XLMF: Hai unha resposta que real e histórica e hai outra xa máis elaborada. A real é a seguinte, a min metéronme dous anos de cadea por unha novela que escribirá e non publicara pero que toparan na miña casa. E entón os amigos de Montevideo e camaradas da UPG publicaron un conxunto de poesías miñas e algunhas eran bastante explícitas co réxime e a súa denuncia. Polo tanto decidín publicalas con pseudónimo. Esta é a verdadeira. A máis elaborada é que se se crea un personaxe e ese personaxe escribe textos de algún poemas pois xa non é un co que se está escribindo e entón danlle unha certa distancia. Foi unha estratexia de defensa dunha denuncia e unha estratexia literaria. A teoría é de Pessoa e de Machado en parte, Pessoa inventa os heterónimos e os leva ata o final. (…)”
Diana Varela Puñal publica Fin de Festa
Fernando M. Cimadevila: “A vida real precisa camiñar polos bosques máxicos da literatura fantástica”
Entrevista de Carme Vidal a Fernando M. Cimadevila en Sermos Galiza:
“Con A batalla por Avalon (Urco) o escritor Fernando M. Cimadevila atravesa o ecuador da súa pentaloxía O mundo secreto de Basilius Hoffman, un universo literario que conseguiu o aplauso do público e está a traducirse a outras linguas. Apaixonado da literatura fantástica, Cimadevila explícanos as claves da súa obra e dun xénero do que é autor e tamén editor, co selo Contos Estraños que se vén de fusionar con Urco.
– Sermos Galiza (SG): A batalla por Avalon é o terceiro dos cinco libros d’O mundo secreto de Basilius Hoffman. Que leva a un escritor a decidir que un proxecto literario será unha pentaloxía?
– Fernando M. Cimadevila (FMC): A serie básica son cinco libros, mais o proxecto tería outros tres de relatos, que teñen como protagonistas personaxes secundarios. Algúns deles gustan máis aos lectores ca os principais. Quería tamén escribir un libro sobre a mocidade de Basilius Hoffman, co cal, na fin, rebordaremos esa cifra. Desde hai moito tempo son afeccionado da literatura fantástica e, con 33 anos, decidín escribir. Cando me puxen, xa con bastante bagaxe, decateime de que non era un libro, senón moito máis. Fixen unha sinopse e deseñei a pentaloxía: cinco puntos ata a resolución final. Ou facía un libro inmenso ou capítulos moi longos, que son as cinco novelas, aínda que cada unha delas é autoconclusiva. (…)
– SG: A literatura fantástica, en certa maneira, ten o seu propio circuíto, mais vostede está a conseguir atravesar as fronteiras e os seus libros están a entrar nos centros de ensino.
– FMC: Acontece coma con outros xéneros. Hai lectores só de novela negra, de novela histórica… Non me defino como escritor só de fantasía, aínda que se queres dedicarte, tes que traballala. Sempre digo que un xénero non determina a calidade nin o trasfondo das historias. O soño dunha noite de verán, de Shakespeare, é fantasía. O mundo secreto de Basilius Hoffman é a historia dun rapaz que non ten fogar fixo e un tío que o acolle. Son historias humanas, só que o marco no que se sitúan é diferente. O que lle interesa á xente son as historias dos personaxes. O marco é o atrezzo. (…)”
Paseo poético por Ribadeo guiado por Xavier Rodríguez Baixeras
O Concello de Ribadeo e a AELG colaboran na organización dun paseo poético que da man de Xavier Rodríguez Baixeras nos permitirá coñecer o Ribadeo literario.
Será mañá, sábado 4 de xullo, a partir das 12 do mediodía e con saída no Parque dos Canapés, diante da Escola de Idiomas (como chegar), perto do lugar onde en 2012 se instalou o monólito e se plantou a palmeira que lembran a homenaxe “O Escritor na súa Terra” que a AELG rendeu a Xavier R. Baixeras.
O paseo inscríbese no programa de actividades da Feira do Libro de Ribadeo.
Bases do XXXIV Premio Blanco Amor de novela longa
“De conformidade co que acordou a Xunta de Goberno desta Deputación, na sesión do
día da data, convócase a XXXIV edición do Premio Blanco-Amor de novela longa, con suxeición ás seguintes bases:
Primeira.- Poderán participar nel todos os autores e autoras que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Segunda.- As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos. Achegaranse tamén en soporte informático.
Terceira.- As obras presentadas terán que ser inéditas.
Cuarta.- De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, rúa do Progreso, n.o 32, 32003 Ourense, facendo constar no exterior “Para o XXXIV Premio Blanco – Amor”. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Quinta.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o luns 14 de setembro de 2015, cento dezaoito aniversario do nacemento en Ourense de Eduardo Blanco-Amor.
Sexta.- O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria pola Deputación de Ourense, estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. Facúltase ao xurado para a interpretación e integración das posibles lagoas nas presentes bases en todo o relativo á concesión do premio.
Sétima.- O premio estará dotado con 12.000 €.
Oitava.- O premio poderase declarar deserto de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado.
Novena.- O xurado fará público o seu veredicto, perante os medios de comunicación, o venres 27 de novembro de 2015.
Décima.- A concesión do premio implicará a cesión á Deputación do dereito exclusivo para a realización dunha primeira edición en lingua galega da obra. A dita edición deberá realizarse nun prazo máximo de dous anos dende a data da entrega do premio,
quedando sen efecto a cesión no caso de que no dito prazo non se leve a cabo, agás que a demora se deba a causa imputable ao autor, suposto no que o prazo do dereito de edición se entenderá prorrogado polo tempo correspondente á dita demora.
As obras non premiadas devolveránselles aos/ás autores/as que o soliciten nun prazo dun mes contado dende o día do veredicto. No caso de que non os recollan dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.
Décima primeira.- A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense, o martes 1 de decembro de 2015, trinta e seis cabodano do autor de A Esmorga.
Décima segunda.- O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as presentes bases. Contra este acordo pode interporse, potestativamente, un recurso de reposición ante a Xunta de Goberno desta Deputación, no prazo de 1 mes, como trámite previo ao contencioso-administrativo, ou ben, directamente, un recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado Provincial do Contencioso-Administrativo, no prazo de 2 meses, sen que se poidan simultanear ambos os dous recursos. Os prazos indicados computaranse a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no BOP.
Ourense, 27 de febreiro de 2015. O presidente. Asdo.: José Manuel Baltar Blanco.”
Vigo: actividades destacadas do sábado 4 e domingo 5 de xullo na Feira do Libro
O sábado 4 e domingo 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para estes dous días:
Sábado 4
– 18:00 h. Actividade infantil. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz. Organizada por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. Noa Pérez asina exemplares da súa obra O ocaso da familia Portela, publicada por Barbantesa, na caseta de Librouro.
– 19:45 h. Jorge Emilio Bóveda presenta A morte vén en chancletas, publicada por Enxebrebooks, acompañado de David Cortizo.
– 20:30 h. Iria Collazo presenta Coma unha áncora, publicada por Galaxia. Participará no acto Francisco Castro.
Domingo 5
– 19:00 h. Séchu Sende presenta A República das Palavras, publicada por Através Editora. Participará a cantora Alba María.
– 20:00 h. Recital poético do Grupo Brétema.
Outeiro de Rei: 2º Convívio da Cultura Galega, o vindeiro sábado 11 de xullo
Ponse en marcha, por segundo ano consecutivo, o Convivio da Cultura Galega, coa colaboración da Federación Galiza Cultura e da Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, o Convivio da Cultura Galega: será o sábado 11 de xullo, desde as 11:15 horas, durante todo o día, na carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei. ao que por suposto tod@s estades convidad@s a acudir e de nos acompañar.
Será nun espazo tan fermoso e máxico como a Carballeira da Santa Isabel, onde o Ladra vai ao encontro do Miño, “o Pai de todos os ríos galegos”; o mesmo que naquel verán de 1949 lle serviu de marco de inspiración ao Manuel María para compoñer o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, cando contaba só 19 anos, mentres coidaba das vacas da facenda familiar.
O programa será, con algunha posíbel variación de última hora, o seguinte:
– 11:15 h.– As bandas de música da A.C. Solfa (Compostela), Rábade e Begonte, e a Xuvenil da Escola de Música de Rianxo recíbennos na horta da Casa-Museo Manuel María.
– 11:45 h.– Saída a pé para a Carballeira da Santa Isabel, facendo paraxe no cemiterio de Outeiro para realizar unha ofrenda a Manuel María na campa onde repousan os seus restos.
– 12:15 h.– Xa na Carballeira, actuación da Banda de Música de Rábade e Begonte, dirixida por Armando Morales; Banda Xuvenil da Escola de Música de Rianxo, dirixida por Rafael Collazo; e a Coral e Banda de Música de Solfa, dirixidas por Francisco Tobar e Fernando Rey.
– 14:00 h.– Xantar demorado. Cada quen trae a súa comida. O espazo da Carballeira conta con algunhas mesas. A organización pon as cadeiras.
– 16:30 h.– Encontro aberto do asociacionismo cultural de base da Galiza: as directivas das entidades presentes (e quen quixer) reuniranse para articular posíbeis actuacións comúns para o vindeiro ano e para seguir creando rede de colaboración, diálogo e intercambio de experiencias entre elas. Este encontro está absolutamente aberto a todas as entidades de base do país que fan cultura en chave galega.
– 17:00 h.– Foliada aberta á participación de quen quixer cantar, tocar, bailar…no espazo da Carballeira. Anima a festa Xurxo Souto. Os grupos interesados en apuntarvos previamente ou en terdes máis información podédesnos contactar no teléfono 698 177 621 ou nos correos fundacion@manuelmaria.com/ conviviodaculturagalega@gmail.com
Durante toda a tarde, as persoas que o desexaren poderán visitar a Casa-Museo Manuel María (con visita guiada).
Desde algunhas comarcas está xa confirmado que haberá autobuses gratuítos para facilitar o desprazamento a Outeiro de Rei ese día. Podédesvos ir anotando xa!
A Coruña: saída da Praza da Palloza ás 10 da mañá. Contacto: 698 177 621 (fundacion@manuelmaria.com).
Ferrol: Luísa (Medúlio): 646 571 168 (vaiporelas@gmail.com).
Compostela: Lucía (Solfa): 676 675 030