Vicente Araguas: “Sentíame máis autoexiliado aquí, naquela ditadura noxenta”

EntrevistaVicente Araguas de Carlos Loureiro a Vicente Araguas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E aquí tiveron que sufrir os derradeiros anos da ditadura franquista… Sentiu nalgún momento que era un exiliado máis cando se foi para Escocia?
– Vicente Araguas (VA): Non exactamente. Sentíame máis autoexiliado aquí, naquela ditadura noxenta. Fóra, con aqueles libros-libres, aquelas películas sen censura, os xornais críticos, a atmosfera nada viciada sentíame como peixe na auga. O malo fora voltar, co franquismo agonizante (pero non o sabíamos). (…)
– NG: Para os que estamos a convivir decotío coa nosa literatura, coa nosa lingua, é realmente moi significativo achármonos con persoas coma vostede (coma Manuel Pereira, Manuel Álvarez Fuentes…) que manteñen un compromiso rexo coa nosa lingua e coa nosa literatura fóra de aquí… Que dicirlles a moitos escritores e moitas escritoras galegos/-as que se deron a coñecer na nosa lingua e hoxe empregan maioritariamente a castelá?
– VA: Dirixiríame máis ben aos editores con anteolleiras, aos profesores que recomendan os libros dos amiguiños, aos escritores seitarios, aos partidos políticos que soamente se ocupan dos conmilitóns que escriben, dos que desprezan aos que fóra de Galicia levan/ levamos a bandeira lingüística e literaria, para que mudasen de actitude. Por aí, entendo, ese liscar de xente que sabe o que se ten entre mans. (Igual é que aqueles aos que me dirixo, desfrutan co que está acontecendo, non sei).
– NG: Tamén temos que dicir que cómpre salientar nas súas obras unha fonda retranca, unha retranca de noso, algo que fará moito máis atractiva a lectura e por outra banda moito máis aceda…
– VA: Esa retranca da que fala… Lévoa dentro, supoño, e por aí sae. Mais -procuro- con elegancia. Que é a que separa a retranca (a ironía) do sarcasmo. Así e todo fago por non ferir, o único que hai moito susceptible ceibo, xa se sabe.
– NG: Dicíanos antes que “son un romántico empedernido” e o tema do amor -incluso o erotismo-… ese tema si que vai ser algo moi destacábel, especialmente na súa lírica… unha lírica que non ía ser allea ao intimismo…
– VA: Pois claro que non. O amor, xa o dixen, é un motor esencial para todos, escritores ou non. Así que non invento nada (“O peso do mundo é o amor”, dixo Allen Ginsberg, e dixo ben). O outro tema é a morte, e por certo que se me dan moi ben as elexías igualmente. Imos por aí, pois. (…)”

Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 2, domingo 3 e luns 4 de maio

OFeira do Libro de Santiago 2015 sábado 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado 2, domingo 3 e luns 4:

Sábado 2
19:00 h. Presentación do novo libro de Manuel Núñez Singala, Instrucións para tomar café, publicado en Galaxia. Estará acompañado por Arturo Ponte.
20:00 h. Concha Blanco e Dani Padrón asinarán exemplares de As pantuflas de Celia, na Libraría Pedreira.
20:00 h. Presentación de O faro escuro, de María López Sández, publicado en Galaxia. Acompañarán á autora Inma Otero e Víctor F. Freixanes.

Domingo 3
19:00 h. Encontro de Fantasía Galega, organizado polas editoriais Urco e Contos Estraños.
20:00 h. Xurxo Souto presenta Océano para terrícolas, espectáculo baseado no seu libro Contos do Mar de Irlanda, publicado por Xerais.

Luns 4
19:00 h. Séchu Sende presenta A República das Palavras, publicada por Através. Xunto ao autor, participan no acto Miguel Penas, Elba Baldomir Turnes e Alba María.

Mondoñedo é poesía

DesdeMondoñedo é poesía Fervenzas Literarias:
“Este venres 1 de maio as rúas e prazas de Mondoñedo encheranse de poesía. Mondoñedo é poesía 2015 é unha actividade cultural enmarcada nas Feiras e Festas das Quendas que convoca nesta segunda edición a trece poetas (seis deles mindonienses), tres músicos e arredor de vinte debuxantes que amosarán as súas creacións en diferentes rúas, prazas e espazos da cidade e do Auditorio Municipal “Pascual Veiga” ao longo da xornada.
Mondoñedo é poesía principiará coa actividade de Sketchcrawl Galicia, onde debuxantes e pintores (Xosé Vizoso, Xoán Guerreiro, Eduardo Baamonde, Lucía López, Isabel Seidel, Pelayo López, Julián Ardura, Antón “Caxoto” …) cítanse nunha quedada en Mondoñedo. Percorreran as rúas tomando apuntes ao vivo da cidade e das xentes, que difundirán a través das redes sociais. Lugar de cita ás 11.00 h. no Campo da Feira dos Remedios.
De seguido intervirá o poeta e narrador oral Lois Pérez na entrega de Premios do Concurso de Gando no Campo da Feira.
Xa á tardiña continuará o Sketchcrawl Galicia coa quedada de debuxantes e pintores na Praza da Catedral. Será a partires das 16.00 h.
Dende as 18.00 h. ata as 20.00 h. haberá recitados nas diferentes prazas de Mondoñedo. Na praza da catedral (ás 18.00 h.) interveñen Eduard Velasco, Chus Amieiro e Hermes López. Na praza do Concello ás 18.30 h. estarán Eduardo Estévez, Conce Agrelo e Aladino Montero; e a partires das 19.00 h. Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala e Luciano do Monfadal estarán na Praza Jaime Cabot. Tamén participará nestes recitais na rúa alumnado de diferentes centros escolares de Mondoñedo.
Pola súa banda as máis cativas e cativos terán un obradoiro aberto de creación con Caxoto Kativo. Terá lugar ás 18.00 h. na Praza Jaime Cabot.
Un dos actos centrais da xornada celebrarase ás 20.00 h. no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” co recital Mondoñedo é poesía, onde participan músicos (César Morán, Miro Casabella, Arcadio Mon), e poetas (Luz Pozo, Yolanda Castaño, Lois Pérez, Eduardo Estévez, Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala, Eduard Velasco e Caxigueiro).
Como colofón a este Mondoñedo é poesía realizarase unha homenaxe a Antonio Noriega Varela polo 120º aniversario da publicación do seu poema” De Ruada” en 1895.
Ao tempo, continuarán as súas actividades na mesma sala os debuxantes e pintores da quedada Sketchcrawl Galicia.
O Festival Mondoñedo é Poesía está organizado polo Colectivo Mondoñedo É… e mais pola Asociación As San Lucas, e conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación. Colaboran na súa organización o Concello de Mondoñedo, ACIAM Mondoñedo, Casa Penela, Casa de Mañas, CEIP “Álvaro Cunqueiro” e IES “San Rosendo”.”

Feira do Libro de Santiago: actividades do venres 1 de maio

OFeira do Libro de Santiago 2015 venres 1 de maio comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:30 h. Pregón inaugural por Manuel Portas.
20:00 h. Manuel Portas asinará exemplares da súa obra Amor en alpargatas, publicada por Xerais.

Bases do XVI Premio de poesía Díaz Jácome

“O Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, co afán de estimular a creación poética entre os mozos/as, convoca o XVI Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.
PRIMEIRA. Poderán optar ó premio tódalas persoas, de idade non superior a trinta anos, calquera que sexa a súa nacionalidade.
SEGUNDA. Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarado deserto o premio.
TERCEIRA. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos, o tema e o metro queda a elección do compositor.
CUARTA. Deberán presentarse tres orixinais en tamaño DIN A4 mecanografados a dobre espazo.
QUINTA. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición algunha que puidera suxerir o nome do autor, sendo presentados cun lema e título.
En sobre aparte e cerrado, constará o lema e o título no exterior, e no interior o nome e apelidos do autor, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, fotocopia do DNI polas dúas caras ou no seu defecto fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso e incluirase tamén unha breve nota biográfica do autor e o título do poema.
O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.
SEXTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 1 de setembro do ano 2015, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo ostenten o mataselos de orixe con esta ou anterior data.
As obras deberán enviarse ó seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación:
XVI Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.
SÉTIMA. O Xurado que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, emitirá o seu fallo en novembro de 2015.
A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada ós autores seleccionados mediante correo certificado.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no mes de decembro.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuizo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
OITAVA. Este concurso consta de tres premios:
Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
NOVENA. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo, sen necesidade do permiso do autor ou autores, aínda que sempre se terá en conta que nunca perderá os seus dereitos.
DÉCIMA. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
UNDÉCIMA. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
DUODÉCIMA. O fallo do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”