Compostela: Ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020, o 24 de marzo, 26 de maio e 16 de xuño

Desafíos 1Desafíos 2Desafíos 3Desafíos 4Máis información e inscrición aquí.

María López Sández: A escritora á que lle gustaría ser unha nube

EntrevistaMaría López Sández de Carlos Loureiro a María López Sández en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E aquí encontramos a Galiza personalizada nun corpo de muller: beleza e tamén machismo… unha Galiza sometida igual que a muller está sometida a un patriarcado social…
– María López Sández (MLS): Ningunha escolla do imaxinario é inocente e toda elección, independentemente da intención primeira que a guíe, pode ter efectos inesperados. Cando Rosalía constrúe a percepción da paisaxe galega como feminina faino cunha intención dignificadora, tanto da paisaxe como das súas xentes -cómpre ter en conta que isto en Rosalía ía ademais unido a unha postura feminista, como se ten salientado nos achegamentos críticos recentes-, pero o discurso dominante usou este trazo para desartellar a potencia política desa construción. Neste sentido compréndese mellor a suposta misoxinia pondaliana, o feito de que el intentase unha construción de signo diferente, que procuraba a asimilación cos valores masculinos da agresividade e a loita. O éxito instaurativo correspondeu á imaxe rosaliana, pero o discurso dominante, patriarcal e antinacionalista, atopou unha vantaxe en asociar Galicia co estereotipo feminino, sen dúbida. (…)
– NG: Ultimamente vemos que a viaxe está moi presente nas tramas da novela galega (Rosa Aneiros, Xavier Queipo… e ti mesma nesta novela). Como xustificar o emprego desta viaxe (persoal, física…) na trama novelesca?
– MLS: En realidade non é algo que suceda ultimamente, senón que vén ocorrendo desde sempre, desde a Odisea homérica. O camiño, a viaxe, é a máis potente e ubicua metáfora existencial. Nas novelas de formación, a viaxe adoita acompañar o traxecto interior, e diso hai tamén exemplos sobranceiros entre os clásicos da literatura galega, como non podería ser doutro xeito. A viaxe é aventura, exploración, saída do eu e autocoñecemento. Hai xéneros enteiros, como a picaresca ou a novela de aventuras e exploración que se constrúen sobre este motivo. A viaxe exerce unha forte atracción e está chea de potencial narrativo. Xa en Propp toda narración adoitaba unha forma de viaxe, de saída ao outro reino, porque todo crecemento implica saír dunha mesma e iso é xa, en si mesmo, viaxar. A iso hai que sumar que nas narracións clásicas, e aí está outra vez a Odisea, a muller adoitaba ficar estática, encarnar esencias, agardar; o xiro dos últimos tempos é esa incorporación da muller á viaxe e á aventura, á vida, en suma, como reclamou Xohana Torres nese poema que chegou a ser un auténtico manifesto do feminismo galego e co que titulou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. (…)”

Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2014

DesdeAsociación Galega de Editores a Asociación Galega de Editores:
O gremio editorial galego celebrou este serán en Pontevedra X edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a representantes do sector do libro de Galicia. (…) O acto foi presentado por María Lado e Lucía Aldao.
O acto contou coa inestimable colaboración do Concello de Pontevedra, grazas á Concelleira de Cultura Anxos Riveiro e asemade do Pazo da Cultura da cidade, con Pilar Portela á fronte, da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e de Gadis, que, dende hai varios anos, apoia economicamente o acto.
Os libros finalistas, entre os cales o xurado selecciona os títulos premiados, foron elixidos polos editores mediante votación, realizada entre a proposta de candidaturas realizada por cada unha das editoriais.
O xurado estivo composto por Pilar Fernández Ruíz, bibliotecaria e directora da Biblioteca de Pontevedra; Cano Paz, libreiro da Librería Paz de Pontevedra; Alfonso G. Sanmartín, editor e ex presidente da AGE; Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra; e Kiko da Silva, ilustrador e editor da banda deseñada. Os premios son os seguintes:

Premio ao libro de ficción co que se pretende recoñecer ó mellor libro de ficción editado polos editores da AGE no ano 2014: A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz. Edicións Xerais.

Premio ao libro de non ficción co que se pretende recoñecer o mellor libro de non ficción editado polos integrantes da AGE durante o ano 2014: O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco X. Fernández Naval. Edicións Linteo.

Premio ao Libro de poesía ou teatro, co que se pretende recoñecer o mellor libro do ano 2014: Estrela do Norte, de Luís Rei Núñez, editado por Kalandraka Editora.

Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado en galego durante o ano 2014: Leviatán, de Ramón Trigo. Kalandraka Editora.

Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil co que se pretente recoñecer un libro infantil editado polos membros da AGE durante o ano 2014: Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Edicións Xerais.

Premio Lois Tobío ao libro traducido co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego editado no ano 2014: As floriñas de San Francisco, de Darío Xohán Cabana. Alvarellos Editora.

Premio Xosefa Vilarelle ao libro educativo, co que se pretende recoñecer ó mellor libro educativo do ano 2014: Historia das mulleres galegas. Das marchas nómadas á Marcha Mundial das Mulleres, de Pepe Barreiro. Baía Edicións.

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun autor ou autora: María Reimóndez.

Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial co que se pretende recoñecer o traballo editorial durante o ano 2014: Colección Rescate, de Alvarellos Editora.

Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2014: Bibliotecas Escolares de Galicia.

Vilagarcía de Arousa: presentación de Amor en alpargatas, de Manuel Portas

OManuel Portas martes 17 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Nobel (Rúa Edelmiro Trillo, 19) de Vilagarcía de Arousa, preséntase a novela Amor en alpargatas de Manuel Portas, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Emílio Xosé Ínsua e Fran Alonso.

Pontevedra: presentación de Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa

OAntonio Reigosa martes 17 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal) de Pontevedra, preséntase Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, coordinado por Antonio Reigosa, editado por Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, Poldo Cañizo Durán, Rafael Quintía, Calros Solla e Manuel Bragado.