O mércores 11 de febreiro, ás 11:30 horas, na Biblioteca Xosé Cardeso Liñares de Vilaboa (Culleredo), terá lugar unha tertulia de historia a cargo de Carlos Pereira Martínez, baixo o título de Emilia Calé Torres e Carolina Casanova: a amizade dunha escritora e unha cantante de ópera en Vilaboa. A entrada será libre para o público.
Calendario das Feiras do Libro 2015
Lugo: presentación de Galicia Encantada, de Antonio Reigosa
O martes 10 de febreiro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Noemí López e Manuel Bragado, quen manterán un faladoiro con J. Manuel Blanco Prado, Xosé María Carricoba, María Celina Cruz, Adela Figueroa, Xosé María Gómez Vilabella, Xabier Moure e Isidro Novo.
Vigo: presentación de Feitizo de sangue, de Sabela González
O martes 10 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12, baixo) de Vigo, preséntase Feitizo de sangue, segunda parte da triloxía As crónicas de Landereina, de Sabela González, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participa Francisco Castro.
Eli Ríos: Unha escritora contraria a todo tipo de etiquetas
Entrevista de Carlos Loureiro a Eli Ríos en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Xa estamos un tanto afeitos á precocidade na nosa literatura, algo que no teu caso parece que non é tal ou é que antes de vermos a túa obra xa esta tiña vida oculta?
– Eli Ríos (ER): Na vida acostumo estar en contra das etiquetas porque o único que fan é limitar a visión xeral do conxunto. Acontece que cando leo, por exemplo, un verso de Chus Pato non son quen de poñerlle unha idade. Non é moderna? Ou pola súa poesía non pasan os anos? Ou quizais é que ten un pacto co demo e sabe escribir nas diferentes “xeracións” poéticas polas que foi pasando?
A miña obra parte deste razoamento. De verdade que a quen lle importa algo cantos anos teño? Iso provócalle algunha incapacidade para ler? Precisamos de saber cal é o número do calzado de quen escribe para que un verso nos faga sentir? As obras poéticas, teñen como indicaches no comezo desta entrevista, unha data de publicación. Elas viven por si soas sen contar comigo. Desde que saen publicadas xa non son miñas, son da persoa que le.
– NG: Até os anos oitenta non comeza a se amosar claramente a temática erótica na nosa poesía, ao mellor por razóns sociais… Con todo, aínda hoxe non é algo que estea moi presente, salvando casos puntuais coma ti, Yolanda Castaño… Por que este espazo temático aínda non está tan presente se a fin de contas a poesía e a expresión íntima da persoa?
– ER: Hai moita poesía erótica pero non ten visibilidade. Por que? Imaxino que porque nos falta moito por normalizar. Falar de sexo se non é para algún chiste moi besta aínda produce escándalos. Xa nin che conto se é homosexual! Somos xente moi evolucionada cando falamos de smartphones ou computadores pero a educación xudeico-cristiá-ocidental-heteronormativa non a damos quitado de enriba. A min cústame comprender as persoas que se cren con dereito a entrar na túa casa, opinar sobre o que fas na túa cama e, por riba xulgar, se está ben ou mal. Igual, esas persoas que posúen a verdade universal- e que parece que ten máis peso que a dos demais- deberían facer visitas guiadas á súa cama e aló imos con cadernos tomar apuntamentos. E isto que parece un desvarío aplícase á poesía. Parece surrealista pero en pleno século XXI un poemario erótico de Verónica Martínez Delgado foi cualificado de “cocho”! E, mentres, non espiollemos todos os prexuízos morais desta educación a poesía erótica non terá un lugar normalizado nos estantes das bibliotecas e das librarías. (…)
– NG: Sabemos que nos teus baúis están agardando novos poemarios para veren a luz. Podes adiantarnos algo ou ben teremos que agardar ao resultado dalgúns premios poéticos?
– ER: 2014 foi un ano moi produtivo tanto a nivel de escrita como de recoñecemento pero hai que ser realistas: non se volve dar outra situación igual. Os premios teñen moitos factores que axuntan na decisión final. Date conta que non todos opinamos igual e poñer de acordo a catro, cinco ou seis persoas é complexo. E máis no nivel poético que temos aquí. Os textos que saíron nestes certames pasados non foi envialos e gañar. Non é así de sinxelo. Xa tiñan algún “non” para a súa publicación antes, xa foran a algún certame,… Coñezo moi pouca xente que se presente a un e gañe á primeira e esas persoas xa xogan noutra liga. Isto fai mellor ou peor un texto? Non. Simplemente que cando te presentaches había outro poemario mellor que o teu e iso sempre é un motivo de alegría porque sabes que, en breve, poderás ir á libraría e ler un libro que che faga sentir. Polo tanto, si tentarei que vexan a luz pero se non saen tampouco pasa nada que hai moita xentiña que non deixa esmorecer a poesía galega. (…)”
Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, traspasa formatos
Desde El Correo Gallego:
“Pasaron xa máis de catro décadas dende que Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas viu a luz. Lonxe de esmorecer, o texto reinvéntase con cada nova adaptación teatral. A derradeira, a aposta da compañía Os Quinquilláns, conxuntamente coa Editorial Galaxia, que se estreou en sete concellos en decembro pasado dentro do programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura Nadal na Rede. Agora, o texto neiraviliano traspasará formatos e espera convertirse nunha película de animación. O guionista e director cubano de debuxos animados, Ernesto Padrón, autor da longametraxe animada Meñique, quere converter Espantallo amigo nunha das súas xenuinas obras. Así llo transmitiu ao escritor de Gres (Vila de Cruces) hai unhas semanas.
Segundo explica Neira Vilas, Ernesto Padrón remitiralle unha proposta de animación para que o autor do libro faga as súas aportacións. Xa adianta o escritor que presumiblemente o director cubano cambie o final da historia, por outro máis feliz. “Di que lle parece moi triste. Pola miña banda, non lle poño trabas”. Segundo Neira Vilas, a Padrón gustoulle a humanidade do espantallo, e os valores que se tratan no libro, como a solidariedade, a concordia e a harmonía humana. Valores dignos de ser transmitidos a formato de debuxos animados.”
Radiocrítica do 02-02-2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 2 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de Máscaras rotas para Sebastian Nell, de Alberto Ramos (00.20), Dominio público, de Ramón Neto (8:45), O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos (1745-1970), de Calros Solla (15:18) e de Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado (22:40).”
Pódese escoitar directamente aquí.
Bases do XII Concurso de Relatos Liceo de Noia
Compostela: presentación de Escuro, de Ana Luísa Amaral
A terza feira 10 de febreiro, ás 19:00 horas, na Ciranda (Rúa Travesa, 7, baixo) de Santiago de Compostela, Ana Luísa Amaral presenta o seu máis recente libro, Escuro, publicado por Assírio e Alvim. No acto, xunto á autora, participa Carlos Quiroga.
Celso Emilio Ferreiro sobre a sublevación militar de 1936 en Galicia (vídeo)
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Un amigo faime chegar un documento audiovisual que moito estimo. Trátase dun breve, pero significativo, fragmento tirado da participación de Celso Emilio Ferreiro nun documental titulado ¡Arriba, España!. A devandita peza cinematográfica, dirixida por José María Berzosa, de 120 minutos de duración e estreada en Francia no ano 1976, baseábase nun guión de Berzosa, Ramón Chao e André Camp. (…)
A participación de Celso Emilio, alén de se tratar ao meu xuízo dun documento audiovisual moi valioso, reitera -ao que sei- unha afirmación que o poeta de Celanova compartía a miúdo cando ollaba á sublevación fascista do 36, isto é, na súa opinión a existencia de institucións propias, feito adiado pola incompetencia de diversos gobernos da República, dificultaría que Galicia fose “unha presa doada para os sublevados”, coas consecuencias terribles que isto carrexou.”
O vídeo pode visualizarse nesta ligazón.