“A estrea da Esmeraldina de Ledicia Costas”, por Manuel Bragado

DesdeEsmeraldina_presentacio--n_08-04-2016 Brétemas, o blogue de Manuel Bragado:
“O salón da Casa do Libro de Vigo encheuse de lectores e lectoras de todas as idades para participar na presentación de Esmeraldina, a pequena defunta, a precuela de Escarlatina, a cociñeira defunta, novela coa que Ledicia Costas obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015. Víctor Rivas, o ilustrador de ambas as dúas novelas e creador gráfico do universo do Alén Mundo, confesou que lle encantaba ilustrar por encargo, asumindo cada encomenda como un reto creativo. «No proxecto de Escarlatina / Esmeraldina utilicei a estética victoriana, que sempre me gustou moito, así como unha recreación clásica do macabro».
Ledicia Costas comezou lendo os primeiros parágrafos da novela. «A precuela naceu da demanda das lectoras novas que me pedían unha segunda parte de Escarlatina. Quixen que fose protagonizada por Esmeraldina, o que supuxo o reto de darlle personalidade a esta rapaza, independente e sensible.» «Cando souben que unha filla de Buffalo Bill morrera da febre escarlatina elexín o espazo e o tempo do Salvaxe Oeste. Permitiume incorporar figuras como a de Bill, que estaba en contra da escravitude, e outras literarias como a lenda de Sleepy Hollow, o xinete decapitado, o relato de terror de Washintong Irving». Sinalou Ledicia que na novela, ademais dunha aventura de auténtico terror, quixo abordar os temas da asunción da morte e da soidade, «Esmeraldina ten que aprender a vivir sen a súa familia e ser capaz de poñerse no lugar das outras persoas». Por último, salientou a importancia da cociña na serie e confesou que a receita que pecha O libro d’ A Tremenda, a de Pasteis de Belém, era unha homenaxe a Portugal.”

Ensinar… non sen a poesía, último número da Revista Galega de Educación

DesdeRevista Galega de Educación 64 o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Falamos con Rosalía Fernández Rial e Miguel Vázquez Freire, coordinadora e coordinador deste monográfico da Revista Galega de Educación. A entrevista pode verse aquí.”

A Coruña: Políticas culturais institucionais no ámbito galego, no ciclo Políticas culturais na Galiza

ORamón Villares xoves 14 de abril, ás 12:30 horas, no Salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, terá lugar, dentro do ciclo Políticas culturais na Galiza, organizado pola área de Filoloxías Galega e Portuguesa co apoio da Comisión de Cultura da Facultade de Filoloxía, o coloquio Políticas culturais institucionais no ámbito galego, coa participación de Ramón Villares (presidente do Consello da Cultura Galega) e Anxo Lorenzo (secretario Xeral de Cultura).

A Real Academia Galega pon en marcha o proxecto web Primavera das Letras

DesdePrimavera das Letras RAG a Real Academia Galega:
“(…) A cerna de Primavera das Letras é a páxina web academia.gal/primaveradasletras, desde a que se achegarán distintos materiais, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria. O proxecto está aberto tamén ás familias e a calquera usuario, que poderán acceder aos materiais pendurados neste espazo virtual de acceso libre. (…)
Con estes recursos preténdese contribuír ademais estender a celebración e que “o Día das Letras Galegas sexa algo máis ca un día”. De feito, Primavera das Letras fornecerá de novos recursos a comunidade educativa ao longo de toda a primavera, ata mediados do mes de xuño, achegándolle desde fichas didácticas a actividades interactivas. Os contidos estarán ademais accesibles na web todo o ano co propósito de poderen ser empregados en calquera momento, xerando pouco a pouco un banco de recursos que pretende ser útil para toda a comunidade escolar.
As actividades das fichas didácticas están interrelacionadas con distintos contidos do currículo escolar para facilitaren un enfoque globalizador e interdisciplinar e a súa utilidade en calquera momento. Deste xeito, poderanse traballar na aula contidos de literatura galega, a expresión oral e escrita, aspectos relacionados co coñecemento do medio natural, as ciencias sociais ou a educación artística e a creatividade. Todo isto, a través do universo literario de Manuel María, “unha figura especialmente adecuada para iniciar este proxecto, pola importancia que ten a obra que dedicou de forma específica ao público infantil”, e na que abondan os versos referidos aos ríos, a paisaxe e outros elementos do medio natural, concluíu Henrique Monteagudo. (…)”

Contos pequenos para saír do abicedo, intervención de Armando Requeixo no acto conmemorativo do cincuentenario de Victoriano Taibo

DesdeArmando Requeixo 2015 o Instituto de Estudos Miñoranos:
“Victoriano Taibo naceu na cerna do país, foi durame desa terra na que medrou cando neno, aprendendo da xente nosa os xeitos e os dicires, os contos e os cantos que oíu dende cativiño na fonda que os seus pais rexentaban na Algalia compostelá.
Por iso, cando chegou a mozo quixo estudar para ser ensinante e devolverlle ao pobo todo o que fora e ía del asimilando. E cando principiou a se atrever a dar a coñecer os primeiros escritos, afirmou o seu sentir sen dubitacións declarándose “un rexionalista de toda a vida e case fanático”.
Aquel rapaz que a primeiros dos anos dez enviaba os seus versos a Vida Gallega e Ilustración Gallega de Vigo, á Gaceta de Galicia de Santiago, ao xornal El Ratón de Vilalba e mesmo a Estudios Gallegos de Madrid e Labor Gallega de La Habana foi dos cabezaleiros en dar un paso adiante e, en resposta o que días antes fixeran os seus compañeiros coruñeses, converteuse nun dos fundadores das Irmandades da Fala de Santiago. Corría o 28 de maio de 1916, hai agora practicamente cen anos, e Taibo contaba pouco máis de trinta.
E é que Taibo se sentiu sempre un poeta das Irmandades, pois non en van se comprometeu coa súa causa como secretario das mesmas en Compostela e, como tal, asistiu ás súas asembleas, carteouse con destacados líderes nacionalistas galegos e cataláns e despregou un importante labor como orador e articulista defensor dos seus ideais. Sigue lendo →