Entrevista
a Manuel Portas en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro [Lourenço, Xograr] ten moito diso. É normal falar de clasismo, -palabra moderna-, nunha sociedade estamental. Pero na túa novela pintas unha nobreza que ten moito de frívola, ignorante e inútil…
– Manuel Portas (MP): O que quería era pintar a sociedade da época, si, e niso traslúcese unha análise crítica. Non sei se é verosímil que un xograr faga as análises que fai Lourenzço, pero tamén chega ás conclusións que chega cando está desencantado, porque esa división social é unha barreira que sempre se lle pon diante. Lourenço era unha persoa cunha capacidade impresionante. De feito, todos querían tenzoar con el, así que debía de ser bo. Con outro dos poetas da época, João Soares Coelho, metéronse moito porque tivo o atrevemento de cantar as virtudes dunha ama de cría, unha muller de baixa condición. Así era aquela sociedade. (…)
– P: A etapa medieval é bastante frecuente como tema da nosa literatura. Pero con outros enfoques, como a materia de Bretaña. Seguimos a precisar ir a ese tempo para reforzar a nosa identidade? O pasado de “esplendor”…
– MP: Non hai tanto desta etapa. Si se contou a historia de Xelmírez, por exemplo. Eu penso que é unha etapa moi interesante. Non por unha cuestión de vanagloria, e nunca mellor dito. Pero é que coñecer a nosa historia é moi importante. Naquel momento, se querías trobar tiñas que facelo en galego porque era a lingua de prestixio. Non ten sentido ter oculto ou descoñecer quen somos.
– P: Mais que a literatura fose parte da construción nacional galega, nese sentido, tamén puido ser nalgúns aspectos unha limitación para a súa autonomía. Que pensas disto?
– MP: Non creo que fose así. Todas as literaturas procuran a súa historia. É a identidade literaria dun pobo. Xa o facía López Ferreiro a fins do XIX… Despois tamén se falou desde a literatura de épocas posteriores, as guerras irmandiñas… Non creo que fose unha limitación. É que había unha carencia nese sentido. É interesante saber de onde vimos.
– P: Dicía Gracia Santorum na presentación que era o teu mellor libro. Non sei, pero se cadra si é o máis complexo.
– MP: Pode selo no aspecto da documentación. Non coñeces os datos da xente da que falas, nin sabes como vivían. Por iso eu reivindico especialmente os investigadores que se dedicaron a deitar luz sobre a vida cotiá. Non todo é batalliñas. Lin artigos e teses feitas en Santiago, na Coruña, en Porto… e no Brasil. (…)”
Algo raro pasa raro, novo libro de poemas de Antón Reixa
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Cada vez me vou reconcentrando máis nos vestixios que vai deixando a lingua oral”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Luzia Oca recolle o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Desde
Cultura Galega:
“Hai case un ano que se fallou o galardón, pero foi aínda este sábado 28 de novembro que Luzía Oca recolleu o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. A investigadora fíxose coa XIX edición deste certame coa súa obra Caboverdianas en Burela (1978-2008), migración, relación de xénero e intervención social, un traballo que lle reportou os 4.500 euros de premio e que agora ve a luz da man da editorial Sotelo Blanco. Na súa obra, Oca cuestiona a imaxe de integración que se difundiu sobre este colectivo e “propón estratexias de análise e de integración da comunidade caboverdiana na Mariña lucense, con especial atención ao papel desenvolvido polas mulleres no nacemento e no desenvolvemento dunha nova comunidade ao longo de tres décadas”.”
A Coruña: recital de Miro Villar e Ana Blandiana no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
14 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Miro Villar e a poeta romanesa Ana Blandiana. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos decembro 2015.
Antonio Manuel Fraga gaña o I premio Antón Risco de literatura fantástica
Desde
Urco Editora:
“Reunido en Ourense, no Restaurante “O Pingallo”, a quinta-feira día 10 de decembro de 2015, o xurado formado por Mario Regueira, Isabel Mociño, Mila da Aira, António Sague e João Madureira e actuando como vogais da Urco editora e sen voto, Tomás González Ahola e David Cortizo Conde, decidiuse que, de entre as dezaoito obras recibidas, o primeiro premio Antón Risco de literatura fantástica recae sobre a obra presentada baixo o título Querido H. P. L. que, logo da apertura da plica, resultou ser da autoría de Antonio Manuel Fraga Allegue.
Asemade, pola súa calidade, o xurado tamén decidiu nomear finalista a obra Peixe Babel, da autoría de Carlos Quiroga, que será premiada coa súa publicación.
En Ourense, 10 de decembro de 2015″
A Coruña: encontro literario con Francisco Castro arredor de Tes ata as 10
Entrevista a Ledicia Costas sobre Escarlatina. A cociñeira defunta
Manuel Rivas presenta O último día de Terranova
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A ameaza de peche abre as portas da historia da libraría Terranova e as vidas que abriga. ‘A cultura é o grande barómetro. Os grandes problemas da humanidade son no fondo problemas culturais’. A entrevista completa a Manuel Rivas pode escoitarse aquí.”
María Lado e Lucía Aldao: “Aldaolado poden ser nazón, somos autosuficientes”
Entrevista
a María Lado e Lucía Aldao en Luzes:
“(…) – María Lado (ML): Eu levo unha idea na cabeza cando me sento a escribir, pero unha idea vaga, unha imaxe ou algo así. Despois escríboo de cincuenta maneiras diferentes ata que me gustan as palabras coas que transmito a idea. E ao escribir xa van aparecendo novas cousas. Pero non adoito levar o poema na cabeza, así tal cal, con palabras e todo. Ti si?
– Lucía Aldao (LA): Non non, eu non levo na cabeza as palabras, pero si o poema. É difícil de explicar. Teño imaxes, moitas, e teño versos, uns cantos. Tamén teño unha idea, pero sempre a perdo en canto me poño a escribir. Hai versos que me levan a outros lugares e xa non volvo. Cando escoito iso tan típico de que escribir é poñer orde, flipo. O caos no que caio gústame. Son feliz toleando diante da folla de word.
– ML: Para min tamén é un pouco deriva, sempre sorpresa. Pero creo que escribir sempre é así. Eu as veces que escribín teatro: non facer adaptacións, senón escribir pezas, sempre me pasou así. Paréceme un proceso que engancha, como se non soubeses que vai pasar despois. Por iso me encantaría escribir unha novela. Durante o tempo que botas escribindo tes coma unha vida oculta na que pasan cousas que ti fas que pasen, pero que tampouco sabes moi ben controlar de todo. É unha droga coma outra.
– LA: Claro! Eu fantasío a saco coa idea de escribir unha novela, pero nunca pasei dos relatos.
– ML: Eu paseino xenial escribindo teatro, aínda que eses textos non chegasen a nada. Só o pracer que me dou o proceso xa é o mellor pago. Vaia, isto do mellor pago non se pode dicir por aí, senón enseguida empezan a querer pagarme en «pracer de escribir». Co traballiño que me custou que me pagasen por escribir (…)”

