Xerardo Quintiá gaña o XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón con Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación
Desde
o Concello de Dodro:
“O sábado 12 de decembro produciuse na Casa da Cultura de Dodro o fallo do xurado da XXVIII Edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, na que resultou como gañador Xerardo Quintiá Pérez coa súa obra Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación. A obra do poeta, narrador e autor de literatura infantil e xuvenil, forma parte de Fornelos&Fornelos, cuxa primeira parte, Fornelos&Fornelos. Primeira Fundación, foi premiada co Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño na súa XI Edición.
O xurado destacou o elevado nivel de todas as obras que se presentaron ao Premio, decantándose pola de Quintiá debido ao seu estilo sobrio e limpo, que vai ao esencial mantendo un ritmo constante que alterna poemas con moita musicalidade con outros máis próximos á prosa ou á lingua falada dándolle riqueza tonal. O poemario é unha constante reflexión do que somos, facendo unha intersección entre pasado e presente, con referencias culturalistas da literatura universal que enriquecen o texto e lle dan un novo sentido.
Grazas aos membros do xurado pola súa colaboración, e tamén grazas a Manuel Lorenzo, irmán do noso autor, e aos seus dous amigos, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, sempre presentes para lembrar a Eusebio.
A cerimonia de entrega será o próximo día 19 de decembro ás 17:30 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, onde vos agardamos a todos e todas para honrar novamente ao noso poeta.”
Conversa con Berta Dávila, gañadora do Premio Guillermo de Baskerville
Desde
Galaxia:
“A edición en castelán de O derradeiro libro de Emma Olsen, publicada por Mar Maior, acaba de facerse co premio ao mellor libro español independente do 2015. Conversamos coa autora.
– Galaxia (G): Comezamos cun tópico. Que supón para vostede recibir este premio?
– Berta Dávila (BD): Aínda que non só, escribimos na procura do lector. Recibir un premio que vén dos ollos de lectores apaixonados pola literatura é estimulante. Tamén o é polo feito de que alguén acollese a Emma Olsen fóra de Galicia. Pódese escribir desde o galego para todo o mundo, e que chegue a persoas que falan outra lingua. Iso é emocionante.
– G: Semella que esta obra está a darlle moitas alegrías…
– BD: É así. Foi fermoso escribir este libro cando ninguén sabía que este libro existía, e é fermoso escoitar a cada un dos lectores. Nese sentido, ademais da boa acollida que recibiu dos lectores e da crítica, entusiásmome cando paso polos clubes de lectura e debato, ás veces con moita fondura, sobre literatura, perda, identidade, fracaso e destino, que son cousas das que fala a novela. Iso é un luxo.
– G: Case se pode dicir que houbo unanimidade no xurado en distinguir o seu libro como o mellor. E xa van moitos premios. Ata que punto isto representa unha presión para seguir escribindo novas novelas? Porque agora hai que estar á altura desta…
– BD: Representa máis da que eu pensaba. A pantasma de Emma Olsen estivo moito tempo sobrevoando a mesa cada vez que trataba de afrontar proxectos novos ou avaliar a supervivencia de proxectos en marcha. Decateime, chegado un punto, de que escribía por oposición ao libro, algo que é absurdo. Agora coido que matei a pantasma e volvo escribir como fixen sempre, o que me apetece e o que sinto que me representa.
– G: Con que vai sorprendernos Berta Dávila na súa próxima achega literaria?
– BD: Con outra novela. É o proxecto que máis me entusiasma agora. Non quero adiantar nada porque gardo con moito mimo o segredo do que escribo mentres a escrita está en curso, como fixen con Olsen. O único que podo dicir é que é un libro que me tocaba escribir, e ao que estou intimamente vencellada que, se cadra, xa é dicir demasiado.”
Land Rover, de Suso de Toro, en búlgaro
Desde
Brétemas, de Manuel Bragado:
“Contactei varias veces con Suso de Toro durante a súa viaxe camiño de Sofia onde foi convidado a presentar a súa edición de Land Rover en búlgaro. Unha publicación que constitúe outra proeza de Jonathan Dunne e Tsvetanka Elenkova, editores que apostan coma ningún outros coñecemos pola tradución da literatura galega, no seu caso ao inglés e ao búlgaro dende a súa editorial Small Stations. Xaora, esta tradución ten moita miga, tanto polo feito de poñer en valor diante doutro público outro dos nosos clásicos contemporáneos, escrito hai vinte e sete anos, que como Polaroid, Ambulancia, Tic Tac e A sombra cazadora revolucionaron a narrativa galega, como polo respecto e admiración co que sabemos está sendo recibido o escritor Suso de Toro. Esta tradución de Land Rover, novela na que está o xermolo da narrativa bíblica do autor, na que se inscriben a fábula e a historia, o mito e a realidade, espreita sobre a necesidade de estudar e pór en valor a obra dun autor fulcral das letras do noso tempo.”
Reboreda (Redondela): coloquio e sinatura de libros, con Ledicia Costas
O
mércores 16 de decembro, a partir das 18:00 horas, na Libraría A Carambola (Camiño da Carambola, 24), en Reboreda (Redondela), Ledicia Costas manterá un coloquio co público presenta e asinará exemplares das súas obras.
Ti víchesme o outro día, obra gañadora do XVI Certame de poesía Díaz Jácome para novos creadores
Desde o Concello de Mondoñedo:
“Mateo Buján Varela, veciño de Mugardos, foi o gañador do XVI Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. O traballo presentado polo gañador que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título Ti vichesme o outro día.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra Turxencia na pel, da que é autora, Antía Juncal Avendaño, de Bueu.
Raúl Costas Pereira, acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra Actualidade. Raúl Costas é de Nigrán.
A entrega do Premio terá lugar o vindeiro sábado, 19 de decembro a partir das 12:15 horas da mañá segundo o seguinte programa:
– 12:15 h. Recepción oficial na Casa do Concello.
– 12:30 h. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”
Compostela: presentación de Romaría de historias, de Xosé Neira Vilas
Compostela: presentación de O último día de Terranova, de Manuel Rivas
O
martes 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar o acto de lectura, presentación e coloquio sobre a novela O último día de Terranova, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.
Susana Sánchez Arins: “seique achega a justiça poética de fazer conhecidos os maldosos anónimos da repressão”
Entrevista
a Susana Sánchez Arins no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): seique é o novo livro da susana. que vão encontrar as e os leitores em seique?
– Susana Sánchez Arins (SA): as leitoras vão dar, de entrada, com uma estória de família, de um tio manuel que foi de meu pai e foi mui mau, seique; para de aí dar, passo a passo, com a história mais terrível do país: parto das maldades familiares para tratar do horror da repressão franquista. de passagem, encontrarão uma reflexão sobre a importância da memória e da dignidade na derrota. [sei que não é muito padrão o termo estória, mas se mia couto pode, eu sinto-me autorizada para o utilizar também, e ademais neste caso quadra estupendamente] (…)
– PGL: seique é uma historia poderosíssima. como está sendo recebida?
– SA: acho que mui bem, muito melhor do que eu contava.
eu estou orgulhosa do resultado final do livro, não vou exercer aqui a falsa modéstia. estou orgulhosa porque é desses estranhos casos em que o produto final saiu mais rico e formoso que o produto planificado por mim no início. adoita acontecer ao invés [quando menos a mim]: aquilo que sai publicado não é tão bom como tu sonhaste, sempre escreves pior na realidade que nos teus pensamentos. porém neste caso não foi assim: no processo de escrita dei com uma multidão de ideias e recursos com que não contava, que melhoraram o produto final.
mas também sou realista. sei como se move o campo literário. sei que escrever com nh pecha portas e janelas, que resta visibilidade às obras. e ver o seique entre os dez mais vendidos no mês de outubro para mim foi um shock, pois não contava com tal cousa.
em todo o caso, o mais agradável estão a ser os comentários das leitoras: gostam da forma e o fundo, seique ficam seduzidas pola narrativa e ando a roubar-lhes horas de sono. e, sobretodo, seique está a despertar conversas nas cozinhas, a eliminar silêncios familiares noutras casas, e esse era o objetivo final da escrita. (…)
– PGL: seique é um livro memorialístico. que achega ao campo da memória histórica?
– SA: para mim achega a justiça poética de fazer conhecidos os maldosos anónimos da repressão. a destruição do silêncio cúmplice. após a grande preocupação dos últimos anos por recuperar os nomes das vítimas e devolver-lhes a dignidade arrebatada, creio que é tempo de dizer bem alto, também, os nomes dos vitimários. em 2016 farão-se os 80 anos desde o golpe de estado fascista, a vaga de terror que o seguiu e a repressão da ditadura. 80 anos são avondos.
e reclamo a atenção às estórias frente à história. na atualidade é complicado fazer história daqueles tempos. a história exige fontes documentais contrastadas e, com grande sucesso, o fascismo preocupou-se mui muito de apagar qualquer pegada documental das suas muitas feitorias. e tanto protagonistas como testemunhas diretas estão, quase todas, mortas. porém a tradição oral, as memórias familiares, guardam muita informação do que em verdade sabemos que (sei que) aconteceu. eu animei-me a contar as memórias familiares dessa repressão. e animo outras netas, outros netos, a fazerem o mesmo.”
Coñécense as autoras premiadas polo Xurado e a Audiencia do IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Evasión de Clara Gayo e Non teño espello no baño de Avelina Pérez Pérez, premios do Xurado e da Audiencia do IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. A noticia completa pode escoitarse aquí.”

