A novela Silencio, de Fran Alonso, publicada en Xerais, será presentada o xoves 27 de novembro, ás 10:00 horas, por videoconferencia ante o alumnado dun Instituto de Vigo e outro de Ferrol. O encontro terá lugar no IES Valadares de Vigo, desde onde será retransmitido ao IES Saturnino Montojo de Ferrol, que participará de forma activa. No acto de presentación intervirán, xunto ao autor, Manuel Bragado, Ramón Nicolás e o alumnado dos dous centros de ensino galegos, que realizarán comentarios sobre o libro e preguntas dirixidas a Fran Alonso.
Así mesmo, a presentación será retrasmitida por twitter baixo o hashtag #Silencio e desde a conta @bretemas. Durante os dous días seguintes, os rapaces/as que o desexen poderán formularlle preguntas ao autor a través da súa conta de twitter: @franalonso
Cuestionario Proust: Antón Dobao
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antón Dobao:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Talvez certa tendencia a evitar situacións conflitivas. Pero non sei eu se se pode extraer e illar un trazo do meu carácter e consideralo principal. Supoño que o meu carácter é un conxunto de riscos amalgamados que non se entenden nin funcionan uns sen os outros. En calquera caso, non son eu moi hábil para definirme con tanta precisión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O uso racional da intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– A inxenuidade é unha eiva? Pois esa, talvez…
5.– A súa ocupación favorita?
– Estar. Escoitar. Falar. Xogar. Ler. Escribir. Escoitar música. Ver cine. Ver un partido de fútbol…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir. Compartir os bos momentos coas persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ver sufrir a xente que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Non teño problema co que son, síntome conforme comigo mesmo e co que fago. Ás veces teño a sensación de que me gustaría ser un músico de rock and roll subido a un escenario interpretando un tema que todo o mundo canta. É unha fantasía inxenua circunscrita a un momento moi concreto. Pero non invalida o feito de que me sinta conforme co que son. É apenas un xogo.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– O encarnado.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A hortensia, a azalea, a gardenia, a rosa vermella, o caravel… Son moitísimas as flores que me gustan. Creo que non hai ningunha que non me guste.
12.– O paxaro que prefire?
– A andoriña.
13.– A súa devoción na prosa?
– Méndez Ferrín.
14.– E na poesía?
– César Vallejo.
15.– Un libro?
– Moitísimos. Pero quizais A metamorfose.
16.– Un heroe de ficción?
– O Sinbad de Álvaro Cunqueiro.
17.– Unha heroína?
– Phoebe, a irmá de Holden Caulfield.
18.– A súa música favorita?
– O rock and roll, Lou Reed, Pink Floyd, King Crimson, Bowie, Patti Smith… Pero tamén gozo con outros tipos de música.
19.– Na pintura?
– Leopoldo Nóvoa, Quintana Martelo, Reimundo Patiño, Antonio Murado…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera dos sen nome. Meus pais, por exemplo.
21.– O seu nome favorito?
– Catuxa.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impostura.
23.– O que máis odia?
– A explotación. O abuso. A violencia contra os e as débiles…
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, Franco, Mussolini, Pinochet… Talvez todos constitúan unha única figura.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia do pobo vietnamita. Pero tamén a resistencia soviética na batalla de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ningún en especial. Máis aló dos que nos fan humanos, como o da intelixencia e a razón, o da linguaxe, etc., non creo que existan dons que distingan uns humanos de outros. Se acaso, habilidades, pero esas adquírense.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– É algo no que evito determe a pensar. Non teño, por tanto, un gusto especialmente formado. Supoño que será porque non me gustaría morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Positivo e optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Non sei se neses casos se pode falar de defectos. A inocencia paréceme digna de empatía, pero eu non falaría de indulxencia. Quen son eu para ser indulxente con ninguén.
30.– Un lema na súa vida?
– Liberdade, igualdade, fraternidade. E viva Galicia ceibe e socialista… Non son exactamente lemas para unha vida, pero dá igual.”
Carballo: presentación de A segunda lingua, de Yolanda Castaño
Ferrol: presentación de Silencio habitado, de Olga Patiño
A Coruña: presentación de Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra
O xoves 27 de novembro, ás 20:00 horas, na Linda Rama (Rúa Porta de Aires, 4, baixo) da Coruña, preséntase Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra, publicada por Positivas. No acto, xunto ao autor, participa Francisco Macías.
Booktrailer de Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas
DOR minúscula, videopoema de Dandylady baseado nun poema de Olalla Cociña
Crónica videográfica do VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os, mesa redonda As outras. Os outros
O VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os tivo lugar o sábado 8 de novembro no espazo Cubo da Normal (Paseo de Ronda, 47, A Coruña), contando co apoio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración de Normal (Espazo de intervención cultural da UDC).
Esta é a crónica videográfica da mesa redonda As outras, os outros, con Berta Dávila e Samuel Solleiro, baixo a coordinación de Mario Regueira e o posterior coloquio:
– Presentación da mesa redonda As outras, os outros, con Mario Regueira.
– Intervención de Samuel Solleiro.
– Intervención de Berta Dávila.
– Coloquio posterior con Samuel Solleiro, Berta Dávila e Mario Regueira (I).
– Coloquio posterior con Samuel Solleiro, Berta Dávila e Mario Regueira (II).
Entrevista con Miguel Anxo Fernández arredor de O espido de Gina
Entrevista a Miguel Anxo Fernández en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Tras o éxito dos libros protagonizados polo seu detective Frank Soutelo rompe agora, con O espido de Gina, esa liña de novela negra para propoñer aos lectores unha historia sobre o mundo do cinema. Un mundo, por outra banda, moi vencellado ao seu labor profesional.
– Miguel Anxo Fernández (MAF): É evidente que hai unha procura de querer descolgarte un pouco do que é o personaxe de Frank, protagonista dos meus últimos libros; pero tamén é certo que levo escribindo e reescribindo O espido de Gina dende hai xa dez anos. A orixe desta novela atopámola nun relato longo escrito para o libro Capitol, última sesión. Carlos Lema, o meu editor, convidoume a deixar ese relato fora de Capitol e publicalo como unha novela curta. Polo medio cruzáronse os libros de Frank Soutelo mentres que O espido de Gina foi medrando aos poucos.
Co paso destes anos teño para min que Lema acertou ao me indicar que vía nesta historia unha novela. (…)
– FL: A conexión entre a súa literatura co mundo do cinema. Velaí están capítulos xeralmente curtos, conectados uns cos outros como se fosen secuencias cinematográficas e que permiten ao lector engancharse á historia dun xeito rápido.
– MAF: Á hora de narrar eu reflicto o que vivín e o que vivo. O meu obxectivo, cando escribo, é comunicarme cos demais. Se non o consigo para min é un fracaso. Esta afirmación pode causar controversia, e alguén pode vir e dicirme: “Ti escribes o que a xente quere ler”. Non. Eu como narrador quero acadar e plasmar as claves necesarias para que o lector se enganche á miña historia, sexa logo esta a historia que sexa.
Se eu escollo para O espido de Gina o mundo do cinema é porque levo vendo filmes dende os cinco anos. Iso, dun xeito máis ou menos consciente, condiciona o teu pensamento e a túa forma de contar. Eu sei que internamente, cando escribo, o que fago é narrar e montar; outras veces -isto dun xeito case que inconsciente- cando falo dalgunha novela miña, falo dos capítulos como se fosen secuencias. Todo iso ven influenciado por ese mundo do cinema ao que estou tan exposto. (…)”