O
xoves 3 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase a novela Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Suso de Toro, Pablo Vaamonde e Manuel Bragado.
Vigo: presentación de O libro das amigas, en homenaxe a Begoña Caamaño
Xabier Quiroga: “Hai unha mecha acesa, que di moito do que virá, xa sexa revolución ou desfeita dun sistema caduco”
Entrevista
de Montse Dopico a Xabier Quiroga en Praza:
“(…) – Praza (P): Nada máis comezar a novela [Izan o da saca] vese a conexión con O cabo do Mundo: o barqueiro, o taxista Reina, o tema da represión franquista… Pensaches, dalgunha maneira, esta novela como continuidade de O cabo do Mundo? Por que decidiches recuperar ao Reina?
– Xabier Quiroga (XQ): Para nada. Izan o da saca ten entidade propia e esa conexión coa Ribeira Sacra foi o resultado dunha decisión de autor: onde situar os feitos concretos da historia que se quere contar? Despois de meditalo, descartei a primeira opción, o Courel, e decidinme pola zona que máis coñezo e que aparece nalgunha das miñas obras anteriores. O motivo: crin que lle cadraba mellor un refuxio nazi nun lugar recóndito e espectacular como é o Cabo do Mundo. E o do barqueiro como personaxe, resulta unha novidade na miña novelística, aínda que teña escasa participación. De todas maneiras recoñezo que o resultado provoca no lector unha inmediata conexión coa novela que nomeas. En canto ao Reina ou Reiniña como protagonista, foi o resultado doutra decisión: tiña a historia planeada e feitas as investigacións, tiña a zona onde quería situar o remate, faltábame un investigador que remexese nese pasado nazi galego, tan escuro e perturbador, e como non quería un detective con carné nin un policía ao uso, caín na conta de que o Reina da miña anterior novela lle acaía a esta. Como ves, escribir consiste, ademais doutras lerias, en tomar moitas decisións. (…)
– P: (…) Sae polo medio o 15-M… e un discurso escéptico sobre o que movementos coma este poden conseguir, malia teren razón, debido á loita tremendamente desigual… As reflexións do personaxe son tamén túas, neste caso? Digo porque todas as túas novelas teñen que ver con iso: a loita contra o poder, a procura da liberdade… E semella raro que a posición sexa tan escéptica se o punto de partida é ese…
– XQ: As reflexións do protagonista sobre os movementos sociais, neste caso o 15-M, son as de calquera que pense, que se pare e reflexione. Facéndoo, axiña se chega ao escepticismo, maiormente vendo os medios oficiais revolverse a toda mecha para esnaquizar esa rebeldía que non só é xeracional, senón que ten unhas raíces máis profundas. Pero as reflexións do personaxe principal da novela, se non coinciden exactamente coa miña visión, tampouco pasaría nada, pois os personaxes, por veces, son entes que adquiren algo así como independencia ou vida propia, e ti, como autor, non podes facer outra que deixalos moverse polos feitos e opinar. E falando deste tema, da mecha, creo que hai unha que segue acesa e con futuro, o que di moito do que virá, xa sexa revolucións ou desfeita dun sistema caduco. E xa non imos máis aló, á conseguinte perversión de calquera sistema con boas intencións e sen definir ideoloxicamente.
– P: Hai personaxes que citas que existiron, como Xan de Forcados. Outros parecen inspirados en figuras reais. (Un historiador determinado, por exemplo). Que teñen de documentación e de ficción os personaxes principais? Mesturar as dúas cousas é algo que fas moito.
– XQ: Gozo documentándome e investigando para as miñas novelas, recoñézoo. Tanto como escribindo. Nesa tarefa dou coa realidade de feitos e de persoas que, considero, son de novela. De aí que as verta nas páxinas. Pero unhas son realidade constatada e outras mera invención. Moitos lectores me teñen manifestado que se puxeron a buscar información sobre tal ou cal personaxe ou circunstancia, e iso é importante. Mover á acción. Procurar por un mesmo. E eu non vou descubrir canto é real e canto ficción. O que si me gustaría advertir é que seguramente o real supera ou é moito peor cá invención. (…)”
Manuel María: o dereito á dignidade e á enteireza
Reportaxe
de Montse Dopico en Praza:
“A poesía de Manuel María, -dixo Uxía-, leva música dentro. Como Rosa namorada, poema dedicado a Saleta Goi. “A terra faise en ti,/ Saleta, sutileza,/ chama apaixonada/ e transparente,/ levidade de neve,/ torrente e forza/ de seiva poderosa”. Ou como O Melro, que Xabier Díaz cantou con Uxía, no que foi outro dos momentos máis álxidos do concerto, xunto con Heiche dar un bico e, despois, a moi actual Bando. “Dende agora as pombas teñen/ que pedir licencia para voar”. “Prohíbeselle á lúa/ andar ceiba de noite polo ceo”. Na mesma senda reivindicativa, veu despois a tamén moi coñecida O idioma. “O idioma é a chave/ coa que abrimos o mundo:/ o salouco máis feble,/ o pesar máis profundo”. (…)
A musicalidade dos versos de Manuel María é tamén destacada polo compositor e escritor Paulino Pereiro no libro A propósito de Manuel, editado pola produtora Nós, que acompaña o documental Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra, dirixido por Margarita Ledo e tamén publicado por Nós. “Chao xurdiu coa ocasión da lectura do poema de Manuel. As palabras, o contido do poema, o ritmo e as sonoridades vocálicas e consonánticas, todo iso suxería música, sons que houbo que domear organizándoos para a expresión das ideas filosóficas do falante”, explica Pereiro, que traballou con Chao, de Manuel María, na súa colección de pezas pianísticas O tempo nas voces. Op. 82, na que evoca musicalmente as sensacións que suscitan os versos de poetas de distintos lugares e tempos.
“Cando eu xa estexa canso de verdade/ e as cousas e o mundo non alcendan/ en min nengun fervor, quero/ deitarme, Outeiro, no teu chao,/ contemplar o brillo das estrelas,/o paso das nubes tráxicas e grises/ mentras, con todo o meu ser, vou,/ moi de vagar, dun xeito lúcido,/ facéndome, pra sempre, terra túa/e ensumíndome, calado, no teu seo”, di Chao. E con Chao, -explicou Margarita Ledo na presentación en Numax do libro+DVD de Nós-, coa voz de Miguel Anxo Fernán-Vello, empeza Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra. Un filme de 2005 agora reeditado co engadido do libro, que presenta as distintas faces da vida de Manuel María a través da súa propia voz. (…)
Neste mesmo libro, Darío Xohán Cabana sinala algo que tamén comentou Ledo en Numax: “Manuel María encabeza historicamente a que nós chamaremos Xeración dos Cincuenta, a Grande Xeración, a gloriosa constelación que puxo o seu xenio e a súa enerxía militante ó servizo da resurrección das letras galegas feridas de morte pola ditadura fascista, e que acabou de conformar a estrutura esencial do edificio da Literatura Galega moderna tal como hoxe a percibimos”. (…)”
Vídeo da presentación de Cicatrices de Ferro nas Palabras, con Carlos Callón e Paulo Filgueiras
Diálogos Manuel María: Teresa Seara
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Diálogos Manuel María é unha proposta do Diario Cultural arredor da figura homenaxeada en 2016 co Día das Letras Galegas. Aquí pode escoitarse a intervención de Teresa Seara.
Entrevista sobre Curso de Linguística Geral, de Igor Lugris
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O novo libro de poemas de Igor Lugrís publicado por Através Editora. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Francisco Castro desmonta o mito do amor romántico
Desde
A Revista da Televisión de Galicia:
“Francisco Castro é o autor de Amor é unha palabra coma outra calquera, unha novela de amor contra o amor. Nela busca desmontar o mito do amor romántico. Transcorre en tres días en que a protagonista se enfronta a si mesma, á morte e revisa a vida pasada co seu home. Desde que chegou ás librerías está a ter moi boa a acollida, o 9 de marzo preséntase en Compostela. A entrevista completa pode verse aquí.”
Beatriz Maceda Abeleira: “Estou convencida de que os libros cambian ás persoas”
Entrevista
a Beatriz Maceda Abeleira en Biblioteca Ágora da Coruña:
“(…) – Biblioteca Ágora (BA): E en que te inspiras para escribir as túas historias?
– Beatriz Maceda Abeleira (BMA): Eu creo que o feito de ser docente é fundamental. Os dous libros que teño publicados están pensados para eles. Eu teño un fillo que naceu no 2000, Man morreu no 2002 e entón pensei que os nenos tiñan que coñecer a unha personaxe como Man que ten tantos valores que aportar. Un deles fundamental é que se pode vivir con moi pouco. E o O álbum de Garrincha tamén é un libro cun sentido bastante pedagóxico. Fala de integración, fundamentalmente, fala do gusto polos libros, da importancia da amizade. De feito, a idea xurdiu nun centro dando clase cuns alumnos, no cole de Carral. Entón, creo que a docencia é fundamental pero logo é que a vida mesma está chea de historias: un paseo pola rúa e xa xurden moitas. Logo hai que escribilas e chegar ao lector, que é o máis complicado. (…)
– BA: A través da escrita tamén se pode cambiar o mundo..
– BMA: A literatura é fundamental. Para min é un acto de reivindicación e de compromiso. Cando escribo unha historia tamén hai un compromiso cos lectores de coherencia e de transmitir temas que realmente están ahí na sociedade. Eu estou convencida de que os libros cambian ás persoas, o que hai é facer que cheguen as persoas aos libros, que ás veces non é doado. (…)
– BA: Agora estás facendo rolda de presentacións da túa última obra, O álbum de Garrincha. Tivo boa acollida este libro?
– BMA: Si, de feito eu quedei abraiada, saíu en xullo e xa vai na segunda edición. Para unha autora coma min é todo un éxito que aos catro meses xa vaia pola 2ª ed. Sei que gusta moito, chámanme de moitos colexios e institutos e ademais mándanme moitas entrevistas para facer por mail con alumnos. O outro día estiven no Colexio de Arzúa e é un subidón total ver a sesenta nenos aos que lles encantou Garrincha, que che están dicindo que ten que haber unha segunda parte porque hai cousas que quedaron sen explicar. E resulta moi interesante a visión deles do libro porque cóntanme cousas que eu cando o estaba escribindo nin as pensara. Este libro ten o aliciente do fútbol. Eu tiña unha intención e é que ao ser Garrincha un futbolista que non coñecen os nenos de agora pero si os seus pais, enganchar aos pais co rapaz para que leran xuntos o libro. Iso o fago moito co meu fillo e é interesante falar con eles despois da lectura, créase complicidade e sempre lembrarán eses libros que leron contigo. Alegreime moito de descubrir que en varios clubes lectores nos que estiven pais, nais e nenos/as leran o meu libro xuntos. Garrincha conseguiu iso. (…)”
Bases do Concurso E ti, que vés lendo?, da Federación de Librarías de Galicia
“- Obxecto do concurso
A Federación de Librarías de Galicia (en diante a Federación), organiza e encárgase do desenvolvemento do sorteo de 4 vales de 20 € cambiables por libros en librarías da Federación que participen neste.
– Nome da promoción
“E ti, que vés lendo?”
– Datas e ámbito do concurso
A participación no sorteo iniciarase o 1 de marzo e finalizará o día 30 de xuño de 2016.
O sorteo celebrarase mensualmente o día 2 do mes seguinte.
O sorteo realizarase asignando un número na base de datos a cada inscrición. Realizando o día do sorteo un proceso automático que elixe aleatoriamente entre os números que conforman a base de datos os números dos gañadores.
– Participantes
A convocatoria está aberta a calquera persoa física, con exclusión das persoas xurídicas e calquera tipo de asociación.
Considerarase participante a toda aquela persoa que seguindo as instrucións de participación do concurso, estea en posesión dun código alfanumérico enviado por correo electrónico dende a Federación.
Para a obtención do devandito código previamente hase de suxerir a recomendación dun libro cubrindo o cadro de inscrición e recibido un correo electrónico co devandito código alfanumérico.
Cada concursante poderá participar un número ilimitado de veces. O código alfanumérico, que recibe cada participante de forma automática, só será valido para o concurso activo nese mesmo mes.
– Descrición e mecánica da promoción
Os gañadores do concurso recibirán un correo electrónico notificándolles que obtiveron o vale mensual correspondente sorteado e dándolles instrucións para poder cambiar este.
O procedemento de selección dos gañadores realizarase por medio da extracción dos seus códigos alfanumérico da base de datos onde se rexistran ao participar.
O troco do vale realizarase logo da identificación do gañador, tendo que presentar o correo electrónico en que se indica que foi gañador e o código alfanumérico na libraría na cal vai realizar o troco.
– Premio e especificacións do seu uso
O premio a entregar, consiste nun vale de 20 € cambiable por libros na libraría da Federación elixida polo gañador do sorteo.
En ningún caso o premio ou parte deste poderá ser substituído polo equivalente en metálico.
Os vales poderán ser cambiados ata o 30 de setembro de 2016. En caso de non ser cambiados antes da devandita data procederase á anulación do vale.
– Protección de datos persoais
De conformidade co establecido na Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais que vostede nos facilita serán incorporados a un ficheiro automatizado e rexistrado na Axencia de Protección de Datos denominado, CLIENTES cuxo responsable é a Federación de Librarías de Galicia. Os seus datos serán utilizados para a xestión deste concurso, así como para facer comunicacións comerciais de publicacións de interese.
Ao participar neste concurso autoriza a utilización dos seus datos persoais para o fin indicado.
Poderá exercer en calquera momento, os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos pola Lei, dirixíndose á Federación de Librarías de Galicia, domiciliada en República do Salvador, 28 Entresollado, 15701 de Santiago de Compostela.
Se vostede, non desexa que os seus datos sexan incorporados ao citado ficheiro para a recepción de información nos termos indicados envíe un correo electrónico á Federación, ao seguinte correo libreiros@librarias.org
– Dereito de exclusión
Quedan excluídos deste concurso todos os membros da Federación de Librarías de Galicia, os seus empregados, e todas as persoas que colaboren neste concurso.
A Federación resérvase o dereito de rexeitar como gañadores do Concurso aos participantes:
Cando se identifiquen con datos falsos ou haxa indicios que razoablemente puidesen levar a pensar que os datos son falsos. Para estes efectos, poderase esixir aos participantes a verificación dos seus datos se o considera oportuno.
Cando, de calquera forma fraudulenta ou artificial, manipulen a súa participación no Concurso.
Cando se incumpran as presentes bases en calquera forma.
– Dereitos de imaxe
A Federación resérvase o dereito de publicación e reprodución da imaxe e datos dos gañadores, en calquera medio ou soporte, coa finalidade de difusión do concurso e o seu resultado.
– Modificacións do concurso
Se causas de forza maior fixesen necesario aprazar, modificar, ou anular o concurso farase constar nas presentes Bases, polo que invitamos a consultalas con posterioridade á participación.
A Entidade Organizadora resérvase o dereito de suspender, aprazar, cancelar ou modificar a duración do concurso en calquera momento, sempre que existan causas que así o xustifiquen.
A Federación resérvase o dereito a evitar que, sobre este concurso, se establezan sistemas de especulación ou de negocios. A tal fin, poderán exercitar as accións legais que considere oportunas.
– Exoneración de responsabilidade
A Federación queda exonerada de calquera responsabilidade que puidese derivar do incumprimento ou cumprimento defectuoso polos participantes no Concurso das presentes bases.
A Entidade Organizadora non se responsabiliza das posibles perdas, deterioracións, roubos, atrasos ou calquera outra circunstancia a terceiros que poidan afectar ao desenvolvemento do presente concurso.
Así mesmo, a Federación non asumirá a responsabilidade por eventuais danos e prexuízos (incluíndo o dano emerxente e o lucro cesante, pero sen limitarse a eles) sufridos polos premiados ou terceiros en relación co regalo ou a participación no concurso, a salvo das irrenunciables por lei.
– Impostos
O regalo entregado encóntrase suxeito ao disposto polo Real Decreto 439/2007 do Imposto sobre a Renda de Persoas e toda a súa normativa regulamentaria así como calquera outra lexislación que resulte de aplicación.
– Aceptación e consulta das bases
O mero feito de participar neste concurso implica a aceptación das presentes Bases sen reservas, así como o criterio da Entidade Organizadora en canto á resolución de calquera cuestión derivada desta.”
