Pontevedra: presentación de O dobrón de a oito, de Alberto Fortes
O
venres 12 de febreiro, ás 20:00 horas, n’ A Casa da Luz (Praza da Verdura, s/nº) de Pontevedra, terá lugar a presentación da novela O dobrón de a oito, de Alberto Fortes, publicada por Xerais. No acto, organizado pola editora en colaboración co Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, Antón Sobral e Manuel Bragado.
Compostela: conversa con María López Sández arredor de O faro escuro
A Coruña: presentación de Entremeses, de Álvaro Antelo
A Coruña: presentación de Lourenço, Xograr, de Manuel Portas
Foise Ángel Rivas Veiga, Mestre da Memoria en 2013
Nova enviada por Antonio Reigosa:
“O luns 8 de febreiro foise Ángel Rivas Veiga, o primeiro Mestre da Memoria que a Asociación Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñeceu no ano 2013.
Nacera en Eirexúa, Xudán (A Pontenova) en 1924. Un narrador oral de raíz, dos de sempre, un arquivo humano de contos marabillosos sen par. O único narrador oral galego escollido para o proxecto La memoria de los cuentos, coordinado por Antonio Rodríguez Almodóvar, patrocinado pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales. Aquí tendes uns datos biográficos e varios vídeos con mostras do seu saber.”
Ferrol: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
Xerardo Quintiá: “A de Man de Camelle é unha historia de procura dunha liberdade absoluta e radical”
Entrevista
de Montse Dopico a Xerardo Quintiá en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que decidiches escribir unha novela sobre Man de Camelle [O viaxeiro radical]? Foi despois da súa morte, polo do Prestige?
– Xerardo Quintiá (XQ): Porque me parecía unha historia moi atractiva, a partir da cal se pode falar de moitas cousas. Ademais, despois da súa morte, Man podía quedar ademais un pouco no esquecemento. Sempre quixen coñecelo, ir visitalo, pero non o fixen. Cando foi o Prestige mesmo estiven traballando como voluntario naquela zona, pero non cheguei a coñecelo. Foi despois do seu pasamento cando decidín escribir esta historia. Nun principio foi bastante difícil porque non sabía desde que perspectiva tratalo. Escribín uns poucos folios e despois tardei anos en retomala. Quixen achegar o que puidera. A historia de Man dá para moito. Fixéronse máis cousas: unha web, unha casa-museo, hai un documental.. É un tema que pode tratarse desde moitas perspectivas. (…)
– P: (…) Ao perigo de que non resulte verosímil. De que o personaxe non resulte real.
– XQ: O máis difícil, en realidade, non foi iso. Foi afastarse dos clixés que había sobre el: o tolo de Camelle que se bañaba espido e ía con taparrabos… Claro que tamén quixen darlle profundidade, emotividade, para que resulte veraz, verosímil. (…)
– P: Gañaches o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Fornelos&Fornelos, segunda fundación. Un libro no que está moi presente a procura do lugar, como en O viaxeiro radical.
– XQ: Fornelos & Fornelos ía ser, en principio, unha triloxía. Pero vai ser máis. Un corpo poético co que vou seguir mentres poida. Fornelos&Fornelos, primeira fundación e Fornelos&Fornelos, segunda fundación, son parte dun mesmo proxecto, nese sentido. É a constatación do lugar, a evocación do lugar, un intento de salvar o lugar a través da palabra. (…)
– P: Fala tamén da poesía como un xeito de salvarse da indixencia. Ten algo metaliterario.
– XQ: Si, a poesía pode ser un xeito de salvarte, de todas esas indixencias que cito, a través da palabra, do idioma. Mais tamén é un intento de salvar un mundo que se extingue a través da palabra.
– P: Iso estaba se cadra máis presente na primeira parte. O rural que esmorece. Tamén porque estaba máis a infancia.
– XQ: Este libro evoca, non é que fale da desaparición do rural. É un canto a algo que xa non existe, cunha vertente aquí si existencialista, non existencial. Si que é verdade que na primeira parte estaba máis a infancia. Este segundo é máis reflexivo, como dicía.”
Ramón Caride fala de Liquidación de existencias
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor Ramón Caride fala de Liquidación de existencias, un libro sobre a actualidade en modo “apocalipse selfie”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
III Certame de poesía da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
“Con motivo da celebración do Día Internacional da Poesía (21 de marzo), a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, convoca o III Certame de Poesía no cal poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos.
Condicións de presentación das obras
O certame consta de dúas seccións:
· Poesía en galego.
· Poesía en castelán.
Cada participante só poderá presentar unha única composición poética optando por unha das dúas seccións: en galego ou en castelán. Quedará descualificado quen presente composicións poéticas en ambas as dúas seccións.
A extensión máxima admitida da composición poética será dun (1) folio escrito a ordenador por unha cara con fonte Arial de tamaño 11 e interliñado de 1’5. Poderá empregarse calquera forma poética (haiku, soneto, verso libre…).
As participacións deberán entregarse no Mostrador de préstamos e devolucións da entrada (planta baixa da Biblioteca).
Os poemas presentaranse sen asinar, cun pseudónimo, e introduciranse nun sobre pechado. No exterior do mesmo o participante deberá escribir os seguintes datos:
· III Certame de Poesía na Biblioteca Pública da Coruña.
· Sección elixida (galego / castelán).
· Pseudónimo do autor/a.
No interior do envoltorio incluirase esta información:
· Folla da composición poética.
· Un sobre pechado cunha folla na que aparezan estes datos persoais do autor/a: pseudónimo, nome e apelidos, teléfono/s, correo electrónico, DNI.
Prazo de presentación: do 10 de febreiro ao 21 de marzo de 2016.
Haberá dous premios aos mellores poemas en lingua galega e outros dos para os escritos en castelán.
Fallo do premio e entrega aos agraciados de lotes de libros e/ou outros documentos o venres, día 22 de abril (ao día seguinte celébrase o Día do Libro) nun acto que se anunciará previamente, e que terá lugar no salón de actos, ás 13 horas.”




